Opinión

Que aprendiches sobre E. Pardo Bazán?

Con esta pregunta, como proposta e incitación, un xornal galego, coa colaboración da Xunta de Galicia, vén de convocar un concurso de microrrelatos para mociños e mociñas de 4º da ESO. Podemos consideralo unha secuela da homenaxe a Emilia que, en vida, se consideraba escritora española, lonxe e hostil de calquera intención por restaurar e consolidar a literatura en lingua galega. Cabe subliñar, máis unha vez, que, na súa época, a opinión dominante na Galiza consideraba, con intencionalidade eloxiosa, Pardo Bazán, como todas as persoas nadas aquí, que triunfaban na Corte de Madrid, gallega a la española. Sen esa identificación co deseño cultural e político español, non había galego ou galega que merecese un recoñecemento elevado na propia sociedade galega. Na forma de conducirse oficialmente o centenario da morte da escritora en 2021 esta premisa volveu manifestarse sen rubor. O botafumeiro hipnotizador, non só dos aparellos culturais do Estado, senón tamén dos autonómicos, consistiu na emisión dun discurso unísono, como unha especie de adoutrinamento social, para asentar o valor superior da Pardo Bazán. Convertérona, obviando o seu elitismo e egotismo clasista, para alén da súa moral católica dogmática, de aplicación ás masas, e en particular ás mulleres traballadoras, nunha feminista avanzada.

Argallaron, nunha cabriola excesiva, o argumento de que o seu pensamento social, económico e cultural era progresista, só coloreado de pingas conservadoras, por máis que as súas adhesións, declaracións e creacións artísticas expresen unha visión reaccionaria contundente, que, por suposto, non nega a súa intelixencia política para buscar o acomodo máis conveniente dentro da evolución da Restauración borbónica. E, como traca, larvada, de efectos retardados pero explosivos, inocularon a idea de que amaba Galiza e se preocupaba por ela, obviando con descaro displicente a súa animadversión e hostilidade co movemento do renacemento cultural e literario de Galiza e da lingua galega como lingua de cultura, por non falarmos do desprezo e animadversión que a súa narrativa de temática galega amosa sobre o campesiñado galego, e en particular as mulleres de tal condición. Todos estes aspectos foron tratados, por fortuna, debidamente nun libro revelador por Pilar García Negro.

A homenaxe a Emilia polo centenario pretendeu, coa súa forma de deseñarse, prescindir da historia real, como se a súa obra non fose evidente na súa intención e como se a escritora non expresase con claridade e contundencia o que pensaba e sentía. Para esta operación tiveron que desconsiderar boa parte da tradición crítica, mesmo a académica, que se ocupou na segunda metade do século XX da vida e da obra da escritora. Simplemente se acomodou todo a un obxectivo, este si claramente ideolóxico, conforme á vacuidade interesada dos tempos que corren: a louvanza dun modelo de muller que puido competir, grazas á súa posición social, o apoio paterno e unha forte autoestima e ambición nun mundo de homes, agochar ou maquillar que renegou da lingua e cultura de Galiza, até o extremo de manifestar hostilidade pola súa resurrección, en concreto contra Rosalía, e que, desde a renuncia a identificarse co pobo de procedencia, logrou o máis alto cumio no panorama da cultura literaria española. A civilización era, para ela, incompatíbel co ser nacional de Galiza. Ela, como moitos e moitas máis, formou parte das elites galegas intermediarias, españolizadas, que, incapaces de superar o auto-odio, miran o indíxena como algo alleo, racional e emocionalmente, sen a menor piedade. Un fenómeno histórico que non se debera obviar. O único que explica con racionalidade o universo dunha parte importante da obra de Emilia. Il será que desapareceu xa esta dialéctica? Ou é que está máis actuante do que nunca? 

Comentarios