Opinión

Resistencia e avance lingüístico

Resultan dolorosos, alarmantes e irritantes os casos de discriminación e desprezo pola nosa lingua que saen á luz pública, mesmo en contextos de servizos ou actividades pagas con diñeiro público, non falemos xa dos privados. Todo galegofalante consciente sabe que é máis norma que excepción. Desta maneira, acaba tomándose, como natural, prescindir do galego. Parece un acto libremente asumido en moitas ocasións, pois a ruptura da norma non é esperada nen desexada. A norma do dominio do español sobre o galego e da subordinación deste a aquel é algo que se pretende que vivamos como natural.

Os utentes cotiáns da lingua galega están condenados a se veren en situacións conflitivas con tanta frecuencia como tesón empreguen en mantela en todos os ambientes e para todas as funcións. Realmente, a oficialidade do noso idioma, hoxe por hoxe, é máis un eufemismo compensatorio que unha realidade tanxíbel, asegurada pola Administración e os poderes públicos. Velaí un dos atrancos que dificultan o avance dos seus usos e disuaden da súa adopción como lingua normal. Non hai protección garantida nen unha conduta consecuente por parte deses poderes para o uso, en plenitude, da lingua non se enfrontar a unha carreira de obstáculos, desprezos e desgustos. Esixe non só convicción, senón tamén tensión continua.

A nosa lingua ten que ser prescindíbel no propio país. No fondo desta concepción está un marco legal que, para máis inri no noso caso, é aplicado na súa versión máis hostil co galego. Lembremos o seu substrato. Deixárono claro xa na STC 84/ 1986, de 26 de xuño, considerando inconstitucional o artigo 1.2 da Lei 3/1983 do Parlamento de Galiza, que contemplaba o deber de os galegos coñeceren o seu idioma orixinario. Estabeleceuse a doutrina de que semellante deber non viña imposto pola Constitución Española, e, por tanto, non era inherente á cooficialidade da lingua galega.

Si viña imposto, constitucionalmente, o deber de coñecemento do “castelán”. Sen que por iso houber ningunha disimetría respecto dos cidadáns. Moitos anos máis tarde, 2010,volveuse a subliñar esta doutrina na sentenza respecto do Estatut de Catalunya, aclarando que o deber de coñecemento do catalán só pode ser “individualizado e esixíbel”, circunscrito a ámbitos de determinados servizos públicos de competencia autonómica. Isto é, un deber de natureza distinta ao que ten por obxecto o “castelán” de acordo co artigo 3.1 da Constitución Española. Certo é que a diferenza de actitude dos poderes autonómicos, no caso galego e no catalán, respecto da lingua propia, desenvolveu marcos legais de distinta natureza e obxectivos. Co galego, prescindibilidade e limitación. Co catalán, impulso e expansión. 

A nosa resistencia neste desamparo é, en boa maneira, heroica. Hai que superar, en primeiro lugar, os atrancos políticos dentro. Quen nos goberna aquí procura, coa súa política, afondar na nosa subordinación e eliminación como pobo, coa absoluta compracencia de quen goberna en España. A política lingüística reflicte e aguza un problema de fondo. Procura manter e agravar a ausencia de Galiza como referente principal ou preferente para unha boa parte da sociedade galega, a carencia de adhesión práctica ao propio país. 

Comentarios