Opinión

Polo ben de España

A oficialidade galega celebra, con elitismo orxiástico, sen debate nin réplica posíbel, os resultados de corenta anos de estatuto de autonomía. Fano de maneira acomodaticia co que hai, sen ningún brío ou aspiración a mellorar, simplemente incitando a camiñar polo mesmo sendeiro, como se fose óptimo o estado de Galiza. Que celebrarán? Sen dúbida pretenden seguir narcotizando a opinión pública respecto da forma en que debe valorar a realidade na que vivimos. Nin o menor asomo de aspiración a unha mudanza necesaria aparece nas súas análises, interpretacións e valoracións. Resulta un abafante botafumeiro de conformidade, en consonancia co que predica o propio goberno galego, e en particular o sr. Feixóo. A realidade é que estes corenta anos cavaron máis fundo aínda, e de forma igualmente destrutiva en moitos aspectos, a subordinación de Galiza a intereses alleos aos seus colectivos, como pobo.  Aguzouse, dentro da unidade da constitucional patria española, a nosa función tradicional desde que existe o Estado español.

Só desde a conformidade co destino, que outros, desde fóra, coa conivencia dos aproveitados de dentro, nos asignaron, se pode acreditar en que imos por bo camiño. A natureza e a entidade dos males que nos aflixen é grave. Están á vista para quen queira chamarlles polo seu nome. En boa maneira, no que atinxe á mentalidade popular ao respecto, a conformidade devén, en boa parte, da inoculación continua da idea colonial de non termos capacidade de vivir por nós mesmos. Só a solidariedade de España obra a milagre de irmos tirando, ao que parece.  Iso sería o importante, irmos tirando, que outros estarían peor, para a nosa consolación, e tamén teñen problemas, como acreditando na esperanza de redención común, que viría de fóra.

Non é de estrañar, porén resulta un grave condicionante, que o goberno autonómico que padecemos, en especial o seu presidente, alimente e exacerbe coa súa vacua exaltación dun autonomismo burocrático, sen perfil nin capacidade política, e moito menos aspiración a tela, unha conciencia social anestesiada respecto da dimensión e as causas reais dos seus problemas. Nada terían que ver nin coa estrutura do Estado español, e a función de Galiza dentro del, nin coa cativa autonomía que temos, e que el e o seu partido rexeitan afondar mesmo en termos da legalidade constitucional. Caso único en todo o Estado español. Todas as comunidades autónomas reformaron os seus estatutos. Aquí parece que teñen a misión sagrada de que Galiza, realmente existente como nación diferente, non esperte. Será polo ben da súa España, patria común e indivisíbel de todos os españois. E isto é o realmente preocupante no caso de Galiza: conducírmonos con certa abulia respecto de nós mesmos como pobo, que debe pensar politicamente no seu presente e no seu futuro como tal.

Naturalmente, o presidente da Xunta, como os seus protexidos e protectores, viven así moi cómodos. Practican a catarse contemplativa, pretextan que non teñen competencias e presumen de non querelas, descontada xa a aversión do goberno central a concedelas, sobre todo algunhas. Loxicamente na corte madrileña Feixóo goza, como aquí, de protección mediática. Presume de estabilidade política na Galiza. Quérese dicir que, estando Galiza nas súas mans, a madre España debe despreocuparse, pode durmir tranquila, e exercer, con el como mandarín provincial, para proveito tamén dos seus protectores e protexidos internos, o seu mando, e executar o deseño que nos conduce a ser un pobo anulado, negado, asimilado, sen vontade política propia.

Comentarios