Opinión

Sofismas, chambonadas e deserción

Non é nova a trécola de considerar o nacionalismo como unha reacción puramente sentimental.

Non é nova a trécola de considerar o nacionalismo como unha reacción puramente sentimental. Non tería nin base racional, nin contido alternativo preciso, nos eidos económico-social e político, de por si. Tampouco vertebraría as concepcións ideolóxicas e as análises da realidade concreta de países concretos, na orde material, pois só consistiría nun aditivo de carácter identitario, algo así como unha hipertrofia da sensibilidade, fundamentalmente lingüística e cultural. As súas propostas, efectos e consecuencias, noutros aspectos, serían escasas e irrelevantes, prescindíbeis. Nunha situación de crise como a que vivimos na Galiza, a leria demagóxica trata de nos convencer de que os obxectivos nacionalistas poden esperar, pois son secundarios perante a magnitude do problema social e económico que atinxe os traballadores do Estado español e da Unión Europea, mesmo do mundo en xeral, todos eles vítimas de políticas denominadas neoliberais. Urxe respondelas con frontes políticos amplos que superen o marco nacional propio, arguméntase. Naturalmente esta abstracción xeneralizadora, canto máis ampla, máis fraudulenta, válelles para xustificar deseños e alternativas de carácter estatal, malia o seu cacarexado universalismo, xustamente o marco que os nacionalistas discuten. É o marco estatal, coa súa xerarquización, coa limitación de obxectivos políticos e a exclusión interesada de outros, en nome do realmente existente, o que condiciona, domina e xustifica, ao cabo, a alternativa política desa esquerda que se autodenomina plural. E como se a globalización en curso, a representada pola Unión Europea e a centralización sen piedade do Estado español, só fosen criticábeis pola gobernación da dereita, un feito conxuntural, e non polo seu deseño xerarquizado, imperialista e desigual. Nunha palabra, polo papel de periferia, en todas as ordes, que nos asigna.

O raposo, ao coidado das galiñas

A actual situación política galega ten unha nova característica. É a primeira vez, en 30 anos, que por boca dun sector esgazado do nacionalismo se escoitan ecos dos devanditos argumentos para xustificar alianzas  electorais cunha determinada organización estatal. Aceitan limitarse ao que esta organización asume e prescribe como mellor medicina para Galiza, en nome da unidade sacrosanta, a mesma que para calquera outra parte do Estado. Os principios, de consecuencias políticas relevantes e profundas, de autoorganización, autodeterminación, capacidade de decidir e soberanía quedan aparcados, desdeñados. Parecen non ser máis que lerias superadas historicamente, prescindíbeis e só, no caso da autodeterminación, esa esquerda española móstrase tolerante por aparencia democrática,  para lle pór atrancos na práctica. É con esa esquerda, naturalmente por ámbito de actuación e por obxectivos políticos, antinacionalista, coa que se alían. Mesmo chegan a convertela en garante da plurinacionalidade: o raposo, garante do coidado das galiñas.

Hai desatención dos intereses do país, caracterizado de incapaz por si só para lograr nada, segundo o sofista se encargou de pontificar

É difícil imaxinar un maior grao de abandono de funcións en relación co propio país e de indignidade política en relación a uns aliados, deixando ao descuberto até que estremo se senten como un protectorado. Que esta deserción se faga co recurso á fachenda intelectual e con ar de sobrado, por quen xa nos ten habituados a retóricas barrocas oportunistas, non minimiza para nada o carácter sofista, incoherente e demagóxico do seu discurso. Unha auténtica chambonada. A única racionalidade que destila, debidamente agochada, malia sempre ensinando a pata, é a esperanza de que o éxito relativo nas urnas avale tal confusión e desatención dos intereses do país, caracterizado de incapaz por si só para lograr nada, segundo o sofista se encargou de pontificar. Nada menos. Ninguén está obrigado a ser nacionalista. Tampouco a aparentar que o é. Porén, coido que quen así pensa está moi lonxe de selo. Non serei quen dubide de que a esperanza electoralista, a curto prazo, poida verse cumprida, na mesma medida en que Galiza retroceda, perda peso político e fique esvaída e sen perfil. Pódense confundir, retrasar e mesmo desvirtuar os obxectivos político que un pobo como o galego necesita defender para mudar de situación. Porén, o espellismo acabará por fracasar socialmente, sobre todo na medida en que haxa un nacionalismo actuante.

