Opinión

A propósito dunha biografía de Rosalía de Castro

É necesaria unha biografía de Rosalía de Castro, recoñecendo que a dificultade para a súa elaboración non é pequena. Sen dúbida trátase dunha tarefa ardua. Porén, a esta altura, posíbel e asumíbel, e moi proveitosa, de facerse con honestidade, sen présas, coñecemento fondo da súa obra e da extensa e diversa bibliografía sobre a escritora, acugulada ao longo dos anos. Haberá que saber separar o gran da palla, ademais, claro está, de ser guiada polo entusiasmo que devén da convicción de estarmos perante un prodixio creativo que tivo e ten, en particular para a nosa sociedade, un significado revelador. Seguindo estas pautas, e seguindo o criterio de seren Rosalía de Castro, a súa persoa, os avatares da súa vida, a súa obra e o seu sentido, alén dos elementos contextuais clarificadores, os que deben servir de fío condutor básico e principal do discurso biográfico, o resultado será sempre digno e útil. Dependerá do autor da biografía, claro está, a capacidade para desenvolvela nunha prosa fluída, de lectura amena e engaiolante. Desde esta perspectiva, vou valorar Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade (1837-1863), de María Xesús Lama, que vén de aparecer como biografía da escritora, acoutada ao período que vai entre o seu nacemento e a publicación de Cantares Gallegos.  

Certamente temos aínda moitas lagoas, misterios e interrogantes sobre Rosalía que proveñen da censura, ocultación, manipulación, represión, destrución, acomodación para a súa integración post mortem, que sufriron moitos aspectos da súa vida, parte da súa obra e dos seus documentos, entre eles as cartas privadas da súa autoría. Tampouco foron as súas condicións de marxinalidade nos últimos anos da súa existencia favorábeis á súa presenza social, pública, nin ao amparo protector, privado ou público, para a súa obra. Porén, hai traballos biográficos parciais que xa clarificaron algúns aspectos substanciais da súa vida, e estudos sobre a súa obra, que fornecen de moito material útil para debuxar un perfil humano, social, ideolóxico e psíquico desta muller extraordinaria, así como sobre a súa orientación. Con estes antecedentes a tarefa é ardua, pero posíbel, e as dificultades son superábeis. Esta biografía de María Xesús Lama sobre Rosalía manexa boa parte dos traballos biográficos parciais anteriores con lóxica, conforme ao rigor da súa base documental, para enfiar a sucesión cronolóxica vital, quedando sempre clara a súa fonte de información principal. Non ten o mesmo rigor no uso da bibliografía dos estudosos da obra rosaliana. Neste caso, malia servirse de análises e interpretacións que determinan e condicionan o perfil de Rosalía que a biógrafa deseña, agocha a fonte onde as bebe, en moitos casos, malia aclararen aspectos fundamentais dos que se aproveita, dunha maneira ás veces equívoca e contraditoria. Entramos aquí no terreo da honestidade intelectual, que non caracteriza, precisamente, unha boa parte do mundo académico galego, moi endogámico, corporativo e clientelar, coas conseguintes secuelas intelectuais. 

Entramos aquí no terreo da honestidade intelectual, que non caracteriza, precisamente, unha boa parte do mundo académico galego, moi endogámico, corporativo e clientelar

Vaia por diante que, nun caso como o de Rosalía, onde houbo que desvendar a verdadeira faciana da autora e o sentido e función real da súa obra, contra vento e marea, para chegar a unha imaxe, minoritaria aínda, máis consecuente, resulta ineludíbel ter presente o papel dos analistas e estudosos no devandito proceso, non intentando operacións de camuflaxe que confundan facendo crer que teñen o mesmo valor, rigor e van na mesma dirección clarificadora estudos e análises dos autores que a biógrafa cita na Introdución. Esta mistificación acaba por condicionar e lastrar, xa de partida, todo o que se escribe e como se escribe. A súa intención é evidente: aquí todos remamos na mesma dirección e a nova imaxe logrouse por acumulación espontánea sen censuras, boicots nin atrancos, e ademais podemos facer unha apropiación do esforzo alleo sen recoñecelo, adaptándoo convenientemente conforme a intereses sectarios e corporativos. Naturalmente, está permitida unha proxección retrospectiva para cargar, en exclusiva, nas costas de Murguía as responsabilidades no control da imaxe da súa dona e da obsesión por ocultar e destruír todo o que puider perxudicar a mitificación adecuada que, segundo María Xesús Lama, o marido procurou e logrou en calculada operación de estratexia cultural para a esposa desaparecida. De ter empregado a mesma dureza, buscando responsabilidades deformadoras e terxiversadoras na crítica, manipulacións, silencios e boicots institucionais, apropiacións indebidas cando xa era inevitábel o impacto social de parte da súa obra, seguramente a biografía se tería librado do desequilibrio interno que axiganta a sombra negativa de Murguía á vez que, de facto, non retoricamente, palidece a fortaleza psíquica e a vontade rosaliana, non acabando de definir un perfil claro psicosexual, erótico ou afectivo desta muller tan heterodoxa en tantos aspectos.  

