xoves 28.05.2020

Resurrección

Pobre país, o que antes de ser coñecido, recoñecido e asumido polos seus propios, non xa polos de fóra, padece o acoso, derrubo

Pobre país, o que antes de ser coñecido, recoñecido e asumido polos seus propios, non xa polos de fóra, padece o acoso, derrubo, anulación, desprestixio e deformación de todo aquilo que o intentar facer existente, dos que se esforzaron, en todos os aspectos, por telo como centro das súas reflexións, actividades, intereses e obxectivos. Non é difícil decatarse de que a dose de desleixo, deslealdade, desvalorización ou desprezo, mesmo de odio, é moi grande entre nós respecto da forma de interiorizar e interpretar a nosa historia, a nosa evolución como pobo. E para isto ser así, fai falla espallar moita ignorancia e os necesarios estereotipos que nos invaliden. Tanto ten que se fale dos tempos nos que fomos un pobo en situación cultural, lingüística e política normal como que se refiran á etapa de anormalidade nestes aspectos, na que seguimos estando inmersos até o pescozo. Porén, a cada paso resulta máis elocuente, significativa e sintomática, máis hiperbólica, a tendencia, que se pretende deslizar como natural, a rebaixar todo o conscientemente galego como se for manifestación de anormalidade moral, histórica, colocándoo baixo a pauliña condenatoria de non representar unha opción social positiva. A historia está ben como foi e como está. Non hai que rectificala, no sentido no que quería Carvalho Calero, para accedermos á normalidade cultural, lingüística e política, social, a que, como pobo, debemos aspirar. Tampouco debemos coñecela, a nosa, porque resulta pedagóxica e acabaría con moitas mentiras e carencias de autoestima, axudando a entender e comprender por que somos como somos e estamos como estamos, e indicando un camiño alternativo ao que nos presentan como único posíbel.

Parece Galiza ser o pobo, a nación, que nunca existiu. Nin sequera cando foi centro político: a Idade Media

Así todos os mártires  e rebeldes galegos, todos os movementos, sucesos ou fitos significativos a prol de Galiza definir o seu futuro, con criterios ao seu servizo, deben ser olimpicamente ignorados  e, se alguén ousa pugnar para eles amosaren a súa evidencia, hai que reconducilos desprestixiándoos, ou aplicándolles interpretacións que os baleiren de toda significación reivindicativa galega. De non permaneceren silenciados, sepultados, hai que matalos e anulalos cun veleno en dose e con propiedades axeitadas, ao paso que se descualifica a quen pretende resucitalos. Os esforzos individuais ou colectivos por existirmos no devalar da historia entran, para a historiografía dominante, incluída nela unha boa parte da que se fai entre nós referida ao propio país, no terreo do irrelevante, da manifestación exasperada contra a evolución e o progreso históricos, do ditado dos intereses bastardos e de clan. Lendo, por exemplo, a historia medieval chegamos a interiorizar que nunca existimos ou que o proceso de submisión do pobo galego foi máis ben un proceso de liberación, acaudillado polos Reis de Castela, co punto álxido e sublime da Raíña Católica, contra unha nobreza brután, férrida, sanguinaria. Os labregos soportárona, e os burgueses tamén, indefensos, agás a súa rebeldía ser amparada, en ocasións, segundo esta visión historiográfica, por unha monarquía allea, benéfica e salvadora. Resulta un misterio entender como unha monarquía de base oligárquica feudal e de orientación imperial pode amparar rebeldías liberadoras, a non ser para lograr máis concentración de poder e unha nova opresión máis reforzada. A sutileza demagóxica acada o seu cénit cando, con pompa contundente, veñen dicirnos que precisamente os nobres confrontados coa monarquía castelá, ao longo dun proceso  de máis de cen anos, non defendían Galiza, senón os seus intereses. Sublime acusación que, postos a recorrer a simplificacións maniqueas, podería aplicarse a todas as clases con afán dirixente e, en puridade, a todos os oprimidos que se rebelan.

