Opinión

Nostalxia de futuro

Case pasaron cincuenta anos dos sucesos do 10 de marzo de 1972 en Ferrol. Hai datas que marcan fitos na historia dun país, embora non fiquen gravados na memoria oficial nin na popular como deberan por unha distorsión persistente. O real e próximo non goza da lembranza merecida. Ocupa o seu lugar o alleo mitificado, normalmente. Porén os devanditos sucesos son todo un síntoma dunha convulsión socio-política con consecuencias en moitos aspectos internos a Galiza. Tamén foi un dos acontecementos do tardo franquismo que máis axudou a deterioralo, e o que foi contestado cunha maior represión: mortos, centos de persoas feridas, agochadas, detidas, multadas, procesadas e encarceradas. A cidade e a comarca foron tomadas militarmente, un estado de sitio, incluídos barcos de guerra apuntando os seus canóns contra obxectivos civís. 

Cando os sucesos do 10 de marzo, quen isto escribe non vivía en Ferrol. Traballaba como profesor no Instituto, entón masculino, de Ourense. A onda represiva foi tan expansiva que chegou até alí. Foime buscar a policía, dous días máis tarde, cando estaba impartindo clases, de mañá. Pensei que descubriran quen inzara a cidade de pintadas, aproveitando a nocturnidade, en solidariedade cos obreiros ferroláns. Non era iso. Alguén foi torturado en Ferrol para que asinase que fora eu quen o captara para o PCE. Buscaban unha proba da miña militancia nese partido e contar cun pretexto para determe. Fichado pola policía xa de antes, entre 1967 e 1969 desenvolvera unha actividade socio-cultural de orientación nacionalista en plataformas públicas, e esporádica divulgación de propaganda clandestina da UPG, na miña cidade natal, onde a presenza e influencia do PCE era hexemónica nos ámbitos obreiros das grandes empresas, en concreto Bazán. Detido e trasladado de Ourense a Ferrol, fun  interrogado na comisaría e pasado ao xuíz. Póndome este en liberdade, advertiume que xa estaban esperándome na porta de novo para, impoñéndome unha multa administrativa de 250.000 pts, e de non pagala, ingresar na prisión da Coruña por un período de dous meses. Así foi. A miña ausencia laboral do Instituto foi cuberta co traballo xeneroso de dúas moi boas compañeiras. Naquel Instituto éramos tres profesoras e un profesor a impartir docencia en lingua galega, en materias consideradas troncais. O resultado era espectacular: todos, desde rapaciños de 12 anos até persoas de 50 (no nocturno) acababan falando e escribindo no noso idioma. Non foi destas experiencias, progresivamente en aumento polo país entón, de onde se partiu, chegada a democracia e a autonomía. Máis ben foron perseguidas e ignoradas. 

Para o nacionalismo o 10 de marzo foi o sinal de que cumpría intensificar o esforzo de presenza social en todo o país, furar para introducirse no seo das clases traballadoras e do pobo en xeral. Esporeou a vontade  de o pobo galego existir politicamente. Comezou así o desenvolvemento dun movemento nacionalista popular con grande capacidade mobilizadora. O sacrificio de moita xente moza, compaxinando cos estudos ou mesmo proletarizándose, logrou o obxectivo de contar cun sindicalismo nacionalista. O galego foi lingua de uso público en asembleas de estudantes e obreiros. O campesiñado saíu a defender os seus intereses nas maiores mobilizacións agrarias do Estado. Nos debates públicos apareceron os problemas do país sen subordinación a intereses alleos.

Curiosamente, até que chegaron deputados nacionalistas ao Congreso non se tratou do recoñecemento e reparación das vítimas do 10 de marzo de 1972. E non eran nacionalistas.

Comentarios