Opinión

Profanación

Gostaríame saber de onde ou de quen partiu a luminosa idea de acompañar os fastos oficiais  do 25 de xullo en Compostela co gallo do Xacobeo co recurso a avións de combate co seu ronsel de bandeira española contaminante no ceo. Voaron case rasantes  por enriba dos tellados e das rúas da cidade, Patrimonio da Humanidade. Non cabe dúbida de, por se tratar dunha cerimonia en principio relixiosa, con participación e soporte gobernativo, da xefatura do estado e da xerarquía eclesiástica, a súa encenificación, ter contado coa anuencia e beneplácito dos anteditos poderes. Porén, aínda tendo presente as actitudes e os compromisos ideolóxico-políticos do poder coercitivo do estado, coas forzas armadas á fronte, o recurso á ostentación da forza aérea e a obsesión por nos abafar desde o ceo coa roja y gualda, en data tan singular e simbólica por tantos motivos que non casan con esa bandeira, seméllame un exceso, unha impertinencia e unha provocación.

En primeiro lugar, para quen celebramos o Día da Patria Galega manifestando a nosa vontade e compromiso de loitar por existir como pobo diferente, logo para quen celebra unha data relixiosa ou festiva de carácter nacional galego ou de dimensión ecuménica e, finalmente, para todos os que facemos do pacifismo e do respecto pola diversidade nacional, cultural e lingüística unha estea básica da convivencia. Parece claro que alguén quixo enviar a mensaxe de Galiza ser terra conquistada, onde se pode exhibir a prepotencia caprichosa dun españolismo con afán de dominio, mentres ao mesmo tempo se pretende intimidar e disuadir, mediante ameaza da forza armada, de calquera intento de insubmisión. 

A verdade é que, buscando profanar unha data de grande relevo simbólico para os nacionalistas galegos, profanaron tamén a data en que a cidade pretende ser centro ecuménico de peregrinación e convivencia, por non falarmos da profanación que se fai sempre coa cerimonia militar e relixiosa que se desenvolve na Praza do Obradoiro e no interior do templo. Cabe lembrar que os canteiros, e os mestres directores, que construíron a catedral románico-gótica de Compostela e o seu Pórtico da Gloria, eran galegos de nación, arroupados e impulsados por arcebispos e reis (nada que ver a súa función nen lexitimidade coa monarquía actual) que eran de lingua galega, e usábana con normalidade, e que servían a unha estratexia de defensa dos intereses do reino de Galiza no marco peninsular e europeo.

Naturalmente fixérono dentro dos esquemas social e mental do sistema feudal, entón natural, único existente. Non é casual que fose este o período de esplendor de Galiza en todas as ordes, e así recoñecida internacionalmente. Non celebran as autoridades esta Galiza que foi, con afán de sermos hoxe prósperos e dignos como pobo. Non atenden, están de costas, ao espírito e á fermosura do Pórtico, á tranquilidade e acollemento do Santiago sedente do seu parteluz nen á presenza dos profetas do Antigo Testamento, válidos tamén para xudeus e musulmáns. As autoridades miran para o altar maior barroco, unha incrustación tardía do imperio español, o do Santiago Matamouros, a cabalo, con espada na man, liquidando infieis. Seguen a súa inspiración, incluídos quen españolean con vestido vermello coa pretensión de tapar as súas vergoñas (canto valor se lle quere dar á aparencia!!!), todos concordantes en que a unidade de España é sagrada.

Agora os infieis somos nós, todos os pobos que se resistan ao suicidio e á asimilación á España única. Santiago Matamouros, petrificado en imaxe artística significativa pero xa inofensiva, transfigurouse nos cazas ameazantes con bandeira excluínte, contaminación do ar, malgasto do diñeiro público e perigo de accidente catastrófico para a poboación e o patrimonio histórico-artístico.  

Comentarios