Opinión

Regresando ao presente

Volvo ao noso presente, após a semana anterior retrotraernos a un pasado en que Galiza tiña clase dirixente e estratexia política propia. Fágoo para amosar e analizar a situación e os problemas actuais, aproveitando os contrastes como elemento clarificador. Como actúan hoxe as nosas clases dirixentes, de habelas, e cales son as estratexias que asumen, neste contexto mundial, europeo e peninsular, pode ser moi revelador.

Trátase de observar e detectar o que expresa o comportamento político dominante na UE, no Estado español e na Galiza. Vou facelo, partindo dalgúns parámetros manexados polo presidente Putin no seu discurso de apertura do Foro Económico Internacional de San Petersburgo o 17 de xuño deste ano. Recorro a el porque é o único presidente europeo que, estéase ou non de acordo coa súa política, ofreceu unha explicación racional do que está a pasar a escala mundial, e moi en particular na Europa.

A esta altura, debo advertir que sería conveniente, prudente e hixiénico mentalmente, que prescindísemos do prurito de superioridade moral que late na consideración da nosa realidade política, do punto de vista democrático, ser modélica, para, desde ese preconcepto, lanzar pauliñas hiperbólicas contra outros. Simplemente se trata de asumir que nada hai eterno, que todo muda, unha idea fundamental da filosofía materialista. Non erra Putin cando advirte que nos achamos na fin da época dun mundo unipolar, ese en que USA era o enviado de Deus, como o dólar, e os demais de segunda categoría, como a xeito de colonias.

Nesta situación conflitiva, a UE está a bailar ao son de USA, con total perda de soberanía. Négase a aceitar a evidencia de que hai outros centros de poder no mundo. Porén, a contradición entre os intereses colectivos e esa cegueira está provocando un desacougo cada vez maior na sociedade e mesmo na superestrutura do poder político (Francia, Italia, Alemaña). Tamén hai desafecto variado nalgúns gobernos (Austria, Hungría, Serbia, Croacia…).

Ollemos o que nos pasa aquí. O Estado español practica unha subordinación entusiasta á última consigna que lle chega dos amos que o dirixen. A súa carencia de estratexia propia é tan pavorosa que a superestrutura política e os poderes fácticos internos parecen contentarse coa incauta concepción de estaren no bando dos bos; é dicir, a UE e USA protexerán. Xa están a verse as secuelas dentro e nas relacións con terceiros.

Na nosa Galiza, ao límite da subsistencia como pobo diferente, as autoridades non se dan por aludidas; só repenican os ecos que lles chegan de Madrid. Hai que afondar no de sempre: auto-negación por acomodación a España. Recentemente vimos o presidente da Junta de Andalucía portando bandeira andaluza nas mans, na noite electoral triunfal, como nos mitins da campaña.

O Estatuto de Andalucía foi reformado para calcar o catalán vixente, con acordo xeral. Malia os seus problemas económicos e sociais, medra a poboación e é centro informativo e simbólico-cultural de España. O españolismo andaluz parte da asunción de que, con Madrid, Andalucía é a esencia de España. Na Galiza, todo son reticencias, prevencións e distancias para expresarnos como galegos e galegas, para usar os nosos símbolos, non digamos para usar con normalidade a nosa lingua. Parece que hai que pedir perdón por ser o que somos dentro da nosa propia casa.

Esta situación expresa, en negativo, que xustamente somos unha nación diferente. Non hai clase dirixente nin superestrutura de poder político identificada co país: os gobernantes adoitan seren intermediarios dun dominio que os converte en servís. Cavan o pozo da nosa irrelevancia destrutiva.

Fainos falta un gran debate nacional que nos convulsione e a defensa ardida dunha estratexia política propia que nos converta en responsábeis do noso futuro. Estamos en tempos de mudanza mundial. Malia todo, é unha oportunidade.

Comentarios