Opinión

A sombra de Catalunya

Desacóugame o silencio social reinante na Galiza verbo do desexo maioritario da sociedade catalá de decidir libremente o seu destino ou futuro, expresado politicamente na vontade da Generalitat de convocar un referendo de autodeterminación para novembro deste ano.  Até o de agora, agás nos medios nacionalistas, naturalmente favorábeis a tal propósito, o dominante consistiu en reproducir, con baixo perfil, as consignas emanadas desde Madrid polos partidos estatais, polos medios de comunicación hexemónicos e polo Goberno central. 

Desacóugame o silencio social reinante na Galiza verbo do desexo maioritario da sociedade catalá de decidir libremente o seu destino ou futuro, expresado politicamente na vontade da Generalitat de convocar un referendo de autodeterminación para novembro deste ano.  Até o de agora, agás nos medios nacionalistas, naturalmente favorábeis a tal propósito, o dominante consistiu en reproducir, con baixo perfil, as consignas emanadas desde Madrid polos partidos estatais, polos medios de comunicación hexemónicos e polo Goberno central. A Xunta, como bo acólito, aprestouse a garantir unha Galiza submisa e a exteriorizar o fervor polo servizo a España que caracterizaría os galegos e galegas, xa que tan ben nos vai na sacrosanta unidade. Intolerábel que agora estes avaros cataláns, enfeitizados por un nacionalismo insolidario, estean dispostos a quebrala.  É precisamente a inoculación constante desta ideoloxía, a tese de que vivimos da solidariedade de España, a que resulta máis perniciosa para o pobo galego, e moito máis se aínda enriba se usa para aliñalo, de forma torpe, contra o dereito doutros pobos, acreditando que o fai na súa conveniencia, cando así non fai máis que perpetuar a súa desgraza. Aquí  recollemos a onda española e a repenicamos con baixa intensidade: il será de forma vergoñenta, como se ficase un fondo de dúbida sobre a súa veracidade e conveniencia?

"Desacóugame o silencio social reinante na Galiza verbo do desexo maioritario da sociedade catalá de decidir libremente o seu destino ou futuro"

En Andalucía, como en Madrid, o anticatalanismo move conciencias, paixón e ira, nas maiorías sociais. Por exemplo, en Andalucía parece o mellor chibo expiatorio para canalizar a frustración e rabia das masas castigadas polo paro, sen perderen, máis ben  aumentaren, o seu españolismo, a súa identificación con España, que consideran a súa creación e a súa patria. Agora estaría ameazada por fillos espurios que se negan a falar no grande idioma que nos une  e a identificárense coa grande cultura que ofrece, após térense aproveitado, lucrado  da unidade durante séculos, do traballos dos demais que, como emigrantes, foron alí a enriquecelos, nomeadamente os andaluces. Velaí os tópicos da conciencia social maioritaria, debidamente adestrada para un momento de grave crise. Alén de que non haxa quen o faga, resulta moi difícil convencer de que nin Catalunya nin os cataláns, tampouco a Generalitat nin o nacionalismo catalán, teñen a mínima responsabilidade do seu paro e da súa frustración política e da forma tan irracional de expresarse.  Son máis activos, intransixentes e irados na hostilidade contra Catalunya e os dereitos do pobo catalán a decidir o seu futuro que contra os que adoran a sacrosanta unidade, estes si, como a garantía dos seus negocios e intereses: banqueiros, eléctricas, grandes terratenentes, medios de comunicación ao seu servizo, grandes partidos estatais. Deste xeito, a lexitimidade política perdida atopa unha nova forma de resurrección en base aos peores esquemas, alicerces,  da historia de España: desprezo pola democracia, centralismo, imperialismo mental, lingüístico e cultural, aceptación do recurso á intimidación, á forza, para  manter o statu quo. Non é outro o caldo de cultivo no que o PP e o PSOE libran unha dura batalla en Andalucía por ver quen dá máis. A nova presidenta andaluza, Susana Díaz, aspira a unha maioría absoluta do seu partido, após gobernar máis de trinta anos Andalucía, aparecendo como a sacerdotisa máxima da unidade sen asimetrías, sen privilexios, con obediencia e submisión dos díscolos, por moi singulares e distintos que foren. Aquí só hai un pobo, o español, e chitón…Todo o demais son aventuras, e os aventureiros serán castigados, en nome da democracia, da igualdade e da unidade.