Está ben que a autora desta biografía fale de ser Rosalía unha moza bohemia, da atracción por triunfar en Madrid, de comuñón de ideas e compenetración intelectual da parella que se converte en matrimonio. Como acertada é a caracterización de Rosalía como muller de carácter libre e independente, cunha grande formación literaria e con pensamento socialista. Correcto é subliñar o seu intento de escribir para vivir, isto é, a súa profesionalidade como escritora, ou da rede social, na que se apoiaron ela e Murguía para espallar o seu labor cultural a prol da dignificación do país… Porén, todo isto xa estaba dito e analizado hai tempo, non son novidades, por máis que non se recoñeza. Podía desenvolverse máis e mellor, e hai materia abondo para sustentalo con máis forza empírica, e mesmo para dar renda solta a algunha hipótese plausíbel ou dar máis información ao respecto. A caracterización da persoa e a súa conduta, as pulsións que laten na súa obra, deberían conformar o fío condutor da biografía da Rosalía moza. Mais non é así. Achamos excesivas observacións, xuízos de valor ou análises psicolóxicas, pouco fundamentadas, a maiores, sobre personaxes colaterais, caso do avó, e tamén atención desmedida a cuestións anecdóticas sen o menor interese, mesmo absurdas, como darlle cabida  por extenso á teoría Durán-Ferrín de o pai de Rosalía non ser crego. A prolixidade descritiva sobre o Madrid da época e o seu urbanismo contrasta coa reducida e tópica información sobre o banquete de Conxo, dualidade valorativa que late tamén na pouca importancia que se concede á atmosfera cultural, ao contexto lingüístico, á situación económica e social, e ao papel dentro de España, que caracterizaban a Galiza do momento…

A caracterización da persoa e a súa conduta, as pulsións que laten na súa obra, deberían conformar o fío condutor da biografía da Rosalía moza. Mais non é así

Ás veces nótase en exceso que a biógrafa é refén dos seus prexuízos ideolóxicos (é notábel que asegure, con rotundidade, que o labor de vindicación de Galiza se facía mellor desde Madrid, que desde aquí, intentando enredar Rosalía nesta opinión). Asemade é vítima dun oportunismo algo excesivo, botando man dun certo arroallo feminista, de fácil consumo, cargando contra Murguía, de forma absoluta, amparada nunha, ao meu modo de ver, bastante discutíbel e nesgada, alén de en ocasións pouca informada, biografía sobre el, asinada por Xosé R. Barreiro, publicada pola mesma editorial. Esta fonte, si citada con abundancia e aplauso reverencial, úsase para falar da estatura de Murguía, meterse en sarillos sobre que tipo de atracción física podía sentir Rosalía por un home así, pontificar sobre a capacidade rosaliana para superar as aparencias mundanas, e, paradoxalmente, anotar a posibilidade de estaren unidos pola falta de imaxe paterna, unha, e materna, o outro (pensei que non se partillaba a teoría do trauma de nacemento, pero polo que se ve, aboia con novas roupaxes). De tal xeito é abafante a sombra de Murguía, seguindo as últimas teses corporativas, que se dá a impresión, tan simple como equívoca e falsa, de que Rosalía tería sido feliz e triunfante de non ser por el… Está moi ben dicir que Rosalía era unha muller complexa e misteriosa, como fai a biógrafa, pero a idea hai que desenvolvela, dando as claves desta complexidade e misterio, e desde logo non axuda nada convertela nunha vítima do seu marido, facéndoo responsábel de lle cortar as asas para ela non voar. A verdade foi algo máis conflitiva e as condicionantes das circunstancias económicas, sociais e políticas, para unha muller sen dote e das súas inclinacións ideolóxicas e afectivas, máis determinantes que as incomprensións, desafectos ou perversidades do seu marido, que sempre a tivo en alta consideración intelectual e actuou en consecuencia neste aspecto.  

