Opinión

Resignarse ao que nos veña?

Escoito no posto do peixe no que compro na praza de Ferrol laios e lamentos dun autónomo da hostalaría sobre a situación límite que vive á espera de axudas estatais que non chegan, mentres consume os aforros que tiña para as vacacións prometidas á súa filla. Ao final conclúe con que non lle bota a culpa da súa situación nin a Sánchez, nin a Podemos nin ao PP (son os que cita). Considera o que lle pasa consecuencia dunha desgraza sobrevida e como tal hai que asumila. Marcha do posto mentres lle limpan as robalizas que a súa dona lle mandou comprar, e despídese cun Viva España, enunciado de forma morna, non sei se ambigua. Esta parece ser a actitude dunha boa parte da poboación, con distintos matices. Hai unha inconsciencia, unha especie de deixarse levar, unha resignada aceptación de a pandemia ser a causante dos males vividos e de todos os que podan vir, consecuencia dunha case praga bíblica universal. É como a avestruz que agocha a cabeza baixo as asas perante os perigos, para non ver.

Porén, os perigos non son remotos nin os males puramente sanitarios. Agora o principal depende da política, da forma en que se decida enfrontar as secuelas económicas, sociais e culturais do colapso producido nun modelo que xa era fondamente corrosivo do punto de vista da igualdade entre os pobos e dos dereitos das maiorías sociais. Entregados pasivamente aos poderes que nos gobernan aceitando as súas alternativas, o futuro non é nada prometedor. Os seus orientadores mundiais (FMI á cabeza) non teñen empacho en afirmar que será precisamente o sur da UE quen máis sufra por causa da crise económica e social na que xa estamos inmersos. Isto será así, entre outras cousas, pola excesiva dependencia do turismo, pola súa escasa capacidade exportadora, por non gozar de política fiscal propia e por ter que buscar recursos no mercado bancario a intereses elevados, asediados por unha prima de risco en ascenso, desamparados do crédito polos seu Bancos Centrais. O excelente artigo de Ramón Varela (Nósdiario, 23, abril) sobre o funcionamento da UE na crise de 2008, conforme á legalidade que a rexe, as súas desastrosas consecuencias, e como se albisca similar comportamento nesta conxuntura crítica, aclara moi ben por onde nos están levando.

Aquí o servilismo dependente dos gobernantes e os partidos estatais lévaos a non pensar sequera en traspasar unhas liñas vermellas previas que unha conxuntura tan crítica debería animar a, mesmo dentro do capitalismo, reconsiderar. Porén, apúntase, dentro do deseño da UE e da idea de consolidación da nación española única, a orquestrar, nada menos que en sede parlamentaria, un programa de reconstrución de España, que será emitido como propaganda ideolóxico-politica para incitar á necesidade de maior unidade perante a desgraza, dentro do espírito e a letra da Constitución Española. Así o afirma mesmo a noutra hora esquerda que se reclamaba de rupturista. Xa sabemos o que pode dar de si o deseño do que se parte e cal é a súa finalidade. Está testado na práctica. Para as nacións, en especial para Galiza, e para as maiorías sociais, é un camiño para nos desviar de calquera mudanza cualitativa. Para nós a reconstrución de Galiza non cabe nun estado centralista de aparencia autonomista fraudulenta. Necesitamos soberanía total ou partillada entre iguais. Non abonda coa experiencia destes corenta anos e en especial o que levamos visto nos últimos?

Comentarios