Opinión

A UE na encrucillada

Dá a impresión, xulgando pola información dominante nos Estados da UE, que vivimos en sociedades onde o poder político e o económico gozan dunha lexitimidade derivada dunha razón de proxección universal. É como se estivesen imbuídos de superioridade moral. Semellante actitude, se sempre tivo moito de ficción interesada para xustificar o dominio colonial no propio continente europeo e, sobre todo, noutros, é hoxe unha retórica, entre ridícula e pomposa, que os induce ao auto-engano consciente. E, sobre todo, prívaos da capacidade para actuar de forma realista, non digamos xa ao servizo das súas maiorías sociais, senón mesmo do seu propio interese, dentro do conxunto mundial. Por este camiño, a superestrutura política, inventada para ter un mercado único, ao servizo das grandes transnacionais europeas e norteamericanas, xerarquizada na práctica entre os seus Estados membros, foi completada coa subordinación militar aos USA, a través da consideración da OTAN, como o seu escudo militar. O resultado á vista está: a UE é, por unha banda, un aparello economicista, e, pola outra, un instrumento servil cos USA na súa pretensión de se manter como potencia hexemónica. Non resulta casual, con esta inspiración, o retroceso en materia de dereitos sociais e laborais, por non dicir en liberdades. Tampouco o é que se vexa, a cada paso máis, reducida ou anulada calquera pretensión de xogar un papel decisivo e/ou positivo na política internacional. A súa aparente estratexia internacional común limítase á submisión ao que os USA lle diten no seo da organización transatlántica.

Neste momento, estamos a vivir unha situación desvergoñada, penosa e perigosa. Hai titulares na prensa española máis europeísta que afirman que "a alianza entre China e Rusia ameaza a seguridade de Europa". O argumento é que o gas ruso dependerá, cada vez máis, do que diga Beijing. Hoxe a empresa estatal rusa Gazprom exporta un sexto da súa produción a Europa, especialmente Alemaña. Porén, en tres anos, parece ser que o principal consumidor do gas ruso será China, que condicionaría así o seu prezo. Ao mesmo tempo recoñécese que, como consecuencia da política de castigo contra Rusia, a UE, o seu principal socio comercial e financeiro até hai pouco, está perdendo terreo a favor da grande potencia asiática. Alemaña, primeiro exportador de maquinaria industrial a Rusia foi substituída por China tamén. No terreo dos créditos e os investimentos ocorre igual. A hostilidade occidental contra Rusia e China está orixinando e consolidando a maior alianza económica e militar do mundo, que estuda mesmo pór en marcha unha infraestrutura monetaria independente do dólar. Todo isto sábeno na UE e saben tamén cal foi a actitude con Rusia desde que se pactou a desaparición da URSS e a liquidación dos réximes con socialismo de Estado: primeiro, o intento, que case logran, de reducila a un espazo privilexiado para o saqueo e o espolio, logo o desprezo, a provocación e o acoso. A enfática promesa de Bush pai en 1990 de que a OTAN non se ampliaría ao leste, mudou axiña en cínica burla. Esporeouse unha guerra interna na antiga Iugoslavia, con bombardeos da OTAN incluídos. Xogouse ao peor dos escenarios na Ucraína, sabendo do fráxil equilibrio que había entre rusófilos e atlantistas. Activáronse todas as contradicións culturais, históricas e mesmo raciais para impedir a restauración de Rusia como potencia científica e militar. Agora Biden devece por provocar unha guerra entre Rusia e Ucraína, coa UE xa atada servilmente ao seu carro na OTAN. Dúas imaxes expresivas neste contexto: mesa de negociación de Alemaña, malia estar apuntada tamén ao acoso, con Rusia, por causa dos seus intereses; España, o que mande Biden, e o ridículo do Sr. Borrell, na súa vacua función de alto comisario dunha UE patética.

Comentarios