Opinión

Que está a pasar? (e II)

É o momento de nos preguntar até cando un pensamento irracional e irresponsábel poderá seguir xustificando unha organización político-militar que defende, dunha forma agresiva, os intereses xeo-estratéxicos dunha potencia militar, en base ao seu dominio en calquera parte do mundo. En particular, polo que nos afecta a nós de perto, alármame que a sociedade sexa sometida a unha intoxicación informativa, fundamentada na exclusión de calquera debate ou contraste de pareceres ao respecto. Tense como obxectivo fundamental que se considere natural e lóxico que un Estado, alleo ao continente europeo e coas súas fronteiras a miles de quilómetros, determine a política europea, de forma maniquea e con graves secuelas para os pobos europeos. Só un confesionalismo dogmático, con fundamento en prexuízos culturais, históricos e mesmo raciais, dentro da peor tradición da filosofía irracionalista, pode avalar tanta cegueira. Deste xeito, explícase que, perante un conflito con causas, no canto de avogar por impulsar a súa resolución pacífica, a través do diálogo, se opte con descaro por botar máis leña ao lume. Hai que evitar calquera discusión racional sobre o que está a pasar, as súas causas, o papel e os intereses de cada quen, as secuelas para nós. A esta altura, parece moi evidente que o goberno ucraíno se prestou, e presta, a ser un instrumento da estratexia de dominio hexemónico dos USA, sen ter ningún control sobre ela. Leva o seu pobo a un maior sufrimento, destrución e morte, alongando o conflito coa esperanza de deteriorar Rusia e provocar a caída de Putin, o verdadeiro obxectivo da estratexia da OTAN.

O momento é crítico, delicado. O conflito fai aboiar as irracionais convencións dunha orde internacional que naufraga por inxusta, desigual e inaceptábel para a maioría da humanidade. En especial, a de aceitar con mansedume o papel de xendarme mundial dos USA. Por certo, sería bo que os europeístas da UE, que son devotos da democracia americana, fixesen algunha cavilación realista sobre a descomposición interna dos USA. A lexitimidade social do seu sistema, o seu suposto papel civilizador mundial, a súa racionalidade, non son nada modélicas. Houbo Estados que pagaron moi caro o atrevemento de desafiar o dominio americano, os seus privilexios abusivos e opresivos. Foron aniquilados brutalmente, con masacres colectivas incluídas, borrados do concerto das nacións libres, abocados aínda hoxe a unha anarquía civilizadora. Iraque, primeiro, Libia, máis tarde, pretenderon que o dólar deixase de ser a moeda das súas transaccións comerciais. A máquina de fabricalos está en mans do Tesouro dos USA, porén goza de ser a divisa mundial por excelencia. Así vive calquera. Transfiren as consecuencias da súa débeda ao resto. Por fin, alguén está en disposición, con poder e valor suficiente, para pór en cuestión este modelo. A UE nin sequera intentou, aproveitando as oportunidades que outros favorecían (Rusia e China, en especial), que o euro tivese un relevo internacional maior, á espera de deseñar un modelo monetario internacional que non signifique privilexio e abuso tan desconsiderado de ninguén. Chegados aquí, pregúntome que se nos perdeu a nós, pobo galego, facéndonos acólitos dun deseño internacional como o que a OTAN defende: fervorosos entusiastas do hexemonismo americano na Europa tamén. Á vista está que, aquí, no Estado español, non provoca máis que involución democrática, militarismo e retroceso nas condicións de vida. Para un pobo en situación crítica coma nós, é mellor un mundo multipolar. Non debemos calar. Respecto da guerra na Ucraína, debemos defender, por enriba de todo, o diálogo, a negociación, para lograr a paz, entre as partes directamente implicadas.

Comentarios