Opinión

Reflexión

O mundo parece caótico e confuso, sobre todo se a nosa visión fica prisioneira da aparencia, do superficial. Desde logo, temos a impresión de estarmos atrapados nun modelo social e económico capitalista, oligopólico, estruturado conforme normas xerárquicas imperialistas entre estados e nacións, mentres un individualismo iluso domina as conciencias. O modelo non parece ser cuestionado a fondo, en Occidente, cando menos. Porén, o modelo, na súa concreción diversa en réximes políticos máis ou menos homologábeis, está provocando un problema de lexitimidade social, en todos eles, conforme ás súas especificidades. A desafección popular é evidente, coincidindo ademais cunha falta de información veraz e de debate político real e plural, pavorosas, que os medios hexemónicos canalizan con descaro prepotente, como instrumento de control social. Choca, mais non pode estrañar, que a reacción popular, incluídas as adhesións políticas, resulten ás veces dun irracionalismo estremado se temos en conta só os seus intereses reais obxectivos e non a súa percepción emocional do que está a pasar, sen dúbida fundada en aspectos parciais dela, debidamente instrumentalizados.

No caso do estado español dáse un feito paradoxal: a tensión política medra entre partidos estatais que non só partillan o modelo social e económico senón o réxime constitucional vixente, o instaurado en 1977-78. Son entusiastas da UE e da OTAN, servos das directrices dos USA, e hostís a mudar nada na Constitución vixente, moito menos se afecta á institución monárquica e á estrutura do Estado. Esta confluencia non relaxa, nesta conxuntura, o combate polo control do poder político estatal: prodúcese a cara de can. Seguramente é todo un síntoma de que non existe unha xeo-estratexia propia, é dicir, non hai unha ollada independente sobre o mundo exterior. Tamén de que, en certa maneira, boa parte dos poderes oligopólicos, e os poderes fácticos vinculados ao Estado, aspiran a un dominio total sobre el a través da versión política máis acorde coa tradición española de imposición, sen miramentos, dunha unidade nacional xerárquica e excluínte. Da incapacidade para mudar nada cualitativo a favor das clases traballadoras, da maioría social e dun estado xenuinamente federal, non digamos xa de calquera proceso independentista, limitándose o Goberno actual a pequenas emendas cosméticas, no primeiro tema, e mesmo impulsando procesos de maior centralización, no segundo, deriva que exista unha sensación de frustración e/ou de desafección popular, e un caldo de cultivo para a dereita española defender sen complexos o seu programa. Nunha palabra,  a situación económica crea cabreo xordo; un españolismo agresivo perturba boa parte da opinión pública, intoxicada desde os medios hexemónicos e desde os propios aparatos do Estado, impedindo calquera diálogo. Sen dúbida o Estado español está en crise; hai quen pretende enfrontala reafirmando os seus alicerces máis reaccionarios. O nacionalismo galego non partilla nin o modelo económico-social dominante, nin a Constitución de 1978, nin a xeo-estratexia dos USA, UE e OTAN. Ten claro como actuar tacticamente na política estatal. É esencial que manteña unha estratexia que teña como obxectivo que o pobo galego exista politicamente, defendendo os seus intereses, que son os da maioría social, e, para iso, sempre, e máis nestas circunstancias, é vital aumentar a conciencia nacional de Galiza, do pobo galego, a introdución popular.  

Comentarios