"Os que negan tal existencia son os primeiros en demostrar que Catalunya non só existe como nación, como pobo, pois o fan obxecto da súa hostilidade por ser diferente,  senón que, ademais, existe como suxeito con vontade política propia"

Desde unha perspectiva democrática, resulta case un bochorno ter que explicar que debía ser normal que  un Goberno autonómico puider convocar un referendo ou consulta para saber o que os cidadáns opinan dunha cuestión política, sobre un tema candente. Resulta paradoxal e aberrante ter que facelo cando os que negan tal dereito parten dun axioma que vai contra a natureza, contra a historia e contra a razón comunmente aceitada, pois ninguén pode dubidar de que Catalunya, o pobo catalán, existiron e existen, por máis que un texto constitucional non os contemple, enrocándose  en que só existe un pobo único, unha patria común e unha nación única, España. Tan é así que os que negan tal existencia son os primeiros en demostrar que Catalunya non só existe como nación, como pobo, pois o fan obxecto da súa hostilidade por ser diferente,  senón que, ademais, existe como suxeito con vontade política propia, pois se teñen que empregar a fondo, co recurso a todo tipo de artimañas, ameazas e violencias, para impedir que se expresen en termos democráticos, votando. Ademais, efectivamente, a crise económica, a forma de confrontala desde a UE e o Estado español, a crise do réxime político vixente aquí, incluído o deseño autonómico, teñen moito que ver co medre da conciencia nacional en Catalunya e a formalización política da alternativa independentista desde o propio Goberno catalán. Porén, non no sentido no que pretenden os panexiristas da unidade de España, cando pretenden atemorizar  con que a Catalunya iríalle peor como país independente, cando a consideran unha beneficiada ou cando chegan a acusar o Goberno catalán de acubillarse no independentismo para  cubrir as súas vergoñas, incapacidades e recortes.  Precisamente a verdade é que a clase dirixente en Catalunya con conciencia de país ten chegado á conclusión de que dentro do marco constitucional español, como autonomía dentro de España, Catalunya é inviábel. Non será por que non o teñan intentado, tratando de  avanzar lingüística, cultural, políticamente e no sistema de financiamento, mesmo coa elaboración dun Estatut, lexitimado democraticamente, conforme ás regras de xogo, incluído un referendo e a peneira das Cortes de España, anulado na súa potencialidade por un Tribunal político, o Constitucional, que se encargou de deixar claro que as lexítimas e democráticas aspiracións do pobo catalán non caben no marco constitucional español nin dentro do actual réxime político. 

"A crise económica, a forma de confrontala desde a UE e o Estado español, a crise do réxime político vixente aquí, incluído o deseño autonómico, teñen moito que ver co medre da conciencia nacional en Catalunya"

Perante estes antecedentes e unha situación así, habería que subliñar a valentía de CIU, non precisamente un seu suposto  oportunismo, convencida de que é mellor, for cal for o resultado, cumprir un papel en defensa dos dereitos do pobo catalán, que acabar asimilado e vencido, sen combater, en nome do realismo e da dificultade da empresa.  O realismo conduciría non só á súa desaparición, mesmo eleitoral, por ineficaz, empeñándose en gobernar o imposíbel, senón á deserción do compromiso nacionalista: galvanizar o pobo catalán contra quen o nega e non lle deixa viabilidade para o futuro. Resistir as presións  e enfrontar as contradicións que esta opción pola mudanza de status de Catalunya xera non é un mérito menor. A intoxicación propagandística pretende agora xogar con outros medos, non o da defensa da españolidade. Desafecta a maioría do pobo catalán a esta concepción, perdido o medo escénico, agora recorren ao europeísmo.  Pensan que é o talón de Aquile por onde inxectar o virus que faga recuar a opinión pública catalá, de forma que, primeiro, abxure da independencia e, logo, da pretensión do pobo ser consultado en referendo sobre a cuestión, en vista da ameaza de que non só unha Catalunya independente ficaría fóra da UE, senón que, para entrar de novo nela, se atoparía con negativas varias, entre elas a de España. Adiántanse acontecementos como arma de intimidación. Se non for dabondo, está o recurso á violencia institucionalizada, a prohibición e a ilegalización, co recurso a un maior ou menor uso da forza, como alternativa…Así están as cousas por agora…

