Opinión

Con profunda sinceridade

Non está nada mal que a sociedade galega se vexa obrigada a pensar na súa propia existencia e a reaxir por mor das consideracións e valoracións que sobre ela se emiten desde España. Neste aspecto a sinceridade argumental da españolísima xuíza de Marbella na súa sentenza retirando a custodia dunha crianza de trece meses a unha nai argumentando, entre outras lindezas, que “vive en la Galicia profunda”, tivo, seguramente,  algún efecto catártico e provocou aquí máis dunha cavilación e reacción positivas. Porén, tamén houbo tendencia a xulgar o argumento da sentenza como unha descualificación da vida rural, fronte á das urbes, é dicir, do que se considera ambientes cosmopolitas. Coido que esta interpretación é moi benévola e pretende, en boa maneira, camuflar o visceral desprezo que contra a realidade específica galega destila a sentenza. Teño a certeza de que á xuíza non se lle ocorrería facer as súas argumentacións se a nai se fose a vivir a un pequeno núcleo de poboación de Castela León ou Andalucía. Esta sociedade, os seus costumes, a súa tradición, a súa cultura, a súa lingua, a súa mentalidade, non a levarían a falar da Castela ou Andalucía profundas, nen tampouco a dicir que están “lejos de todo”. Que será ese todo? Sen dúbida a idea cosmopolita da españolidade, con centro en Madrid, e o que ela considera modernidade, ausente da Galiza profunda. É curioso que afirme que Marbella reúne múltiples posibilidades para o adecuado desenvolvemento da personalidade do neno e para que creza nun ambiente feliz, que non se darían na aldea de Torea, entre Noia e Muros. Semellante apriorismo non pode ter outro fundamento que acreditar en que libra a crianza de vivir cun grupo social atrasado, salvaxe, menos moderno, menos español enxebre, con perigo de se contaminar da lingua tradicional e orixinaria de Galiza. Non o pensaría de se integrar nunha viliña andaluza con cante flamenco, touros, e españolidade lingüística acreditada, con tantos ou máis pobres e parados, e menos emigrantes seguramente, que na ría de Muros. Aquí non é que non haxa carencias, hainas, e moitas; porén, non son as que a maxistrada axita como específicas. E para ben ou para mal, todos os factores de modernidade están presentes, en maior ou menor medida.

Vimos de ser interpelados máis unha vez como pobo galego. Reflectiron no espello a súa desvalorización de nós, que nós fixemos propia. A Galiza profunda era a que non estaba aínda ben españolizada, a que traballaba a terra, a que falaba, fóra de consideración, a súa lingua propia. Entón, como hoxe (e mira que somos modernos e cosmopolitas!), era tratada como unha colonia: exportación de carne humana, materias primas e recursos financeiros. Para moitos galegos e galegas a promoción persoal, individual, significou acceder a un status que significou a renuncia á súa condición nacional natural. Acabou este proceso? Moitos e moitas aínda están a fuxir da súa, nosa, Galiza profunda, xa case un fantasma. Non queren ser alcumados de pailáns. Renegan. Quero dicir que, como non podía ser menos, o problema témolo tamén dentro, se ben conforme novos prexuízos que se pretenden causas, sendo consecuencias do dominio e a subordinación: Segundo eles, temos incapacidade económica para vivir por nós mesmos; manter a nosa lingua é unha inutilidade e un atraso; a salvación virá de fóra, permanecendo dóciles na bodega da nave española como escravos; a emigración como solución tradicional; a adoración hipnótica pola corte madrileña… Vai sendo hora de nos asumir con plenitude, para alén das queixas sentimentais, as irritacións momentáneas ou as afirmacións individuais de orgullo perante as agresións e desconsideracións alleas como as que a sentenza devandita revela con crueza case racista.  

Comentarios