Opinión

Para que a Historia de Galiza?

Esta foi de inicio a resposta da Consellaría de Educación perante a demanda de que figure como materia optativa na ESO e no Bacharelato. E non é que, na adaptación dos contidos da materia de Historia de España aquí, figuren xa as referencias oportunas coa amplitude debida ao noso país en cada etapa histórica. Todo ao contrario. A ausencia é clamorosa e a visión, neste aspecto, en nada se diferencia da que recibimos os galegos e galegas en plena ditadura franquista. A Xunta de Galicia non considera que deba haber mínimos a este respecto, para seren cumpridos. Deixa nas mans das editoriais e os seus libros de texto unha adaptación curricular, sempre tan marxinal como ridícula, que a nada obriga. A maioría do profesorado, neste contexto, naturalmente, adoece dunha ignorancia, moitas veces mesturada con displicencia, que o fai colaborador eficaz co obxectivo oficial de manter o alumnado afastado do coñecemento da evolución histórica do seu país, e sen a menor idea de a que responde o seu tan rechamante e numeroso, como descoidado e maltratado, patrimonio histórico-artístico. Non pode ser doutra maneira, tendo en conta que a súa formación escolar e universitaria decorreu xustamente guiada pola exclusión e a ausencia que denunciamos. Porén, esta ausencia é tan aberrante e está tan necesitada de rectificación que ten provocado, por fin, reaccións reivindicativas mesmo desde ámbitos historiográficos, até hai pouco indiferentes ou moi pasivos a este respecto, vinculados á Universidade ou ao ensino secundario. Ten medrado a conciencia de que esta anomalía debe ser rectificada, entre outras cousas, como unha das vías para recuperar a memoria do noso pasado, o coñecemento do que fomos, como chegamos até aquí e cales son as causas do noso estado. Teño a impresión de que somos máis os que sentimos incomodidade polo baleiro histórico en que estivemos e estamos a vivir como pobo. Resulta indignante comprobar como se nos somete á eliminación de Galiza como referencia histórica propia, mentres se nos conduce, de forma inexorábel, a alimentarnos con sucesos e referentes alleos, afondando na idea de non sermos ninguén por nós mesmos, sempre mero apéndice doutros.

Ás veces alimentámonos de mitos que remiten a personaxes e sucesos que contribuíron, de forma eficaz, á nosa doma e castración, si, como nación. A escola na Galiza está hexemonizada polo mesmo espírito que reina na iconografía que adorna o Congreso dos Deputados de España. Non deixa lugar a dúbidas. Presiden as estatuas de Isabel e Fernando, os Reis Católicos. Á esquerda, Padilla, Bravo e Maldonado, os comuneiros de Castela. Á dereita, a chamada Guerra da Independencia de España, simbolizada por Daoiz e Velarde. Neste esquema, non cabe Galiza. Ignorancia, terxiversación, deformación e mesmo apropiación indebida pairan sobre a nosa traxectoria histórica. Tamén o sistema educativo debe estar ao servizo da idea de que non somos ninguén. Nunca houbo pobo galego nin nación nin reino. Nunca houbo vontade política propia nin historia específica. Malia a súa rectificación, forzada e tardía, sobre unha marxinal optativa de Historia de Galiza na ESO, a concepción da Xunta segue a ser esa. Nótase tamén na súa política turística e a forma de tratar e valorar o noso patrimonio histórico-artístico. Non é só ignorancia o que provoca o desleixo, a indiferenza e a hostilidade de quen nos goberna verbo do coñecemento e difusión educativa da nosa historia. É tamén a prevención consciente de que non convén que o coñecemento e a conciencia do pobo galego sobre si mesmo supere os límites do enxebrismo (comida, festa e familia) e a mentalidade localista. O coñecemento da nosa historia contribúe a esa superación. Non pode nin debe espallarse socialmente. Significa descubrirnos noutra dimensión.

Comentarios