Opinión

Obrigado!

A perseverante  vontade de existir como pobo galego e a capacidade para aproveitar unha inesperada conxuntura favorábel, fixeron posíbel un acordo político de indubidábel transcendencia para Galiza. Dígoo sabendo que do escrito ao feito vai un treito. Sen a presenza do nacionalismo non se tería producido. Todas as persoas con conciencia galega ficamos obrigadas a quen o fixo posíbel, representados na tribuna do Congreso por Néstor Rego.

Son dos que acreditan en que, para alén das medidas concretas, beneficiosas para a sociedade galega, o máis importante do acordo foi o que, curiosamente, non gozou de moito relevo informativo. No punto 2 alúdese a impulsar un proceso de diálogo para a modificación da estrutura xurídico-política do Estado en atención aos “sentimentos nacionais de pertenza”. Con bo criterio, a representación nacionalista puxo a condición de Galiza, como “nacionalidade histórica”, nunha eventual reforma, ter o mesmo trato que Catalunya e Euskadi. Non ignoro que o recoñecemento real dun status de nación para calquera das tres vai estar cheo de dificultades e hostilidades, mesmo tratándose de articular un Estado xenuinamente federal. Para Galiza haberá aínda máis incomprensións, desprezos e hostilidades de todo tipo. Entra dentro da tradición histórica recente e da inconfesa ou aberta indisposición española a concederlle un trato similar. Por iso é tan importante este punto do acordo.

Non fai falta advertir de a súa consecución práctica depender, basicamente, da firme vontade do pobo galego. Necesitamos, pois, espallar, como algo vital, esta aspiración na maioría social, acomodada a unha concepción e a un marco de subordinación e dependencia, de falta de confianza na propia capacidade. Urxe introducir o debate na dialéctica política das institucións e na sociedade. A base social do nacionalismo debe prepararse para dar a batalla, de forma pedagóxica e intelixente, en defensa de a Galiza ter capacidade de decidir por si mesma sobre os seus propios intereses.

Da nosa indixencia política nesta cuestión crucial pode dar idea o feito de o Estatuto de Galiza ser o único que non se reformou para dotalo de maiores competencias en máis de corenta anos. Ilustra sobre a maioría dos gobernos que padecemos. Durante o bipartito houbo un intento de superación cualitativa do existente, plasmado nun Estatuto de Nación, a iniciativa do BNG, coincidindo co debate do Estatut catalán. Non contou, dentro do Goberno galego, coa anuencia do PSOE para a súa tramitación parlamentar. Tampouco chegou a ser obxecto de espallamento e debate social. Hoxe é unha evidencia que os nosos problemas máis graves son irresolúbeis dentro do marco competencial estatutario actual. Nen sequera son tratábeis dentro del con autoridade plena. Feixóo lémbrano-lo acotío coa súa xustificación de que nada pode facer por non ter competencias. Logo fai gala do seu cinismo absoluto e predica: submisión ao marco xurídico-político vixente. Sigamos igual.

Obrigados ficamos. Si. A dar a batalla. A non desistir do camiño que conduce a restaurar a nosa dignidade como pobo e a garantir que teñamos futuro

Comentarios