Opinión

Poesía e libre-pensamento

Ignoramos moito sobre nós mesmos. Temos unha conciencia limitada e pouco real sobre o significado e valor da nosa cultura, especialmente literaria, e dentro desta dos clásicos do XIX e dos da primeira metade do século XX. De inicio, adoitamos ver todo o noso baixo o prisma do prexuízo e da adaptación á cativa consideración do noso status político como pobo. Dáse por suposto que aquí non se puido facer nada que se pareza ou supere o que se fai ou fixo dentro dos sistemas culturais que serven de referencia superior. Porén, temos a impresión fundada de a nosa poesía clásica do XIX, a de Rosalía, Curros e Pondal representar espléndidas manifestacións da liberdade de pensar sen os límites e tabús da visión relixiosa católica do mundo. En certa maneira, cumpren, entre outras moitas funcións na nosa cultura, un papel similar ao dos ilustrados francófonos, Rousseau, Voltaire e Diderot, na súa. Claro está que a racionalidade poética galega debeu confrontarse cunha limitación que Diderot, só en parte, confrontou: o eurocentrismo. Doutra forma non serían poetas galegos e en galego.

Rosalía mantén moitos puntos de contacto con Rousseau e con Diderot. Sendo unha poeta de tendencia socialista, non rende culto ao altar do progreso técnico e científico como panacea e garantía dunha moralidade individual e colectiva mellores. Respectando o sentimento relixioso da vida, sen renunciar á crítica da hipocrisía moral da Igrexa, procurou tamén ligazóns cunha divindade fóra do dogma para poder entender mellor a existencia humana. Concibiu a posibilidade dun Deus inexistente, a dun deísmo panteísta e sentiuse escéptica por tantas preguntas sen resposta racional. Porén, como Diderot e cunha outra amplitude de miras, acreditou en que nada do que existe pode ser contra natura ou ficar fóra da natureza, abrindo así camiño á comprensión e integración de moitas condutas sexuais humanas proscritas. Tiña sentido da marxinación a unha escala para Diderot inaprensíbel: a de pertenza a un pobo negado. O ilustrado francés manifestou a súa oposición ao colonialismo europeo noutros continentes e subliñou que non se podía xulgar con lentes europeas a cultura e moral social doutros pobos. Rosalía tíñao claro. Por iso non tivo o menor complexo en se identificar cunha lingua, unha cultura e un pobo sometidas a un proceso de colonización. Podía e debía ser el mesmo.

Imos camiño de se cumpriren 130 anos no que vén, do traslado dos restos mortais de Rosalía de Adina a San Domingos de Bonaval a fins de maio de 1891. Para os organizadores, o seu marido en primeiro lugar, foi un calvario de dificultades burocráticas, de incomprensións e de desgostos. Superadas moitas delas, o 25 de maio fíxose o traslado do ataúde por tren a Santiago. O percorrido do féretro e a comitiva que o acompañaba desde Conxo a San Domingos de Bonaval foi acompañado por unha multitudinaria presenza popular. Porén, o arcebispo Martín de Herrera, co apoio do cabido, prohibiu que se realizase un responso fúnebre. Non puido impedir que fose soterrada nun templo exclaustrado. Puido e quixo deixar claro que aquela muller, para alén de conscientemente galega, non era católica, que non morrera dentro da ortodoxia da Igrexa. Era, cando menos, unha escéptica. Razoara en termos intolerábeis sobre o mundo, a relixión e a propia Galiza. Tiña cometido o pecado de pensar libremente.

Comentarios