Cando  a nosa historia política non se liquida con natural insolencia, hai que reducila convenientemente a unha anécdota sen relevancia, a un suceso puntual sen consecuencias, a unha lamentábel causa persoal, ou a un apéndice dunha dinámica española. Semellante análise e interpretación insírese nunha concepción destinada a privar Galiza de entidade nacional, considerándoa, todo o máis, unha peculiar manifestación provincial da historia de España, por moito que renxa. Parece Galiza ser o pobo, a nación, que nunca existiu. Nin sequera cando foi centro político: a Idade Media. Por exemplo, toda a dialéctica de confrontacións internas e externas, vividas de forma tan intensa no noso caso, na Baixa Idade Media, esvaece, desaparece, agóchase, esquécese. Explica Guy Bois (“La gran depresión medieval: siglos XIV-XV. El precedente de una crisis sistémica”, Universitat de Valencia) que cara á 1300 a emerxencia da categoría de nación é perceptíbel en toda Europa. Segundo el, esta emerxencia vai vinculada á aparición de poderosos movementos populares durante estes séculos. Foi unha nova percepción que tiñan da súa identidade quen xa tiñan adquirido conciencia de pertenceren a unha mesma comunidade. Non é de estrañar que, nesa etapa crítica e conflitiva, aparezan as figuras de William Wallace, en Escocia, Jan Hus, en Bohemia, ou Jeanne d´Arc, na Franza, todas elas confrontadas cos procesos de dominio, por citarmos tres casos de pobos con evolucións históricas diferentes. Na Galiza houbo eses poderosos movementos populares e estaba emerxendo esa nova percepción da súa identidade. E contamos con figuras de compromiso indiscutíbel, tanto na dimensión nacional  como na protesta social, asociadas de forma diversa. O caso de Fernando de Castro, Conde de Trastámara, Lemos, Ribeira e Cabreira, aliado a burgueses das vilas mercantís do interior e da costa, considerado como dirixente indiscutíbel  pola maioría do pobo galego, representaba unha opción conscientemente galega, favorábel ao comercio atlántico, proclive á unidade con Portugal, na confrontación internacional entre distintas monarquías para conformar espazos de poder político concentrado, a partir de distintas percepcións nacionais e intereses sociais e económicos. Non en balde Galiza foi o maior soporte da causa de Pedro I contra o chamado Enrique de Trastámara (usurpador do cobizado título nobiliario galego por parte da futura casa reinante castelá). Os petristas galegos, após o asasinato  de Pedro I en Montiel, non dubidaron en considerar rei de Galiza a Fernando I de Portugal. Saben algo disto os nosos estudantes de secundaria, e mesmo os universitarios que se gradúan en Historia? A persecución contra Fernando de Castro, a súa familia, e os petristas galegos, por parte da nova casa reinante castelá, os falsos Trastámara, foi implacábel: embargo de todos os seus bens, roubo dos seus títulos, exilio portugués, primeiro, inglés, máis tarde, morte lonxe do país…Pagou, pagaron, moi duramente a súa aposta nacional e popular. Fernando de Castro permaneceu sempre fiel e activo a prol  dunha causa que, contando coa evolución da historia, se fundamentaba na dignidade e os intereses do pobo galego. A alternativa triunfante, a dos falsos Trastámara, era antagónica á súa no plano nacional e no social: representaba a imposición dunha monarquía de base cultural e lingüística castelá, a primacía dos intereses da oligarquía terratenente castelá-andaluza, a confesionalidade dogmática e papista, a hostilidade contra o mundo xudeu e musulmán, a visión de Portugal como unha anomalía política, coa que había que acabar…

O odio dos falsos Trastámara contra Galiza non desapareceu nunca. Como o espírito de oposición e rebeldía contra eles non desapareceu no noso país mentres gobernaron durante máis de cen anos

A crise sistémica dos séculos XIV e XV saldouse para Galiza, como para outras nacións europeas, cunha derrota, precisamente por representar a alternativa galega o máis antagónico a unha concentración do poder sobre bases feudais e oligárquicas. O odio dos falsos Trastámara contra Galiza non desapareceu nunca. Como o espírito de oposición e rebeldía contra eles non desapareceu no noso país mentres gobernaron durante máis de cen anos. As chamadas Irmandades –con protagonistas persoais relevantes-  durante o século XV, foron manifestación, en boa parte, de oposición á nobreza laica e eclesiástica trastamarista, moita dela de orixe estranxeira, por parte de sectores da pequena e media nobreza, dos burgueses e, en menor medida, dos labregos. A confrontación de Pardo de Cela e de todos os seus seguidores coa Igrexa de Mondoñedo  e cos exércitos mercenarios dos Reis Católicos, non se pode despachar  como unha proba da inconsciente mentalidade arisca dun nobre galego. A exemplaridade da súa sumaria execución expresa a radical asunción da represión sen contemplacións na Galiza por parte dos novos monarcas para acabar cunha resistencia xa secular. Así o consideran todas as testemuñas e cronistas da época: Galiza era zona non afecta e moi problemática. Neste ronsel hai que situar tamén o comportamento e o final do Conde de Camiña, Pedro Álvarez de Soutomaior. Os Reis Católicos veñen representar a culminación dun proceso de doma dun pobo que, como outros, desde a emerxente toma de conciencia nacional, tivo clases dirixentes que apostaron por unha alternativa nacional e popular para defender os seus intereses e a existencia política do reino nos novos deseños que se estaban configurando na Baixa Idade Media. 

 As clases sociais existen. As nacións tamén. Querer facer a historia dunhas sen as outras é unha fonte de confusións e incomprensións

Neste proceso conflitivo tivemos os nosos mártires e rebeldes que, non por seren galegos ou fracasados nas súas alternativas, deixan de selo. E moito menos merecen ser despachados cun sorriso de suficiencia académica, fachendosa e servil, enviándoos ao cubo do lixo como retrógrados, violentos e opresores. Decatámonos de que, aceitando esta interpretación, aceitamos, explícita ou implicitamente, a bondade da expansión imperial interna e externa da monarquía dos Reis Católicos?  Decatámonos da diferenza entre Fernando de Castro e a causa dos petristas e o papel submiso da nobreza e da Igrexa trastamarista na Galiza, desempeñando cargos, oficios e prebendas sempre desde a consideración de Galiza como terra conquistada e desprezada? Resultan indiferentes e non sintomáticos os usos lingüísticos duns, onde aparece o noso idioma en todos os seus documentos, fronte á súa exclusión nos da outra? As clases sociais existen. As nacións tamén. Querer facer a historia dunhas sen as outras é unha fonte de confusións e incomprensións. Aquí, para anular a nación, recorremos mesmo ás veces a facer unha historia da loita de clases que parece máis ben un folletín panfletario moralista, sempre para maior gloria da españolidade: nesta versión os Irmandiños ocupan moitas veces, como recurso, un lugar de atención privilexiado. Malia todo, Galiza existe e existiu como pobo con conciencia nacional emerxente, e de forma moi vangardista, na Europa baixo medieval. Algúns deses pobos con conciencia nacional emerxente naquela época son hoxe independentes. Outros esperan aínda unha resurrección. Os seus mártires e rebeldes nolo lembran. Os nosos non son menos, por moito que estean ignorados e esquecidos a mantenta, cando non ridiculizados e escarnecidos.

comentarios