Opinión

Visión de veraneante

Declara Rodrigo Sorogoyen, director de As bestas, que ten unha relación especial con Galiza porque veraneou aquí, como a co-guionista, Isabel Peña. Aclara tamén que o filme está inspirado, non baseado, nun crime real acontecido en 2010 en Santoalla, aldea de Petín, Valdeorras. As súas declaracións axudan a desvendar a interpretación que se fai da realidade mostrada. Porque, malia o seu recurso á retórica de que todos podemos chegar a ser bestas, a concreción (de lugar, sociedade, cultura, historia, lingua, tradición e idiosincrasia −sic−, palabra usada por Sorogoyen) da historia narrada conducen inequivocamente a estabelecer unha identificación da bestialidade co grupo social autóctono ao que os irmáns asasinos pertencen. Non é que pensemos que un crime semellante non poda pasar nunha aldea galega. Non ten que nos convencer o director español diso. Poden ser peores, aquí, en Valladolid, en Sevilla ou en Madrid. O grave está en que sucede que todos os personaxes representativos do que se considera idiosincrasia galega adoecen de sadismo perverso, limitación intelectual, insensibilidade, covardía, pasividade e mesmo caprichosa afectación do rostro. Dentro do grupo autóctono, só os asimilados ao español manteñen compostura, cordialidade e amizade co matrimonio francés, como se fose a asimilación a única garante de liberación das anteditas eivas. Causa estupor e rabia que se venda o filme tamén como unha denuncia da xenofobia. Alguén que coñeza a sociedade galega pode ignorar a proclividade que temos como pobo a tratar os de fóra (non digamos se é francés ou alemán), cunha consideración que non temos con nós mesmos? Se alguén padece fobia na Galiza son os que manteñen a idiosincrasia galega, sobre todo a marca do idioma propio. Por este camiño, desde o punto de vista lingüístico, non nos atopamos cun retrato realista como se pode pensar. Máis ben, no que toca ao galego, é ambiental, connotativo, elemento que subliña a idiosincrasia, de forma artificiosa, en especial no personaxe de Zahera. O propio título do filme no noso idioma ten esa función. Nada a ver coa forma de usarse o español e o francés. Non é que se subliñe a subordinación de usos do galego. É que se aguzan os estereotipos negativos por usalo.

En efecto, a perspectiva do filme é o da sociedade civilizada, representada polo matrimonio francés, que entra en contraste e contradición nas súas aspiracións coas do núcleo máis bruto dunha aldea galega, resolvéndose o conflito a través dun acoso agresivo que acaba en asasinato de preparación e resolución demorada, lenta. A que lembra, de forma explícita, esta forma de asasinato? Á forma de domar os cabalos na rapa das bestas de Sabucedo, imaxes coas que comeza o filme. O asasinato imita esa forma de doma da tradición popular galega, a nosa idiosincrasia. Esta é a conclusión. A partir de aí, o filme entra nunha deriva feminista. A viúva francesa, muller heroica (grazas á súa tenacidade e paciencia lógranse as probas que incriminan os dous irmáns asasinos), é tamén solidaria, con disposición a amparar a soidade da desolada nai dos acusados, sempre osca con ela e conivente cos seus fillos. A visión de Sorogoyen non deixa de ser o artificio oportunista dun veraneante madrileño. 

Comentarios