Opinión

Pórtico da Gloria

É o momento de contemplalo. Entrai no templo. Agora non está abafado de romaxes caóticas e telecamiñantes. Unha boa oportunidade para a xente do país nos decatar de onde vimos e o que fomos. Tamén, para os de dentro e os de fóra cavilaren pondo en conexión o noso patrimonio histórico-artístico co pobo que o criou, o pobo galego. En fin, para os de dentro e os de fóra de Galiza, constataren que o peso e o poder político do noso país foi moi outro, o maior de toda a península no século XII. Entrar no interior da catedral de Santiago, após a recente restauración do seu aspecto interior e logo contemplar con vagar o seu Pórtico da Gloria, delicadamente restaurado, revélase, no seu conxunto, como unha manifestación artística de fundo significado colectivo, nacional galego. A súa monumentalidade harmónica e a súa revolucionaria iconografía, por novidosa e rompedora, obra colectiva de canteiros, dirixidos con habelencia e intencionalidade por un artista como o Mestre Mateo, dános unha visión cristiá do mundo, desde nós e con nós presentes, sen pregarse aos dogmas da Roma papista e fraterna de xudeus e mouros. 

O reino de Galiza expresou a súa capacidade e vontade propia a través de momentos estelares na etapa histórica dos reinados de Fernando II e Afonso VIII (IX para a versión oficial). Eles, en compañía da clase dirixente aínda en boa maneira galego-portuguesa, tomaron moi a serio manter unha estratexia de achegamento a Portugal, había pouco separado da Grande Galiza. Optaron, con grave irritación e ameazas do Papa, pola convivencia co Islam, en mutuo beneficio, pactando cos almohades da península, favorecendo así o comercio e os intercambios técnicos e científicos. Protexeron as manifestacións artísticas, desde a arquitectura e a escultura á poesía trobadoresca en lingua romance galega. A catedral compostelá e o seu pórtico foron centro desta ebulición cultural. Simbolizaban o esplendor do reino. Son inexplicábeis sen o seu poder e a súa orientación. Non é casual que estes reis se enterrasen alí, pois nela decidiran a creación do panteón real que simbolizase a continuidade dese poder. Reis galegos, de lingua galega, amparados por clase dirixente galega, identificados cunha estratexia ao servizo do reino. Era tal a independencia de criterio e o servizo a esa estratexia  que as presións do Papa sobre o arcebispo de Compostela e os bispos galegos para non secundaren e desautorizaren a política matrimonial de Fernando II e Afonso VIII con princesas portuguesas co pretexto de parentesco sanguíneo, non foron secundadas, malia a ditada excomuñón papal dos reis e o interdito do reino.

Castelao ilustrou cunha expresiva viñeta o Santiago noso, debuxando de forma simplificada e expresiva a escultura que representa o apóstolo, situada nun lugar central do Pórtico da Gloria, como camiñante, en posición sedente, protector do reino e símbolo da nosa independencia orgánica, pois Compostela era tamén sé apostólica. O outro, o deles, debuxouno montando a cabalo como Matamouros, conforme à iconografía española (a que vemos no cumio do Palacio de Raxoi). A visión interior da catedral compostelá, após a súa limpeza e nova iluminación, para alén de templo magnífico no que celebrar todo tipo de eventos multitudinarios, pareceume similar ás mesquitas, e o Pórtico da Gloria restaurado insinuoume o esplendor de Bizancio. Que portentoso e milagroso traballo colectivo dos canteiros do obradoiro de Mateo, transcendendo todo o feito na escultura cristiá desde nós!! Pregúntome: E a Igrexa que hoxe exerce e controla o templo é a nosa, isto é, a que entón se identificaba con Galiza,  ou a deles? Imaxino que xa se decatan de quen son eles, non?

Comentarios