De tal xeito é abafante a sombra de Murguía, seguindo as últimas teses corporativas, que se dá a impresión, tan simple como equívoca e falsa, de que Rosalía tería sido feliz e triunfante de non ser por el…

Mención á parte merece o uso da obra literaria de Rosalía como fonte de información biográfica, na medida en que expresa moitas ideas, obsesións, expectativas, frustracións e desexos da autora. Creo que esta pista podía dar moito máis de si. Contaba María Xesús  Lama con moitas análises precedentes, que sen dúbida coñece e usou á súa maneira, de forma restritiva, parcial, e pouco produtiva. Polo que me toca, creo que a súa interpretación do personaxe de Fausto de La hija del mar é insostíbel. Consideralo un acosador, cando a súa fraxilidade é a manifestación dun home con alma de estereotipos femininos en contraste cunha mociña destemida, valente e con iniciativa, é privar a novela dun xogo revelador, por non aludir a que resulta unha vítima da superstición social. En termos estritamente literarios é o coprotagonista dun capítulo que se pode ler como conto, illado do conxunto, como puxo de manifesto algún crítico académico estranxeiro (Enrique Pupo-Walker), bo lector, seguindo un criterio puramente intrínseco, descoñecendo o contexto mesmo. A arroutada interpretativa, sen fundamentación suficiente, nalgúns casos, contrasta coa reticencia e o receo excesivos a entrar en debate ou a asumir análises e interpretacións que terían enriquecido o discurso da biografía e axudado a centrarse no perfil psíquico, humano, de Rosalía, e na tendencia da súa obra e da súa vida. Mesmo sorprende que a valentía da biógrafa para elucubrar, nalgúns casos, se converta en covardía extrema á hora de interrogarse sobre algunha carta (como a da moza Manuela a Rosalía). Finalmente, tendo presente o arroallo feminista que sacude a biógrafa contra o papel de Murguía, sorprende que non a leve a expor, analizándoo con demora, o que ela denomina o carácter feminista ou protofeminista das ideas de Rosalía, aspecto que despacha cunha nota a pé de páxina, dicindo que “xa foi abundantemente explorado pola crítica, especialmente Pallarés, March e García Negro”.  

María Xesús Lama fala de anacronismos, referíndose a interpretacións da obra de Rosalía que non cita. Voulle indicar algúns que ela usa e que non axudan a aclarar o leitor. Rechama que, nun libro sobre Rosalía, se use só unha vez a palabra nacionalismo, e para referilo ao que denomina “nacionalismo español”, seguindo un hábito da historiografía dominante. Ben, que era Rosalía, entón, ideoloxicamente? O mesmo, pero en oposto, á monarquía isabelina, á ideoloxía estatal dun só Estado e unha soia nación, un só pobo e unha soia lingua? Obviar a construción do Estado centralista, cunha hexemonía nacional,  e o seu carácter asimilista e desigual non aclara moito e denominalo nacionalismo, menos, cando os leitores entenden por nacionalismo, máis os de Rosalía, en puridade, movemento de defensa dunha nación sen Estado. Falar de “loita galeguista”, como se fai nesta biografía, é usar unha terminoloxía que non se acompasa coa realidade de entón, que bascula entre provincialismo, rexionalismo, nacionalismo, agochando sempre unha pulsión nacionalista no campo cultural, nos casos cualitativamente superiores, como o dela. E coido que expresa unha artificiosa candidez, moi pouco acorde co papel da muller sen dote  naquel contexto e coas dificultades para a súa independencia a través do exercicio intelectual, como profesional da escrita, cando alude, para afondar no demérito de Murguía, a que unha muller intelixente sempre podía atopar interlocutores dispostos a axudala. 

Rechama que, nun libro sobre Rosalía, se use só unha vez a palabra nacionalismo, e para referilo ao que denomina “nacionalismo español”, seguindo un hábito da historiografía dominante

A verdade é que os desequilibrios sinalados non favorecen que a persoa Rosalía sexa o centro vivo da narración biográfica. Moitas divagacións e temas secundarios desvían a atención, como se se tratar de ocupar un espazo para obviar o que realmente debía preocupar e ocupar. Se hai unha segunda parte, recomendo á súa autora que manteña un diálogo máis aberto, sincero e transparente coas fontes, que use delas para aproveitar ou mellorar o que teñen de bo, con destino ao obxectivo que ela debe ter, escribir a mellor biografía posíbel de Rosalía de Castro. Que se abra honestamente, aínda que for para contradicilas, a fontes que sabe ineludíbeis, determinantes. E que non se deixe levar polas présas, valorando e aquilatando ben a solidez e a coherencia do que escrebe, buscando un fío condutor, que evite a sensación de “corte e pega”, a ser posíbel no estilo máis fluído  posíbel. 

Comentarios