Opinión

Tribunal da Inquisición

Lendo o informe negativo do Tribunal Supremo sobre a petición de indulto para as  persoas acusadas e condenadas no xuízo polo procés, un ten a sensación de o Tribunal da Inquisición estar vixente. Nel intimídase de forma directa ao Goberno, deslexitimando calquera intención de paliar as secuelas da represión política, xudicial e policial contra o movemento social, os seus representantes e os das institucións cataláns impulsoras do referendo de autodeterminación. O Supremo defende a orde constitucional vixente, como un dogma de fe, tanto no plano teórico, como no da acción política práctica. A discrepancia, mesmo recorrendo só á vía democrática e pacífica, non ten cabida, tratándose do tema en cuestión. A aspiración de unha nación do Estado expresar a súa vontade libremente no relativo á súa forma de integración ou á independencia debe ficar nunha posibilidade de imposíbel verificación na realidade, pois no cabe práctica colectiva que o demande e pretenda facela real. 

A esta altura debera recoñecerse algo evidente. Agás intentar pór urnas e chamar o pobo catalán a expresar a súa vontade nelas, nada houbo politicamente que consumase accións ou feitos decisivos ou decisorios sobre a cuestión que se pasou a consulta, agás unha grave, desproporcionada e vingativa sentencia do Tribunal Supremo como reacción. Vimos si extorsión e violencia  para impedir votar; asistimos a evidentes abusos do Goberno do Estado e de tribunais de xustiza e mesmo administrativos contra a liberdade de expresión e a dignidade dos representantes do pobo catalán, democraticamente eleitos. Os aparatos do Estado usáronse con todo tipo de argucias e violencias por quen controla o poder e a forza. Os presos continúan en prisión após catros anos, negándoselles mesmo  o terceiro grao, como represalia a maiores. 

O Supremo volve agora expresarse co delirio propio de quen, como gardián dun dogma, de obrigada e absoluta confesionalidade, pretende cerrar a porta a calquera posibilidade de diálogo ou mínima concordia: castigo exemplar para quen se mostre activo preguntando ou propondo , en mobilización colectiva, onde está a fonte da soberanía (neste caso, o pobo catalán, ou o pobo español?),  a posibilidade dun Estado republicano e a necesidade de inobservancia de decisións que se aplican pola forza, de forma abusiva e interesada, con amañada interpretación da propia legalidade. Desde unha posición dogmática intolerante o Supremo chega á aberración de afirmar que os presos por causa do procés non son presos políticos, senón delincuentes que pretenden subverter a orde constitucional. Un tribunal politicamente compacto, que usa de argumentos políticos e que vive a cuestión con desmedido ardor españolista, pretende privar de carácter político o conflito que xulga, e de semellante condición uns presos e condenados por esa causa. En síntese, o prexuízo e a prepotencia antidemocrática como guía: xustificado está que o pobo catalán non poda votar, pois a maioría dos españois están en contra da independencia de Catalunya; as mobilizacións foron enganosas pois galvanizouse unha parte do pobo cun obxectivo imposíbel, un desvarío, só existente na cabeza dos promotores. Ademais, os delincuentes non están arrepentidos, e sen renuncia ás súas ideas na praza pública, non deben gozar da mínima clemencia. Non lles abonda co usufruto da forza contra unha parte dos de dentro, hai que forzalos a ser españois, unha vez vencidos,  humillados e obrigados a renunciar á súa condición nacional verdadeira. Quen desvaría aquí?

Comentarios