Opinión

Panteón Real

O imaxinario colectivo do pobo galego non garda lembranza do que, noutro tempo, fomos: unha sociedade que se desenvolvía con criterios e obxectivos propios. Tiñamos clase dirixente. Os resultados aínda están á vista. A forma de estruturar e exercer o poder entón eran o reino e a monarquía, primeiro electiva, logo hereditaria. Advertirei que, naquelas circunstancias históricas, non había outra forma de goberno. Pouco tiñan a ver os reis e raíñas do século X ao XIV coas dinastías actuais, un residuo obsoleto do pasado. Si, fomos o reino da Galiza, malia, como norma,  agocharse ou negarse na historia oficial. Tivemos reis propios, privativos da Gallaecia histórica (de Ortegal ao Douro, de Ortegal ao Miño, coa súa marca, León). A historia oficial mudounos en asturianos, leoneses ou casteláns.

A Compostela medieval  é unha das evidencias do poder político do reino de Galiza na súa etapa de esplendor, nos seus momentos estelares. Nela resoan os ecos revolucionarios dos seus habitantes entre os séculos XII e XIV. Para explicar a causalidade dunha obra artística como o Pórtico da Gloria temos dentro do espazo catedralicio un Panteón Real que, malia o maltrato  padecido, segue a ser testemuña silenciosa dunha Galiza con conciencia de si mesma. Coa reticencia de quen controla o templo, e seguramente por insistencia dalgún dos xestores técnicos do seu patrimonio, comeza a haber un recoñecemento nas súas publicacións de que é un dos “tesoros menos conocidos del patrimonio catedralicio”. Falta por vencer  a resistencia a empregar, nas súas informacións,  o idioma, en que se expresaron as persoas da clase dirixente galega enterradas nas tumbas que forman o Panteón. Era a lingua de toda a nación. A mesma que hoxe moitas persoas aspiramos a que se use para todo, como dereito colectivo do pobo galego e como dereito humano fundamental. Tamén irrita que se manteñan á porta do Panteón e sobre as súas tumbas, placas que poñen, respectivamente, “ de Reyes”, sen dicir de onde, ou  “Rey de León”, nas de Fernando II e Afonso IX (VIII de Galiza).

Estes dous reis patrocinaron a obra do Pórtico da Gloria e deron remate á catedral románica máis grande da Europa cristiá. Decidiron instituír un Panteón Real onde eles e os seu descendentes se soterraren, como símbolo do poder político do reino. Non deixa de ser significativo que o Papa os excomungase e que o reino fose interdito. O pretexto: casárense con princesas (alianza para recuperar a unidade) portuguesas con parentesco en grao prohibido, e a súa proclividade a pactar e comerciar co Islam. Mostraban  pouco ou nulo entusiasmo polo espírito de cruzada, e moito por inzar o reino de actividade artística,  mercantil e artesanal  (cantos foros concederon a vilas costeiras e do interior nesa dirección!!!). Coas deles están as tumbas do educador e protector de Afonso VII, pai de Fernando II, Pedro Froilaz; a da nai de Fernando II, Berenguela, unha catalá aquí integrada; a de Fernando Afonso, fillo de Afonso VIII e a princesa Tareixa, mozo galego-portugués, a esperanza fanada de continuidade, e a de Xoana de Castro, o espírito resistente, xa en tempos de represión.

Comentarios