"Habería que subliñar a valentía de CIU, non precisamente un seu suposto  oportunismo, convencida de que é mellor, for cal for o resultado, cumprir un papel en defensa dos dereitos do pobo catalán, que acabar asimilado e vencido"

É evidente que nós non temos unha clase dirixente.  Tan evidente como que, contra o que a moitos lles fan crer, Galiza aínda ten menos viabilidade que Catalunya dentro do marco autonómico español. A evolución do noso país, nos trinta últimos anos, abondaría para tirar as conclusións oportunas. Aquí a receita de quen nos goberna é máis España, máis servilismo, máis subordinación.  Galiza ten tanta ou máis capacidade e potencialidade que Catalunya para valerse por si. Porén, alguén pode pensar que a Galiza actual, coa súa dinámica e realidade política, económica, social, demográfica, cultural e lingüística, está en mellor situación que Catalunya? Que para nós é mellor estar calados, resignados, sen opinión nin perfil nin alternativa propia, á espera do que nos veña de España ou mesmo colaborando coas súas ameazas, prohibicións e violencias como obedientes servos dunha españolidade que nos está levando ao suicidio como pobo, a cada paso máis acelerado?  Por iso preocúpame o silencio, mesmo o exercicio dun españolismo en aparencia de baixa intensidade, pero non por iso menos efectivo, por axeitado ao noso peculiar carácter e ao noso escepticismo. Velaí por que considero acertada, positiva e moi necesaria a opción de comezarmos a espallar socialmente, con intelixencia, exemplaridade e bo facer, a necesidade de soberanía, incluída a alternativa independentista, o dereito a decidir por nós sobre os nosos problemas, se queremos superar esta crise múltiple, nunha dirección positiva para a maioría social galega, para o pobo galego ter futuro. Mesmo calquera hipotética construción dunha unidade plurinacional pasa inevitabelmente por un proceso deste tipo, se se pretender que o resultado sexa unha unidade con igualdade, e non xerárquica nin desigual, entre pobos libres. 

"Galiza ten tanta ou máis capacidade e potencialidade que Catalunya para valerse por si. Porén, alguén pode pensar que a Galiza actual está en mellor situación que Catalunya?" 

Certo que a distancia do estado de opinión a este respecto entre Galiza e Catalunya é moita . Porén, precisamente por iso, a tarefa aquí é urxente e inescusábel. Non é que estea en xogo a viabilidade do nacionalismo galego, é que está en xogo a viabilidade da nación galega, do propio país. Carecer dunha clase pequeno e medio burguesa que, como tal e de forma maioritaria, asuma este reto, é un problema. Mais non é unha novidade. O nacionalismo galego sempre tivo que construírse, camiñar e confrontarse, defender o pobo galego, con esta eiva, como punto de partida. É unha pesada lousa. Mais esta carencia non debe levar a que a acción e o compromiso de cada vez máis amplos sectores populares, de traballadores, hoxe aínda moi fragmentaria e insuficiente,  desdeñe a atracción de todo o que potencialmente poda asumir, por necesidade obxectiva ou por convicción, a única saída que nos garante o futuro como pobo.

Sempre me inquietou a enigmática tristeza de Castelao perante a nosa emigración, cando comprobou in situ o seu estado e actitude. Non me estraña a súa valoración negativa sobre ela, como fenómeno colectivo e as súas consecuencias para Galiza. Esta é unha das máis graves consecuencias da nosa españolidade, entre outras. E non é menor comprobar como, ademais de privarnos do noso dereito a vivir na propia terra, acaban por facer de nós, moitas veces, unha caricatura deles, o produto do servilismo, a asimilación e o mimetismo, que nos anulan.  Podémolo comprobar unha e outra vez. Informando sobre os vestixios da vella emigración española en New York, recentemente a TVE, para demostrar como mantiñan os descendentes a tradición e a herdanza cultural, achou naturalmente un galego. Alén de falar español, con acento andaluz, tocaba a guitarra en imitación de Paco de Lucía. Había máis, si, celebraban reunións familiares para comer como en España. Pode ser este o destino último dun pobo? Abofé que non. Galiza ten capacidade para vivir por si e ser ela mesma. Esta é a nosa tarefa e o noso compromiso.

Comentarios