Opinión

Xacobeo ideolóxico

Comecemos por coñecer un pouquiño a nosa historia. De coñecela, levaríamos sorpresas maiúsculas coas mutacións que se teñen producido en fenómenos sociais relevantes. Moitos deles, de subsistiren á súa maneira, perderon a conexión coa causa orixinaria e a súa lexitimidade, a súa orientación e significado. Non foi só debido ao paso do tempo que, como é lóxico, esixe adaptacións e actualizacións. A través delas dáselles un ou outro sentido. Responden, pois, a unha intencionalidade ideolóxica. O fenómeno do Xacobeo foi, en orixe, inseparábel do enorme poder do reino de Galiza no século XII e inexplicábel sen el. En concreto, de dous poderes institucionalizados, os máis simbólicos e influentes politicamente e de maior entidade económica: a Igrexa ou señorío de Compostela, en osmose íntima cos monarcas máis representativos daqueles tempos, Fernando II e Afonso VIII. Esta alianza íntima explícase por seren arcebispos e reis pertencentes ás clases dirixentes galegas, galegos de nación e coniventes na defensa dunha estratexia moi definida: desenvolvemento do comercio, reunificación de Galiza e Portugal, diminución, non eliminación, do dominio musulmán, e moito menos da súa relixión e cultura -tampouco as dos xudeus-, empeño na construción de símbolos que expresasen, na arte e na cultura, a grandeza do reino (remate da catedral románico-gótica máis grande e harmónica da Europa, Pórtico da Gloria, coro pétreo, Panteón real…). E todo isto, en paralelo cunha perigosa e complexa obra de ourivería diplomática: incardinar a igrexa compostelá e galega na igrexa romana que se pretendía universal, mantendo a autonomía de funcionamento, sen Roma pasar a ser un poder asfixiante na vida política do reino. O poder económico con que se contaba foi eficaz, en principio, para mitigar ou anular esixencias romanas de intención non sancta; tamén para lograr privilexios. 

O Papa Alexandre III outorgou á Igrexa de Compostela un privilexio insigne: a concesión do Xubileo de Santiago. Todos os fieis que visitaren a Igrexa de Compostela os anos en que a festividade do Apóstolo caese en domingo, gozarían de indulxencia plena, obtendo a absolución das súas culpas, mesmo nos casos reservados á Santa Sede. Era a apoteose de lexitimación relixiosa para un dos itinerarios mercantís máis activos e dinámicos da Europa. Este logro debeuse ao arcebispo Pedro Soares de Deza, natural desta comarca, de familia nobiliaria-burguesa, antes cóengo da Catedral e bispo de Salamanca, sufragánea de Compostela, galegofalante, claro está, grande preparación intelectual, fiábel, en sintonía co rei Fernando II, sen practicar unha obediencia cega. Ambos, con todo o poder económico e humano, o pobo que tiñan detrás,  deixaron as pegadas da súa obra magnífica. Por que o Xacobeo, e en xeral, e a visita a Compostela está desposuída hoxe do seu contido histórico, cultural, artístico orixinario, os do reino de Galiza e os seus poderes? Os de hoxe incentivan a desmemoria, o desprezo pola historia, a arte e o patrimonio que formaban parte esencial do espectáculo que se pretendía ofrecer ao orbe. Celebran a anulación e ocultación do país. Comezan a aboiar críticas e desacougo. Hai evidencias clamorosas. A veces renxe mesmo a intencionalidade, entre o sectarismo relixioso, a diversión etílica e o agresivo españolismo. Mochilas amoreadas. Nada que ver de nós. Rezos, alcohol e pregarias… O Presidente da Xunta retruca que as críticas son ideolóxicas. Toda crítica, como todo programa cultural ten detrás unha ideoloxía. Importa saber ao servizo de que e de quen, e con que argumentos. O Sr. Rueda serve unha ideoloxía precisa: a que cava fondo a inexistencia de Galiza. Desde logo, non está na onda dos artífices do Pórtico da Gloria nen do Panteón Real. Soares de Deza e Fernando II sonlle tan alleos como ignorados. Ignora e despreza o que realmente temos.  

Comentarios