Opinión

Perplexidades

Ficar perplexos. Esta parece ser a reacción dunha parte significativa da sociedade perante a actitude que o goberno español mantén verbo dunha crise económica, social e política, de gran calado, como a que estamos a vivir. Moita xente non é quen de comprender a inacción, a pasividade, a impotencia, dun goberno que semella tamén perplexo, como se o seu papel fose manterse inerme e inerte, coa que está a caer, agás, no aspecto militar, facendo gala de ardor guerreiro e disposición entusiasta a aumentar o gasto en defensa até o 2% do PIB. O autónomo da tenda onde adoito mercar di que non entende a pasividade, a nula dilixencia e a conformidade gobernativa. El está sen saber que pensar a que responde, como analizalo, como explicalo. Expresa por si mesmo e recibe da súa clientela queixas e desacougo, cabreo e irritación, polo medre continuo dos prezos de artigos de primeira necesidade, pola desorbitada subida dos prezos da electricidade e do gas. Esta escalada, que non é de agora, parece terse aguzado, tomando como pretexto a guerra de Rusia con Ucraína. Dá a impresión de que, para alén das consecuencias lóxicas deste conflito no comercio internacional e mesmo o seu impacto nos prezos de certos produtos, os oligopolios aproveitan para aumentar, aínda de forma máis desorbitada, as súas ganancias.

Penso que a actitude do goberno español se debe á confluencia dunha serie de elementos que, de forma a cada paso máis incisiva, o foron conducindo ao actual estado de parálise, como se o natural fose manterse fóra de combate, xustamente nos campos onde debía ser máis activo: a crise económica e social interna e a necesidade dunha estratexia de política internacional, menos acomodaticia e subordinada. O caso é que todos os síntomas indican que o quietismo, o non intervencionismo, está condicionado pola submisión aos oligopolios que operan no Estado español: as eléctricas, as entidades bancarias e as grandes áreas comerciais. Todos eles son privados e transnacionais. Non só non se atreven a estabelecer un control da actividade, das ganancias e dos prezos nestes sectores, nun momento tan crítico. É que o descartan como nada aconsellábel desde o punto de vista do modelo económico e social que debe asentar a democracia liberal, un dogma de fe, do que se consideran alumnos avantaxados. Malia comprobar que así son monicreques ao servizo de empresas oligárquicas e claramente prepotentes, prefiren manterse na simulación de o poder político existir, embora estea impedido de actuar. Esta sensación ven a afondar a que, en paralelo, lles fixeron notar os poderes do aparato estatal en relación con temas conflitivos de política interior: o poder xudicial, o das forzas de seguridade, como a garda civil e a policía, o do exército, co monarca á fronte. O malo é que, en boa maneira, o goberno non só é refén, tamén é actor obediente dos seus mandados, pois, no esencial, partilla a concepción de España que o réxime monárquico constitucional vixente ampara. Por outra banda, o statu quo interior está relacionado coa devoción atlantista, a submisión aos USA e o recurso á espera das decisións da UE para xustificar a inacción. Velaí, por exemplo, a celeridade con que, a instancia e mandado dos USA, se asumiu o plan de Marrocos para o Sáhara, ou, sen pasar por ningún control democrático formal, se enviaron, por decisión da OTAN (en puridade dos USA), barcos, avións e armas, a zonas limítrofes con Ucraína. Con este perfil (subordinación e dependencia do exterior), características do réxime político vixente, falta de estratexia política propia, cunha reestruturación dos espazos da globalización en curso, o futuro non pode ser para os pobos do Estado español nada prometedor. En particular, da nosa Galiza, ocuparémonos no próximo artigo.

Comentarios