Opinión

Sen vergoña

Lluis Llach, o artista que contribuíu con grande alento a que a cultura e a lingua catalá gañasen máis incidencia e prestixio sociais dentro e fóra dos Paisos Cataláns no último terzo do século XX, vén de ser recoñecido coa medalla de ouro da Generalitat. Na cerimonia de entrega a cargo de Quim Torra, hoxe inhabilitado, vítimas da penosa e exacerbada represión española, o afamado e comprometido cantor aproveitou para afirmar na súa intervención: “Ninguén se ten que avergoñar de ser nacionalista para liberar o seu país”. Detrás desta aseveración está no plano teórico e no práctico, unha tradición histórica: a loita do pobo catalán pola liberdade de Catalunya. Llach síntese formando parte desta traxectoria. Grazas a ela tomou conciencia, nos anos setenta, de canto descoñecía da realidade negada do seu país. Ser nacionalista para el non é máis que loitar por o teu pobo ser libre para tomar as súas decisións.

Os nacionalistas cataláns da época da segunda república no exilio, dos que Llach deprendeu, como os da súa xeración do tardo franquismo, que continuaron a súa loita, non padeceron a confusión ideolóxico-política que reina nos nosos días respecto desta cuestión. Tampouco a padecemos os da mesma xeración na Galiza cunha tradición histórica nacionalista admirábel no campo teórico (Castelao e Ramón Vilar Ponte, en especial), de concepción  popular nítida e antiimperialista, e unha práctica, malia as súas limitacións, eficaz, cuxo coñecemento foi clave para a restauración social do nacionalismo galego a partir dos anos sesenta do século pasado. Entón non había a menor dúbida: o nacionalismo era o movemento ideolóxico e político dos pobos oprimidos, sen Estado, para, expresando vontade colectiva, chegaren a ser soberanos. Para o franquismo, o réxime era o da España nacional, o da nación única. Para o nazismo, o seu movemento fora o nacional-socialista; unha consideración similar foi a da Falanxe. Durante todo o franquismo e na actual democracia até ben entrados os anos noventa, os movementos nacionalistas, con maior ou menor incidencia, eran o galego, o catalán e o vasco. Nesta designación non existía a menor confusión semántica. Os mesmos dicionarios da lingua española así o recollían.

Entre dúas posicións, no plano teórico e práctico, tan antagónicas como as do nacionalismo galego, vasco e catalán, cos seus matices e diverxencias, por unha banda, e o franquismo, pola outra, non cabe identificación. Hai que recorrer á manipulación groseira e á intoxicación intelectual, ás cabriolas propagandísticas do todo vale, até o extremo de meter no mesmo saco a tese e a antítese. Só observando a dialéctica política, as contradicións, no actual Estado español, debería causar rubor e vergoña, neste caso si, facer semellantes comparanzas. Porén, o poder da propaganda, incluídos os malabarismos intelectuais das academias oficiais de toda caste, pode converter o negro en branco, o opresor en oprimido e viceversa. Nacionalismo é hoxe unha palabra maldita. Úsase con afán de demonizar o que non casa co deseño imperante da globalización, aínda enriba agora en grave crise. Intentan danar e confundir sobre a lexitimidade democrática e racional dos movementos de liberación nacional, en primeiro lugar. Cargan no seu lombo  experiencias negativas do pasado, coas que nada ten a ver. Cualifican como nacionalismo políticas de Estados moi diferentes, mellores ou peores, que lles resultan problemáticas ou molestas. Ten razón Llach. Non hai que sentir vergoña de sermos nacionalistas. Renunciando a denominarnos o que somos, estamos a perder a batalla ideolóxica e facilitando o caos e a confusión sobre a realidade.   

Comentarios