xoves 01/10/20

Sofismas

Vivimos tempos especialmente complicados. Son tempos de angustias, medos e desacougos perante o descoñecido que está por vir. No teño grandes certezas sobre o futuro. Porén, hai consignas no presente, enunciadas sen rubor desde o poder, que pretenden orientar ese futuro nunha dirección aínda máis perniciosa. Recórrese a argumentos aparentemente válidos e de fácil consumo, adecuados para afondar na falsa conciencia da realidade. Son enganosos, sen conclusión lóxica, pero de grande utilidade política para quen os enuncia. A mellor forma de definilos é coa palabra sofismas. Iso son.

Así procedeu o Presidente do Goberno de España nas súas últimas comparecencias dando conta das medidas contra o virus que nos abafa. Foi reiterativo nunha idea dual e que considerou antitética: persoas e non territorios. Acompañouna de outra: unidade e unha única autoridade pública, a do Goberno central. Con este fundamento, de súpeto desapareceron todas as competencias en sanidade das CCAA, e as de seguridade, caso de telas, pasaron a ser controladas polo Ministerio do Interior. Realmente, deu a impresión de estarmos, máis que perante un problema sanitario, perante un problema de carácter ideolóxico-político ou de orde pública. Axiña comezaron a aparecer xenerais do exército e da garda civil, acompañando, e falando, as autoridades sanitarias estatais. En todo caso, aproveitando unha conxuntura sanitaria de suma gravidade, óptase como solución, por unha maior centralización e pola manipulación no combate contra o nacionalismo. Revelouse, en toda a súa dimensión, o carácter enganoso, falso, do Estado das Autonomías: unha pura ficción, este denominado estado máis descentralizado do mundo.

As persoas non son entes abstractos, forman parte de sociedades concretas, de pobos concretos. De forma inevitábel asentan en territorios e defínenos e exprésanos. Os territorios non teñen opinión, nin conflitos. O virus afecta ao mundo. A forma de propagarse maniféstase, no tempo, na intensidade e extensión da propagación, de forma diversa, condicionada por múltiples factores, reflexándose así nas sociedades asentadas en territorios. Quen falan só de preocupación polas persoas son os mesmos que, por ser unha entidade política para eles sagrada, con base territorial en Madrid, non a illaron, tratándose do maior núcleo infeccioso. Preferiron que o virus se expandise con maior facilidade solidariamente. Menos mal que temos alguén que, de forma tan ponderada como clara, o dixo no Congreso!

Para subsistirmos terá que haber unha rectificación dos despropósitos do capitalismo imperialista. Un deses despropósitos é obviar que os pobos, as nacións naturais, son a base social humana da forma de manifestación da especie (diversas en linguas, culturas e realidades socio-económicas e políticas). Outro, dicir que a aspiración á soberanía é cuestión de tempos pasados. O Estado español, obsesionado en manterse tal cal é, negando a súa realidade plurinacional, négalles a varias nacións o dereito e o deber a se responsabilizaren de si mesmas, mesmo en momentos críticos. Aquí só hai un Estado-nación, e aínda enriba cun centro de poder e decisión hipertrofiado, absoluto, en Madrid. Esta concepción da unidade sabemos onde conduce.

comentarios