Opinión

Reboiras no cinema

Na mañá do día 12 de agosto, o meu amigo Xosé Díaz aléntame, como proba de nada estar quieto e todo poder mudar, sinalando que quen nos diría a nós hai vinte anos que veríamos un filme sobre Moncho Reboiras nunha sala de cinema. Vímolo no cine Dúplex de Ferrol, en sesión de tarde, co aforo, modelo Covid19, cuberto. Dá amparo e esperanza que a historia de Galiza, neste caso, a través dun suceso e unha personaxe significativos da segunda metade do século XX, apareza desta maneira lembrada, evocada. É expresión rexa da vontade por termos memoria e conciencia sobre a nosa traxectoria como pobo. Só xa por iso o filme mereceu ser seguido cun silencio e unha atención reverencial, por un público de diversas idades, non todo confesional do nacionalismo. Deume a impresión de causar unha sensación final moi partillada: a vontade colectiva, por pouca entidade numérica que posúa inicialmente, de responder á necesidade dun pobo por se expresar como tal, acabará orixinando un movemento social e político organizado ao seu servizo e no seu interese. Son as circunstancias as que premen e favorecen que algunhas conciencias asuman, na práctica, esa necesidade obxectiva. Moncho Reboiras, como persoa, é un símbolo desa vontade, dese esforzo, que pode chegar ao martirio.

Conforta e emociona, na parte informativa, testemuñal, do filme, escoitar familiares de Reboiras e persoas, militantes ou non hoxe da UPG e do nacionalismo, que o trataron ou conviviron con el, por causa da súa militancia política, dunha forma máis ou menos próxima ou íntima. Todas elas amosan conciencia plena de no ano 1972 se produciren na Galiza fenómenos sociais de calado que urxían no compromiso de desenvolvemento orgánico e social do nacionalismo galego. Apostouse por unha estratexia política activa, na clandestinidade plena e na semiclandestinidade, que favorecese a actuación social e pública no seo das clases traballadoras, e na rúa en xeral, na mocidade estudantil e no activismo cultural. Por certo, sendo o uso oral e escrito da nosa lingua cerne central dese activismo. A autenticidade, a veracidade e a convicción íntima sobre o que se fixo vibra nas palabras das devanditas persoas. É como se o asasinato de Moncho, para alén de cal fose a súa actitude, compromisos ou opcións nos anos futuros, ficase nas súas vidas como un deber de fidelidade a unha causa lexítima, á memoria dun esforzo colectivo que as transcendía. Ese esforzo necesario segue vivo, actuante e sobarda e transcende a dimensión individual, comunicándose así cara ao futuro.

Seguramente a xente moza verase moi sorprendida. Terá motivos para facer e facerse moitas preguntas sobre o seu país e a historia dos últimos cincuenta anos, sobre o nacionalismo e a súa razón de ser, e sobre unha figura emblemática, como representativa do esforzo colectivo, como Moncho Reboiras. Alguén pode botar en falta unha perspectiva máis épica ou heroica na parte recreada da súa vida, os momentos previos ao seu asasinato, sobre todo. Seguramente puido máis a contención, fuxir da hipérbole retórica, e a esa concepción responderon con acerto os actores e a actriz que participan. En todo caso, non temos máis que motivos de agradecemento para a Fundación de Estudos Nacionalistas Terra e Tempo, que promoveu o filme, grazas ao compromiso de Roberto Vilameá como produtor executivo, e para Alberte Mera, guionista e director, que traballou con habelencia artística para lograr un produto tan digno, tan testemuñal e verdadeiro, tan necesario e útil para a memoria e a conciencia colectiva do pobo galego.

Comentarios