Opinión

Realismo

A opinión pública galega está presa dunha idealista visión sobre as vantaxes de formar parte da UE. Nela predomina máis o imaxinario e preconcibido que o racional e analítico. A idea positiva que se deriva da nosa pertenza a ese espazo global parte dun complexo de inferioridade de inicio e dunha traballada propaganda que, ao longo dos anos, axudou a enmascarar os efectos reais da política económica comunitaria, mentres se subliñaron os modernizadores. O resultado modernizador cóntase en millenta paseos marítimos, variadas infraestruturas de servizos, pouco e mal utilizadas, mellores estradas e algunhas autovías, máis terminais portuarias e aeroportos sen o dinamismo necesario e un ferrocarril modernizado para nos desprazar a Madrid.

En contraste, desapareceu a agricultura, acelerouse a irracional forestación do monte e terras de labor con eucalipto, induciuse o sector lácteo a unha concentración que acabou coas explotacións familiares, e a pesca e o marisqueo foron manexados desde Bruxelas cunha desconsideración burocrática e cun espírito tan alleo a estes intereses como para usalo só como moeda de cambio con terceiros. Do proceso de desertización industrial xa non paga a pena nin falar. Que todo o devandito sexa tamén o resultado da forma de proceder e de aplicar os fundos estruturais ou de cohesión da UE polo goberno de España e de Galiza, non desdí que se tratou dun triplo efecto combinado e complementario.

Concordaremos en que, en cincuenta anos, todos os países da nosa contorna se modernizaron. E se modernización é ter móbil, TV, neveira, calefacción e gozar de internet o contraste con 1980 tamén no rural é seguramente evidente. Desde logo non estará o cortello das vacas debaixo do dormitorio da casa, claro que tampouco as haberá. Vivirán só persoas reformadas, sen actividade laboral, coas súas terras ermas, e no mellor dos casos, con algún fillo ou filla traballando no sector servizos na vila ou na cidade.

Podo comprender a quen, de maneira racional e cavilada, aposta por permanecer nun deseño así. Porén, coido moi negativo que se pense que vivimos mellor grazas a estarmos aí. Preocúpame que a maioría social acredite que, estando na UE, estamos máis a cuberto e protexidos nunha crise como a que estamos a vivir. Que se parta sempre da idea de que o que se decide na UE é bo por principio para nós, para os intereses colectivos.

Deberíamos ser conscientes de que a UE é, no fundamental, un mercado común, unha moeda única, o euro, un artefacto economicista que actúa a favor do capital e as empresas transnacionalizadas (que espectáculo propagandístico obsceno o das farmacéuticas ás que lles van comprar as vacinas contra a praga…!), a expresión globalizada dunha parte dos Estados de Europa. As súas decisións son as do conxunto dos Estados, entre eles o español, con hexemonías e subordinacións no funcionamento. Son os Estados os que aportan o diñeiro para os orzamentos da UE. O que reciben da UE é porque antes foron contribuíntes e sempre serán pagadores, sometidos á ortodoxia do pacto de estabilidade (por certo, plasmado na reforma do artigo 135 da Constitución española na anterior crise; a prioridade da política económica: pagar a débeda e reducir o déficit). Malia estar suspendido temporalmente, acaba de lembralo Valdis Dombrovskis, vicepresidente da Comisión Europea: “Hai que ser especialmente vixiantes con España”. Xa avisou de que a política orzamentaria expansiva só se vai tolerar temporalmente, como moito dous anos. A elevada débeda e o elevado déficit das contas públicas na España, advertiu, levará como obriga a aplicación dunha política restritiva, de recortes, vixiada e controlada pola UE.  

Comentarios