Opinión

Pensar na Galiza

Esta é a cuestión. Nisto temos déficit. A cada paso faise máis evidente que, nesta conxuntura mundial caótica, dispersa e inestábel, a solución non está en deixarse levar e esperar resignadamente ao que nos veña dado desde os gobernos e os poderes fácticos do Estado español, nun deseño do futuro argallado dentro da Unión Europea. Neste momento de incerteza, en que todos os que teñen ou expresan algunha capacidade ou vontade de decidir, pensan en como definir o seu futuro, sería mortal seguirmos ancorados no actual quietismo político. Así non facemos máis que soterrarnos na irrelevancia destrutiva como pobo. Deberíamos convencernos dunha vez, actuando en consecuencia, de a nosa integración, tal é como é, e pretenden que continúe sendo, no Estado español, ser a causa dos máis graves problemas que padecemos. Estanos conducindo á desaparición como pobo diferente. E este o futuro que arelamos? É a nosa función dotar de materias primas, enerxía, man de obra cualificada ou sen cualificar, recursos financeiros e un longo etcétera a España, para alén de contribuír a engrosar unha españolidade cultural, lingüística e política, como comparsas, abxurando da nosa condición nacional galega e dos nosos intereses colectivos  en todos os aspectos? O marco político actual para Galiza é tan limitado como usado con perversidade por quen representa oficialmente Galiza. Urxe superar esta situación e rachar co quietismo, partindo sempre da orientación dirixida a nos responsabilizar de nós mesmos.

A Unión Europea está rota na súa credibilidade para a maioría. A forma de proceder coa pandemia e coa crise económica e social en curso abriu os ollos a parte importante da sociedade sobre a súa natureza economicista, a súa xerarquización interior e o seu eurocentrismo na política internacional. Non vou entrar nas consecuencias que o ingreso do Estado español trouxo para Galiza. Endebén, hai un aspecto, evidenciado tamén pola pandemia, que urxe encarar con outra disposición e arroallo. A fronteira galego-portuguesa non pode seguir sendo cousa de dous Estados que desconsideran a súa permeabilidade económica, social, cultural e lingüística, que impiden, o español máis que o portugués, a comunicación, a convivencia, a osmose que a necesidade mantivo. Así están  menosprezando intereses vitais de Galiza e de Portugal, da súa parte en orixe galega. Non se pode na relación política con Portugal representar Galiza como se fose unha provincia española por parte das autoridades e institucións galegas. Non se pode renunciar a elevar os intereses económicos e o proveito común a un diálogo entre iguais cultural e lingüisticamente, que habitan un espazo xeográfico continuo. Na UE cómpre transcender as fronteiras estatais cando se trate de animar e impulsar realidades como esta. A desaparición das fronteiras non pode ficar restrita á libre circulación de mercadorías e capitais transnacionais.

Para Galiza é importante o multilateralismo, as relacións internacionais con espazo para o respecto, o diálogo e o beneficio de todos. Segundo parece, a propia opinión pública da UE xa non concorda coa a actitude dos seus gobernos verbo de Rusia e China. Non quere a confrontación, senón a colaboración con elas. Debemos subliñar que Europa é máis que a UE. Chega até os Urais e ten unha diversidade interna que debe ser asumida politicamente, como vía de harmonía, igualdade e democracia. Un dos seus piares debe ser o recoñecemento do dereito de autodeterminación, como expresión da vontade dos seus pobos e nacións. A soberanía segue a ser a pedra angular da construción do futuro, o noso, e o de calquera arquitectura supranacional que non se basee no hexemonismo.

Comentarios