venres 30/10/20

Servidume

A falta de perfil propio da política española a nivel internacional resulta alarmante. A dimensión do estado español non se traduce en nada positivo no actual contexto mundial e na orientación política da Unión Europea. É difícil achar un membro máis submiso, anódino, falto de iniciativa, quer na política interna desa Unión, quer na súa forma de conducirse a nivel internacional. O sectarismo e a subordinación a outros marcan a súa conduta e a súa axenda, mesmo en momentos críticos como este. Nesta conxuntura cabería esperar un certo revulsivo que o proxectase con luz propia por necesidade imperiosa de responder aos problemas económicos, sociais, políticos e sanitarios, coa enerxía e adecuación debidas. Porén, aínda é maior a súa servidume: nin o menor desacougo, desavinza ou desviación dos deseños triunfantes na UE ultra capitalista. O estado español axe como se o mundo comezase e acabase no reducido clube, moi pouco cabaleiroso, de estados que, con pouco respeito pola xeografía e sobrada dose de arrogancia, eles mesmo se denominan Europa, como se fosen a totalidade do continente.

Así vimos como, na primeira fase da pandemia, o goberno español desbotaba a axuda médica chinesa, rusa ou cubana, como se o seu atlantismo o tiver aferrollado a unha estúpida e servil confesionalidade até a morte. En contraste, Italia non só reclamaba, senón que recibía cos brazos abertos por interese propio, sen se deixar condicionar por un atávico occidentalismo sectario, a axuda rusa, chinesa ou cubana para combater a pandemia. Agora dáse como natural e única posibilidade, sen a menor información ou debate a este respecto, comprar doses da vacina de multinacionais europeo-americanas, como se non existisen, as xa máis avanzadas, testadas e seguramente máis baratas, rusas e chinesas. O noso deber é, polo que se ve, pagar sen comparar as vantaxes comparativas das diferentes ofertas. Estamos así ben defendidos, en transparencia e responsabilidade colectiva, polo escudo da UE?

O Estado español limítase a enfrontar o seu  futuro botando man dun plan de recuperación obrigado e conforme aos criterios dominantes na UE, que distan de procurar a modificación do modelo económico e social vixente. As receitas non se moven un ápice do catecismo neoliberal. Por enriba, aprovéitase a ocasión para o BCE  impulsar unha concentración bancaria, con España como alumno avantaxado, converténdose así nun caso ben específico e diferenciado na súa contorna. Máis monopolio, máis concentración bancaria, máis especulación, ausencia de banca pública, mentres Alemaña, Italia ou Francia seguen mantendo bancos que se dedican a axudar as pequenas e medianas empresas, afincados nos distintos territorios, cunha vocación de servizo á economía produtiva. Porén, a señora Calviño ou o señor  De Guindos negarán esta evidencia e predicarán aquí sobre as bondades da medicina que receita Bruxelas. Serven a banca privada, incluída a súa actuación na sombra, que está convertida nun dos poderes fácticos máis importantes do espazo capitalista global que a UE representa. No Estado español en especial é un instrumento político de calado, como se comproba co comportamento de Caixabank respecto do independentismo en Cataluña e o proceso de fusión en curso con Bankia, auspiciado polo propio goberno.

Necesitamos, se queremos mirar polos nosos intereses colectivos, en especial os do pobo galego, ter unha ollada más aberta á pluralidade do mundo. A españolidade e o europeísmo sectario condúcennos á irrelevancia e á servidume.

comentarios