Opinión

Por fin!

Unha das secuelas, e dos instrumentos, da subordinación ou dependencia política de Galiza, xa a partir do século XVI, foi fornecer España de galegos instruídos ao seu servizo. Verdade é que, entre os séculos XVI e XVIII, se tratou de membros da nobreza ou do poder eclesiástico, nos que latexaba, ás veces, a lembranza dun pasado do reino de Galiza, glorioso e digno. Tiñan, ademais, conciencia do peso demográfico e económico do país na monarquía hispánica, sen véreno debidamente correspondido na influencia política. Un dos casos máis singulares foi o de Pedro Fernández de Castro, VII Conde de Lemos. Máis tarde, xa no XIX, coa construción do Estado burocrático unitario, a expansión da explotación capitalista, con mercado e moeda única, división en provincias, e política cultural e lingüística españolizadora, moitos galegos con instrución e afán de medrar viron na burocracia estatal e na carreira política en Madrid, a Babilonia de España no centro, en expresión de Pondal, unha alternativa atraente. Canto máis entregados á españolidade máis garantías de éxito. O único deber e o mérito máis sobresaliente consistía en exerceren control sobre a masa labrega do país e tecer unha tupida rede caciquil que garantise, para alén do uso da forza armada de ser necesaria, o dominio, a explotación e o espolio, e claro está, os resultados electorais convenientes. Galiza aínda pesaba moito económica e demograficamente. Así foi até a Segunda República. Agora, pesamos menos, efecto desa dependencia ruinosa. Porén, aínda hai moitos que, na política, ven nos partidos estatais a oportunidade de facer carreira na capital, sempre mostrando ostentación de obediencia debida aos poderes fácticos e espallando entre o pobo galego a idea de vivirmos grazas a España. Mantense, pois, a constante que consiste en presentar credenciais de probada fiabilidade na disposición a manter a función que Galiza ten asignada dentro do deseño español. Velaí por que un galego á española en Madrid pode ser ridiculizado ou tido por alguén tan inocuo como servil. Porén, sempre pode acabar sendo considerado un recurso útil en última instancia. 

Feixoo é tan indolente respecto do país en que naceu como ambicioso nas súas aspiracións madrileñistas. Naturalmente, coñecendo o percal, usou, cando lle pareceu oportuno, un reclamo fraudulento: a expresión dun amor e preocupación por Galiza que non sente. Era o trampolín ao seu alcance, á espera de desembarcar na Corte. Curiosamente, algún dos que o louvaba, desde a esquerda española, pola súa suposta ecuanimidade galaica, dándoo por ponderado, como exemplo de político autonómico sen as estridencias doutros (xa se sabe, antinacionalista), agora apréstase a indicar que deixa un país en mal estado económico e social, nada modélico para o bo goberno de España. Si, foi aquí o home de Iberdrola, Ence, Abanca, as empresas de servizos públicos privatizados, a xerarquía da Igrexa Católica, da mediática colonial, da monarquía e dos sectores máis retrógrados do aparato do Estado. Naturalmente non comezaron con el os males de Galiza, porén aguzounos, agravounos de forma notábel, pola súa impía protección das agresións e espolios contra o país, non sendo menor o acoso e derrubo contra a lingua e a cultura nacionais galegas. Esforzouse polo perfil do pobo galego ser nulo, nada que reclamar como tal: vivimos no mellor dos mundos posíbeis. Por fin puido deixar esta impostura de presidente de Galiza e acceder á máis alta fortuna da españolidade que reverencia. Desaparece de Galiza, non desaparece a súa política, estrutural na dereita e, en boa maneira, na esquerda española respecto do país. Será difícil que ninguén o supere en impostura, en indolencia displicente de fondo respecto de Galiza. Por fin, España necesítao. 

Comentarios