Opinión

Franquismo e "amnistía"

Nestes días asistimos ao debate sobre a promulgación da nova Lei de Memoria Democrática coa controversia de interpretar a posibilidade de xulgar os crimes cometidos pola ditadura franquista. A realidade é que hai catro décadas foi aprobada polo Congreso dos Deputados a chamada Lei 46/1977, do 15 de outubro, de Amnistía. A iniciativa dos representantes do PCE e coa aquiescencia dos integrantes da extinta UCD, do PSOE e dos grupos conservadores vascos e cataláns, o proxecto saíu adiante nun pleno celebrado o día 14. Unicamente a Alianza Popular de Manuel Fraga Iribarne –que nin tan sequera participou nas discusións da Comisión Parlamentar–  decidiu absterse. Aquel día, o ex-ministro franquista e entón deputado Antonio Carro (imputado na causa arxentina por asinar os últimos fusilamentos de setembro de 1975) declarou: “A lei non é boa medicina”. Porén, o texto entrou en vigor tres días máis tarde cando foi publicado no Boletín Oficial del Estado e asinado polo herdeiro da ditadura, o Rei Juan Carlos, e o presidente das Cortes, Antonio Hernández Gil.

A Lei de Amnistía tiña un claro obxectivo: baleirar os cárceres de presos políticos antifranquistas e sacar ás rúas a milleiros de homes e mulleres condenados por participar, en calquera grao, na loita contra a ditadura. Con todo, os resortes da Transición fixeron agromar un aspecto indesexábel que rematou por equiparar vítimas e verdugos, facendo da Lei un instrumento válido para a impunidade e o esquecemento dos crimes cometidos durante catro longas décadas.

A anterior afirmación ten a súa base nun feito fundamental: a inclusión de dous apartados no articulado do texto, en concreto no seu artigo segundo. Alí, o punto e) contemplaba a amnistía dos “delitos e faltas que puideran cometer as autoridades, funcionarios e axentes da orde pública, con motivo ou ocasión da investigación e persecución dos actos incluídos nesta Lei”. E por se non quedaba claro, o seguinte apartado, f), perdoaba os delitos cometidos “contra o exercicio dos dereitos das persoas”. Todo un despropósito.

Os dous apartados citados foron incluídos a última hora na redacción da Lei por iniciativa da UCD, un grupo heteroxéneo que, xunto a Alianza Popular, recollía o pouso do réxime franquista para salvagardar os seus propios intereses. O que resulta inexplicábel é como os propios comunistas aprobaron o texto e, sobre todo, faise difícil entender as palabras de Jaime Sartorius –deputado do PCE e integrante daquela Comisión– cando cualifica de arbitrario e sen fundamento defender que a Lei de Amnistía perpetuou a impunidade do franquismo. Ao noso entender, a Lei de Amnistía actuou –e actúa– como unha máscara para agochar unha lei de punto final. Dende logo, era prioritario liberar os presos, mais a calquera prezo? Non había outra alternativa?

O certo é que a Lei do 77 traballa como dique de contención ante as reclamacións que esixen unha investigación xudicial dos crimes do franquismo. Mesmo o propio Tribunal Supremo, nunha sentenza do ano 2012, afirmou que o texto aprobado hai corenta e catro anos constituía “un pilar básico e insubstituíbel da Transición española”. Deste xeito, axuizar os crimes do franquismo resulta imposíbel. Mais o poder xudicial non se detivo aí: ao Tribunal Supremo deberiamos engadir a Audiencia Nacional e a súa fiscalía que, nun par de ocasións, desestimou enviar á Arxentina a case vinte cidadáns españois (o ministro Utrera Molina, o garda civil Jesús Muñecas, os policías González Pacheco, Jesús González Reglero, Ricardo Algar, Benjamín Solsona...) reclamados para responder sobre supostos crimes de dereito internacional. Tamén a Fiscalía Xeral do Estado aconsellou aos xulgados que non colaboraran coas peticións da xuíza arxentina María Servini sobre o auto de procesamento contra Rodolfo Martín Villa, antigo ministro de Relacións Sindicais e de Gobernación, acusado de “delito de homicidio agravado” e imputado en 2014 por delitos de lesa humanidade, en concreto polos asasinatos de tres manifestantes na brutal carga da Policía Armada en Gasteiz o 3 de marzo de 1976, así como pola morte dunha cuarta vítima, abatida polos disparos da forza pública en Iruña en xullo de1978.

O poder lexislativo tampouco quere saber nada e négase a escoitar calquera petición de auxilio. Non hai moito tempo dende que a uniformidade de PP, PSOE e Ciudadanos botou abaixo unha tentativa para reformar a Lei de Amnistía. Uns anos antes, cos mesmos argumentos, os protagonistas foron, ademais dos citados populares e socialistas, os deputados de CiU. Segundo eles, non ten cabida a investigación de torturas, desaparicións forzosas ou crimes de lesa humanidade. Mentres, os familiares de máis de 114.000 desaparecidos, repartidos en 2.500 foxas comúns por todo o Estado, suspiran por unha xustiza que non chega. Xustiza que non chega tampouco para os torturados, para os encarcerados e os exiliados. Todos agardan sen esperanza. 

Así, tanto a Organización de Nacións Unidas e o seu relator especial, Pablo de Greiff, como Amnistía Internacional e a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, entre outras entidades, afirman que o Goberno español actúa con displicencia cando se trata de dilucidar as graves violacións dos dereitos humanos ocorridos durante a Guerra Civil e a ditadura. Aínda máis: o Estado español esquiva toda busca da verdade, da xustiza e da reparación das vítimas. Iso, malia asinar o Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos.

A Lei de Amnistía de 1977 impide á xustiza actuar en casos imprescritíbeis. Con todo, sempre quedará o Tribunal Supremo como garante da impunidade paralizando calquera tentativa de equidade e solidariedade coas vítimas da represión franquista.

Comentarios