Opinión

Perplexidade

É o que se sente, en boa maneira, perante situacións de distinta natureza que se producen no noso mundo, ás veces tan caóticas e confusas como cheas de eufemismos e ocultacións. Este xornal, Nós Diario, conta con inspirados humorista gráficos, en especial os de xa longa tradición como o Carrabouxo e Carreiro, que nos axudan a espertar a mente e a atravesar a marca do tabú, do politicamente correcto, e aínda enriba arrancándonos un sorriso e inxectándonos vigoroso ánimo e contento. Son artistas, mestres da síntese expresiva de pensamento crítico e da liña que actúa de lóstrego revelador visual. Xa é todo un síntoma que sexan eles, moitas veces, os encargados de pór os puntos sobre os ies sobre temas espiñentos ou conflitivos da nosa realidade nacional galega e tamén sobre a conxuntura internacional.

Fiquei algo pasmado cando contemplei a escenificación teatral a cargo de Michel e Von der Leyen, en representación da UE, e Pedro Sánchez, presidente do goberno español, en Torrejón de Ardoz, convertido en hub, na súa linguaxe, para o traslado por avións españois desde Kabul, do persoal diplomático e colaboradores afgáns de toda caste dos Estados da UE pertencentes á OTAN. Foi unha retórica e tópica manifestación de auto-bombo sobre os valores que a UE defende, a suposta unidade de criterio dos seus membros verbo desa acción e o posterior reparto de refuxiados e, como non, o adulador recoñecemento comunitario ao goberno español e ao seu presidente por tan xenerosa iniciativa.

En españolísima frase de Pedro, na UE “hay que estar a las duras y a las maduras”. Imaxino que consideraba a ocasión entre as duras, isto é, gastos sen recompensa, problemas políticos e sociais derivados e conciencia do necesario aval da superioridade, se non foi  mandato ou suxestión previa dela, para logo intentar repartir o peso das secuelas entre todos. Os tres parecían predicadores da fe cos seus sermóns. Ningún aclarou que pintaran en Afganistán tantos anos, que situación social e política provocou a súa presenza e actuación alí e cal era a estratexia para o futuro. Malia o amigo americano, a quen seguiron cegos na súa impía agresión, actuar de forma unilateral sen lles comunicar sequera coa debida antelación a retirada pactada cos talibáns, só se limitaron a reproducir, como eco: hai que falar con eles, pero non negociar. Antes, durante e após o sermón de Torrejón, o goberno USA negociaba cos talibáns, incluída a reunión secreta de William J. Burns, director da CIA, co líder talibán, Abdul Ghani, para discutir sobre a situación do aeroporto da capital afgá. 

Ás poucas horas, tivemos unha imaxe que nos daba unha pista máis real do papel do Estado español, do seu servilismo, da súa nula capacidade para incidir na política internacional, desde unha perspectiva propia, da súa subordinación á UE/OTAN/USA. Unha foto de Pedro, na intimidade, semellando manter unha conversa, con Biden a través dun artefacto de comunicación, de aparencia case militar, informaba do acordo para, en Rota e Morón, aterraren os avións USA procedentes de Kabul con militares ianquis e colaboracionistas afgáns, podendo permaneceren instaladas  nas devanditas bases até 4000 persoas. Desde o sermón UE de Torrejón e o telefonema con Biden, o PP deixou de criticar o silencio presidencial sobre Afganistán. Todo ben xa. De Vox nada se sabe, están de vacacións. Son os da soberanía e independencia  de España. A esquerda española pasou de afear o mutismo por motivos humanitarios a ficar encantada cos sermóns. Porén, o único certo é que nunca se debe xustificar nen participar na invasión e ocupación dun país para subordinalo aos interese alleos. 

Comentarios