Opinión

Que cruz!

Vanme permitir, nesta ocasión, un desafogo, que, para non ficar en estéril desabafo emocional, intentará transitar para o ámbito do pedagóxico ou doutrinal, isto é, tirar algunha conclusión que nos faga pensar. Non gosto nada de inmiscir en diatribas políticas partidarias, e moito menos se son alleas ao meu país. Tampouco devezo por prestar atención aos tacticismos dos partidos cortesáns, nin me sorprenden as súas estratexias electorais, e moito menos como se preparan algúns para ofrecer o mesmo cun novo envoltorio, conscientes de as eleccións teren algún compoñente que as aproxima ás regras do mercado, ao consumo dun produto. Porén, neste caso, vou aproveitar unha intervención pública dun político madrileño, Pablo Iglesias, nun acto de afirmación do seu partido nun teatro madrileño o domingo, día 6 deste mes de novembro. Usarei as súas palabras porque son todo un síntoma do papel que cumpren na política moitos galegos á española, para que nos queren, como nos ven, a que nos prestamos, con máis frecuencia e reverencia da que sería de desexar. E non fica aquí: fareino tamén porque, querendo ou sen querer, revelan cal é a estrutura do poder político no estado español, e cal é a súa consideración sobre o noso país. Naturalmente, non podía ser doutra maneira, o líder podemita centrou os seus ataques no Partido Popular e na dereita mediática e xudicial que o sustentan e esporean, ao tempo que ridiculizaba o presidente dese partido, Feixoo, cuestionando o seu liderado, pois é un simple mandado, sen poder algún. A frase reveladora en cuestión foi: "La derecha mediática y judicial está en contra de la renovación del poder judicial…y tú, galleguito, te enteras de quién manda en la derecha de este país… que mandamos los de Madrid".

A verdade é que parece xa un deporte español aludir á condición nacional galega con ton, no fondo, pexorativo. Porén, resulta un pouco paradoxal que lle atribúan este xentilicio a quen non exerce de tal, e mesmo a quen, seguramente, fixo e fai todo o posíbel por renunciar a el, porque non se lle note. Triste calvario debe ser, para quen, na práctica, renega de ser galego de nación e deseña toda a súa vida para triunfar na Corte de España, que lle lembren a súa orixe nacional. Polo que se ve, embora moitos galegos e galegas se empeñen en negar que Galiza é unha nación, hai quen se encarga de lembrarllo negativamente, como se fose unha especificidade ridícula. Para Feixoo a súa única condición operativa, práctica e desexada é a española. A ela responde a súa vida e a súa traxectoria política. Resulta que agora é un galleguito, un ninguén, un mandado, na Corte de España. Habería que lle preguntar a Pablo que era cando exercía de presidente da Xunta e gabábano, como moderado e bo xestor, toda a mediática e a política madrileña a esquerda e dereita. Parece claro, non?: un galego a la española, moi funcional para a Galiza non existir nin molestar. Aliás, hai que lle agradecer ao líder podemita os seus arroutos de sinceridade, sobre todo porque transgriden sen querer os límites do conveniente para el. Efectivamente, "mandamos los de Madrid". O plural déixao claro. Non só na dereita, tamén na esquerda, incluída na que el milita e conduce como sumo sacerdote.       

Comentarios