Opinión

Unha tríade subversiva

Así cualifica Xosé Díaz, grande estudoso da política económica oficial, a quen seguirei nesta análise, tres instrumentos ou obxectivos derivados da reforma do artigo 135 da C.E, realizada con nocturnidade e aleivosía, a fins de 2011, polo PP e o PSOE, en veloz trámite parlamentar. Constitucionalizaron un principio económico que, segundo a UE, tiña que aplicarse como receita para facer fronte á crise económica : o de estabilidade orzamentaria. Foi o único caso entre os Estados membros que o elevou á súa lei suprema.

Desde entón, é obriga constitucional, desenvolvida por unha lei orgánica a principios de 2012, ter equilibrio ou superávit nas contas das distintas administracións públicas, central, autonómica e local. O déficit considérase, por principio, perverso. Ademais, para alén de non poder emitirse débeda pública sen permiso do Estado, queda estabelecida a porcentaxe desa débeda no 44% do PIB anual (Administración central), 13% (CCAA) e 3% (Concellos). Outra cousa é que se cumpra, especialmente por parte da primeira. A maiores, o pago desa débeda constituirá prioridade absoluta fronte a calquera outro tipo de gasto. A terceira limitación chámase regra de gasto. Vén de ser aprobada para o 2020 nas Cortes, agora co apoio de Unidas Podemos tamén. Consiste en manter o gasto por embaixo do propio medre do PIB nominal. Á vista do devandito, non hai que ser moi perspicaces para nos decatar de que se trata de manter a denominada política de “austeridade” das contas públicas, isto é, en todo o que ten a ver co gasto a favor das maiorías sociais (emprego, pensións, ensino, sanidade, discapacidade…). Deste xeito o que fora presentado como unha política excepcional, temporal, a de estabilidade orzamentaria, pretende facerse eterna.  Máis unha vez a política antisocial enléase coa agresión ás comunidades autónomas, especialmente as que son e se consideran nacións. Non tiñan autonomía financeira, pois carecían de capacidade fiscal, agás o caso de Euskadi Sur polo concerto. Agora quedan sen política orzamentaria propia, imposta e controlada de forma absoluta polo Goberno do  Estado. Négase o autogoberno de forma radical.

Noutras épocas, o capitalismo keynesiano tiña como obxectivo o pleno emprego. Máis tarde o capitalismo limitouse a controlar a inflación. Agora só se obsesiona con controlar as contas públicas. Non quere encarar reformas integrais nin sequera no aspecto fiscal que producirían superávit orzamentario abondoso para avanzar social e economicamente. Un dado elocuente: Os ingresos por IRPF e IVA en 2018 teñen superado xa os de 2007, mentres os do Imposto de Sociedades están na metade. Vese quen paga e quen non, e por conta de quen van os esforzos, sen falarmos da fraude fiscal e do modelo vixente. Por outra parte, causa rubor observar como un Estado que se presenta como o máis descentralizado do mundo ofrece ás CCAA poder chegar ao 0,2% do déficit en 2020 para paliar a falta de cobro do que lles debe polo IVA de decembro de 2017. ¡O dereito a cobrar o que lles pertence convérteno en dereito a endebedarse!  Non cabe dúbida: recentralización e involución social danse da man.

Comentarios