Opinión

Pracer e pedagoxía

Hai uns días tiven a oportunidade de ver no Duplex de Ferrol (só versións orixinais, con subtítulos) unha fita inglesa, producida en 2021 e estreada este ano. Estou a falar de Good luck to you, Leo Grande (Boa sorte, Leo Grande), dirixida por unha muller, Sophie Hyde, e con intelixente guión doutra, Katy Brand. Unha actriz, Emma Thompson, e un actor, Daryl McCormack, encárganse de soster a historia que se nos conta. Ao longo de catro encontros, en espazos fechados (tres na habitación dun hotel e o último na cafetaría do mesmo) asistimos a unha relación, con comunicación física e verbal, entre unha muller inglesa (maior, xubilada como profesora de relixión, supomos que anglicana, e xa viúva, cun fillo e unha filla, emancipadas) e un mozo irlandés, mestizo de branca e negro, moi fermoso, que ofrece servizos de acompañante, se queredes, gigoló ou protituto. En principio, o móbil para este encontro é o desexo irreprimíbel da muller de superar a súa frustración por non ter gozado nunca dun orgasmo nin antes nin despois da súa vida marital. Procúrao a través do acceso a un corpo mozo, atraente, belido, de pago. Malia a súa represión, agora de vella, sen presións nin determinismos familiares inescusábeis síntese na necesidade e co empeño de conseguilo. A perspectiva desta muller é a que move o filme e a súa didáctica, pois obra de didactismo é, sen a apenas notármolo. O proceso para se desprender e descabalgar dos seus medos e prexuízos respecto do seu físico e da sexualidade estereotipada e reprimida, vai fluíndo, non sen dificultades e impotencias. É asombro paralizante e un sentimento de melancolía contemplativa o que a asolaga cando o contacto físico con tanta beleza desexada se vai producir. Ao cabo, logo de varios ensaios e experiencias, en tres sesións, a cada paso máis satisfactorias, a catarse prodúcese: un orgasmo, secuela, pero non inmediata nin directa do contacto físico e sexual. Mira o seu corpo espido nun espello: a asunción sen medos nin tabús do seu propio físico avellado, a través do que experimentou experiencia tan dignificante.

Si, foi de pago. O diálogo non está exento de conflito, tanto como para rebentar a comunicación posíbel e limitada, cando a muller intenta entrar, saber da vida privada do fermoso mozo. O afán maternal, a ansia de coñecer do ser humano, intenta traspasar a fronteira do contrato, centrado na relación de pracer. Violenta reacción de súpeto, que se irá amainando até permitir o mozo a entrada na súa intimidade, accedendo a muller a outra mentalidade e ás súas razóns. Sorprende que o filme non caia nos convencionalismos da moda nin no politicamente correcto respecto de temas espiñentos. O fermoso mozo exerce o seu oficio de acompañante (xa, prostituto) por pracer, e como fonte de ingresos. Goza co pracer que proporciona a outras e outros; satisfai públicos moi diversos nos seus gustos, a maior parte das veces sen que aconteza nada desagradábel ou ominoso. En todo caso, o seu drama, o que o marcou, foi verse expulso do fogar por unha nai avergoñada pola súa conduta sexual adolescente. No epílogo aparece unha interlocutora inevitábel, a camareira da cafetaría, que recoñece na muller a súa profesora. O mozo pregúntalle que tal era como docente. Ben, só un día chamounos putas, contesta, por como íamos vestidas.  A muller e o mozo veranse urxidos a facer unha confesión honesta, necesaria. Entre desculpas e algo de vergoña, ela recoñece que non está cun comercial, senón co seu acompañante de pago; o mozo confirmará que a iso se dedica. Pasmo e certa cara de picardía da mociña. Retirada sen chistar. Non se preocupen. Non é conto de fadas, tampouco nada morboso nin pornográfico. É a vida, na faciana da intimidade das persoas. Un convite a comprender antes de xulgar. O final fica velado para que vaian vela. Pode parecer pedagóxico; porén, é dolorosamente realista.

Comentarios