Opinión

Perplexidades e certezas

Lin con interese o especial do Sermos sobre Fernández del Riego. Grazas a Nós Diario tivemos acceso a unhas análises, sobre a vida e a obra do homenaxeado o 17 de maio, con pluralidade de enfoques. Comprendín mellor a actitude do escritor e impulsor cultural que foi Fernández del Riego durante varias etapas da nosa historia. O seu ensaísmo, con abondosa proxección xornalística, responde a un afán didáctico e divulgativo, información básica sobre unha cultura e unha historia ausentes da formación escolar e de todas as canles oficiais. Por tanto, obra meritoria, digna de encomio, pola súa intención, sobre todo dentro das circunstancias en que a súa maior parte se orixinou, porén de rango menor, pois non representa ningún fito como contribución novidosa, na súa faciana analítica ou informativa, nos temas que trata. Aliás, o mérito agrándase de termos presente o seu papel como activo axente da edición en galego e promotor de iniciativas culturais, como a proposta de celebración do Día das Letras Galegas. Desde a súa mocidade militante no PG, un partido nacionalista, na II República, sempre foi un activista.

Após o alzamento militar de 1936, a onda represiva foi de tal calado que se rompeu a continuidade do nacionalismo organizado. Nin sequera ficaron individuos vivos dispostos, desde a súa experiencia e maxisterio, a través do diálogo coa xente moza, a transmitir a experiencia pasada para a restauración orgánica e a acción do nacionalismo nas novas circunstancias. Aconteceu, pasados máis de vinte anos, como se fose unha creación ex nihilo, só coa guía dun home, morto no exilio, Castelao, e a orientación do seu Sempre en Galiza. É incuestionábel a renuncia, que se pode comprender humanamente, de persoas como Del Riego, a continuar clandestinamente coa acción política do PG. Non se tratou só dunha diferenza de táctica política entre os do interior e os do exilio, senón dunha posta en cuestión, polos primeiros, da viabilidade da acción política nacionalista, mesmo clandestina, nas circunstancias da Galiza da posguerra, pretextando a guerra fría e o recoñecemento tácito ou explícito do franquismo polas democracias occidentais. Para xulgar o calado desta renuncia, en cada caso, podemos recorrer a constatar cal foi o comportamento público dos que aínda viviron anos no réxime actual. Del Riego adheriuse ao PSG, abandonándoo após os resultados nas Xerais de 1977, no medio dun conflito, sempre latente, entre o sector nacionalista e o que quería integrarse no PSOE. Desde entón, se os houbo, descoñezo algún aceno que o achegase ao nacionalismo realmente existente, e déronse situacións de suma gravidade, no terreo cultural ou lingüístico, que o propiciaban. Non pretendo aseverar que non mantivese neses terreos, dentro do grupo Galaxia, matices xenuínos. O mundo oficial e os seus axentes celebraron, dentro do ritual, este Día das Letras Galegas, con maior entusiasmo que o dedicado a Carvalho Calero. A haxiografía dominou o discurso. Non foi así con quen, permanecendo á marxe, nun exilio interior, acabou por expresarse respecto de cuestións culturais, lingüísticas e políticas vitais, desde unha posición galeguista, isto é, nacionalista. En todo caso, entre perplexidades, fica algunha certeza: o difícil e conflitivo que resultou e resulta, moitas veces, asumir e manter unha posición nacionalista na Galiza. 

Comentarios