Retórica europeísta, deseño españolista

Hai quen, usando o nome do nacionalismo en van, decidiu supeditar e subordinar Galiza a estratexias e deseños políticos foráneos, de ámbito estatal, pensados e controlados desde Madrid. Agora vaino facer ao amparo dunha retórica europeísta que agochará o deseño españolista. Unhas eleccións europeas teñen o Estado como circunscrición; as forzas políticas estatais centran os seus programas e obxectivos nos intereses de España na UE e nunha concepción da mesma decorrente daqueles. Cando a coaligazón  se fai cunha forza en esencia antinacionalista, está claro que a nación, o pobo propio, a súa situación específica, non pesa, non conta, no programa político a defender realmente. Por traxectoria histórica, por concepción ideolóxica confesional, por comportamento hoxe nas institucións e na sociedade, por discurso, por alternativa en relación co problema das nacións do Estado, no caso galego moito máis, por oposición práctica a procesos autodeterministas en curso, por belixerancia contra a autoorganización, esa esquerda española plural e redentora é esencialmente antinacionalista, por natureza. O seu obxectivo é manter a unidade de España a todo custe: o seu federalismo republicano, após máis de trinta anos nun autonomismo monárquico, consiste en mudar algo para a esencia non mudar. Volta a comezar cun novo Estado das autonomías a través dunha suposta mudanza de réxime. Non o nega nin en Andalucía, nin en Madrid nin nas dúas Castelas nin en Estremadura nin en Aragón. Pode dulcificalo ou agochalo cando cumpre para pasar de contrabando a súa mercadoría, en maior ou menor medida, nas nacións sen estado, no caso galego coa impagábel colaboración dos anovados.

Por oposición práctica a procesos autodeterministas en curso, por belixerancia contra a autoorganización, esa esquerda española plural e redentora é antinacionalista por natureza

Aliás, a teoría da unidade no fronte amplo español ten un talón de Aquile que é máis ben un burato monstruoso desde unha sensibilidade galega mínima, atendendo á situación marxinal de Galiza e mesmo considerando a experiencia histórica inmediata. Dá a casualidade que esa esquerda estatal non foi nin é social, electoral e institucionalmente, máis relevante que o nacionalismo galego. Porén, non houbo a menor dúbida ou escrúpulo en servirlle de cabalo de troia para facilitar a súa introdución na Galiza. Primeiro, o desgaste desde dentro para fóra con condutas desleais e sen o mínimo respecto polo funcionamento democrático, denigrando e desestabilizando, de maneira que parecese unha gaiola de grilos, a organización e as siglas nas que se dicía militar. O desgaste foi o principal fío condutor durante tres anos. Nunca se formulou dentro a posibilidade de semellante alianza co sucursalismo. Os inxenuos imaxinaban que os disidentes pretendían tornárense en maioría a toda costa ou reformularen a fronte nacionalista, como unha coaligazón eleitoral. Non era isto, pois ninguén que for xogar no campo nacionalista faría semellante política destrutiva, de desprestixio planificado. Había un problema ideolóxico-político de fondo que excedía a unha dialéctica de confrontación interna no nacionalismo pois se pretendía xustamente saír del, facendo o maior dano posíbel. Máis tarde, após outro proceso asembleario modélico na organización frontista galega, a escisión foi o paso final para posibilitar a alianza cunha forza política estatal, alternativa que, democraticamente, nunca tería gañado no interior do BNG, malia o recurso a todas as insidias, infamias, ocultacións oportunistas e o impagábel colaboracionismo axitativo dos medios de comunicación hexemónicos.

Había un problema ideolóxico-político de fondo que excedía a unha dialéctica de confrontación interna no nacionalismo pois se pretendía xustamente saír del, facendo o maior dano posíbel.

