Opinión

Que está a pasar? (I)

Intento, preocupado, cavilar sobre o que está a pasar. Víase vir. Estivo xestándose durante anos de aparente convivencia na Europa, abducida pola hexemonía dun capitalismo global, baixo a batuta dos USA, que, no continente "civilizado", se aproveitou para imitar o seu modelo económico-social de negocio desaforado e individualismo desenfreado, producíndose graves retrocesos no maior ou menor estado de benestar. Esta dominancia absoluta dun capitalismo oligopólico e escorado cara ao capital financeiro degradou as democracias occidentais, facendo do poder político, máis do que nunca, un sucedáneo dos poderes fácticos, reais. As democracias parlamentarias occidentais entraron así nun deterioro progresivo. A corrupción, sustentada moitas veces na propia legalidade corrupta, inzou o escenario político. A impotencia para responder ás necesidades sociais maioritarias e para resolver, democraticamente, os conflitos internos ou colaborar, racionalmente, á solución doutros externos, domina o escenario. Este declive da democracia parlamentaria occidental coincide, paradoxalmente, coa súa adopción, forzada ás veces ou inducida, por outros Estados no resto do mundo. En todo caso, tratándose de saídas a situacións autoritarias ou formalmente ditatoriais, parece como se se descubrise que a democracia parlamentaria pode encarrilar, de maneira que nunca saia dos canles predeterminados, para alén de non obrigar a excluír o uso da forza, e mesmo a excepcionalidade, de correr perigo a orde estabelecida.

Son incapaz de esquecer, na miña cavilación, como saímos do século XX e entramos no XXI, abafados coas máis brutais, destrutivas e inmorais, por cínicas, agresións contra pobos e Estados soberanos, sen o menor respecto pola legalidade internacional. Todo en nome do combate contra o terrorismo, da liberación da tiranía e da instauración da mirífica liberdade e democracia occidental. Producíronse millóns de mortos, feridos, enfermos de por vida, desprazados e emigrados, e unha descomposición das sociedades e dos Estados agredidos de tal calibre que continúan no caos, na violencia que non cesa, na anarquía desatada, ao tempo que  sometidos ao reparto e o espolio das súas riquezas entre as potencias salvadoras ou a capricho do mellor impostor. Por fin, parecía reinar sobre a Terra a Estatua da Liberdade, desaparecido o "comunismo" e debidamente castigados e eliminados os fillos de Satán. Tamén Rusia converteuse nunha democracia parlamentar, cunha Constitución que abraza a propiedade privada e o pluralismo  Porén, o mundo non ficou parado, nin sequera pola intimidación, e malia a auto-satisfacción do home occidental civilizado con tamaña heroicidade destrutiva, que, moitas veces,  parecía non doer a ninguén, agás, claro está, a quen a sufría. O mundo non é controlábel, nin totalmente nin por tempo indefinido, por moitas armas mortíferas, argucias, intrigas e propagandas esmagadoras e intoxicación que se empreguen. Algúns, nesta orxía de capitalismo global, deron xa a Rusia por morta, prostrada e incapaz de rexurdir das cinzas, agrilloada por un capitalismo especulativo e financeiro, presa do espolio e do despoxo das súas riquezas. Desde unha visión eurocéntrica que a considera filla espuria, bárbara, incivilizada, había que aproveitarse dela, das súas riquezas, pero mantela no ostracismo, vixiada e debilitada. Non abondaba coa desaparición da URSS. A cuestión era outra, moi outra. Tanto tiña que as ex repúblicas soviéticas se fixesen independentes sen recurso á violencia armada. Tampouco abondaba co pro-occidentalismo de moitas delas, derivado da súa historia. Había que usalas como instrumentos de acoso, cerco e desestabilización

Comentarios