Agora, á vista está que a alianza cunha forza política estatal é estratéxica, nin sequera táctica ou conxuntural, que a obediencia e submisión aos seus deseños é total, longamente acariñada, mentres se agachaba, de forma oportunista e insidiosa, o obxectivo que se perseguía. Á vista está, sen o menor asomo de dúbida, que se apostou por romper a unidade do nacionalismo galego, por debilitar a unidade do pobo galego, lograda por un proceso de anos, para fortalecer o sucursalismo na Galiza. É nacionalista quen se presta con ardor e sen reparo nin o menor escrúpulo a favorecer a unidade coa esquerda española no canto de manter a aposta, baixo a fórmula que for, co nacionalismo galego? Cada quen se retrata coa súa práctica, por moita retórica radical e moita demagoxia esquerdista coa que pretenda abafarnos. Asombra a falta de principios, de coherencia e a deshonestidade política ás que se poden chegar, xustificando o inxustificábel. Aos que padecemos moito antes dentro da propia casa estas condutas de forma reiterada nada debía asombrarnos ou sorprendernos xa. Desde logo, agora nelas o nacionalismo escintila, pero pola a súa ausencia.

O discurso antinacionalista que os anovados recollen

Medrou a confusión. Déuselle unha lexitimidade que non tiña a unha forza sucursalista, favorecendo a súa introdución na nosa sociedade. Debilitouse o nacionalismo. A contribución a que sexamos aínda máis ignorados, descoñecidos e desprezados non é pouca; está en relación directamente proporcional a como se contribúe a dotar de peso, desde nós, a unha forza política coa cabeza en Madrid. Por iso preténdese convencernos de que o nacionalismo non é algo substancial para a defensa dos intereses das clases traballadoras galegas. Queren acoutalo nun campo metafísico, non material, que denominan identidade. Por certo, non hai nada máis material e tanxíbel, con incidencia práctica que a lingua e a cultura en xeral. Esta é unha das esteas máis perversas e alienantes do discurso antinacionalista, que agora os anovados recollen da esquerda española. Semellante aserto está desmentido pola experiencia política no noso país todos os días. Desde logo, fica esnaquizado perante a constatación dun feito contundente: Galiza só será viábel como tal, como pobo específico, como nación libre, se é desde ela mesma que avanza o movemento popular, de forma autoorganizada, con obxectivos políticos propios. A subordinación, o dominio destrutivo, a que está sometida, no plano económico, social, cultural e lingüístico, atinxe, de maneira fulcral, as súas clases traballadoras. Son elas as únicas que, asumindo o problema nacional, solucionarán os problemas da súa opresión social e económica, claramente determinados polo dominio que se exerce sobre o país.

Aos que padecemos moito antes dentro da propia casa estas condutas de forma reiterada nada debía asombrarnos ou sorprendernos xa. Desde logo, agora nelas o nacionalismo escintila, pero pola a súa ausencia.

O portavoz do BNG, Xavier Vence, ten indicado que o deseño confusionista da denominada esquerda plural non tivo éxito algún nin en Euskadi nin en Catalunya. Alí o nacionalismo ten unha maior vertebración social e unha fortaleza histórica máis asentada, alén de seren nacións que cumpriron outra función dentro do Estado  español. Na medida en que a confusión non vai adiante, o proceso autodeterminista, nas actuais circunstancias, se fortalece. Na Galiza, máis subordinada e indefensa, a confusión tivo o seu efecto, contando cun colaboracionismo interno deplorábel, nun momento crítico. O dano non é desprezábel. É posíbel que os sofismas, o tacticismo oportunista máis descarado, o histrionismo desaforado, a interesada cobertura e xustificación mediática axuden á confusión, mesmo a retrasar a necesaria clarificación da sociedade galega neste intre crítico sobre a súa situación e as súas  expectativas de futuro. Porén, non van conseguir destruír a idea, colectiva e organizada, de o nacionalismo ser, hoxe máis do que nunca, necesario para Galiza. Da experiencia política así se deduce. É o único camiño para discutir, combater e vencer un deseño global europeo e estatal que nos é claramente lesivo, como pobo e, sobre todo, para a maioría que o constitúe, as clases traballadoras. Mesmo quen aspire a reconstruír eses deseños sobre bases democráticas de verdade, terá que recoñecer que, sen capacidade de decisión, sen soberanía dos pobos, non haberá igualdade, senón xerarquización imperial, con todo o que iso significa.
 

Comentarios