Opinión

O noso indixente desleixo

Contemplo nun xornal madrileño un amplo anuncio de propaganda da Junta de Castilla y León. Seguramente aparecía noutros xornais da Corte. Chamaba a atención sobre o rico patrimonio histórico-artístico da rexión e convidaba ás persoas que o lesen, acompañando as palabras con imaxes, a visitalo. Precisaba que, entre o 1 de xullo e o 31 de setembro, estaba todo aberto con horarios perfectamente regrados. Era unha animosa incitación propagandística de promoción do turismo cultural por parte dunha administración consciente do valor do seu patrimonio histórico, que fundamenta nel a atracción de visitantes de fóra e tamén a procura de réditos económicos e un sinal diferenciado, peculiar, distintivo, relacionado co coñecemento xenuíno, como marca. Non parece que esta propaganda sexa o resultado dunha iluminación súbita nin recente. Máis ben dá a impresión de estar baseada nunha experiencia contrastada e na convicción de ter algo valioso e seu, relacionado coa súa historia, a súa arte e a súa cultura.

O domingo, día 5 deste mes, pola tarde, percorrín as rúas e prazas do noso Betanzos. Fun até alí coa intención de contemplar, máis unha vez, as tumbas no interior da Igrexa de San Francisco, monumento do século XIV. Para alén do meu interese específico no sartego de Fernando Peres de Andrade, estaba tamén movido polo afán de comprobar, máis unha vez, a evolución lenta e progresiva da epigrafía das tumbas, do galego ao castelán, entre o século XV e o XVI, fenómeno non espontáneo, senón sintomático dos mecanismos de exclusión que o dominio da monarquía castelá impuxo. Hai dous anos, antes da pandemia, non por planificación nin por asunción dunha política turística acorde co que a vila pode mostrar, non había dificultade ningunha para entrar na Igrexa de San Francisco e percorrela, sempre que non houbese servizos relixiosos. Estaba aberta, de mañá e de tarde, con acceso libre. Resulta paradoxal que, xustamente unha vez que se coloca un horario de visitas no exterior e a peaxe a pagar por entrar, por decisión eclesiástica, o que, en principio, non é criticábel, aconteza que non se poida acceder en moitas ocasións, pola sinxela razón de que as condicións para poder facelo se incumpren. Sobre as cinco da tarde eramos sobre dez persoas as que ficamos frustradas na nosa pretensión de entrar, malia estar adecuada xa de antemán ás condicións esixidas. Non era unha excepción, naquel día feriado. Moi perto, a uns metros, permanecía fechada a cal e canto a Igrexa de Santa María do Azougue, normalmente antes abertas as súas portas, mesmo de par en par, con escasa por non dicir nula preocupación polo seu coidado. Polo que se ve, a decisión no seu caso foi drástica: nin sinalar horarios de visitas nin cobrar entrada. A consideración do patrimonio histórico-artístico ser algo de valor social menor e non sometido a contemplación pública, nin a control e coidado. Unha situación así só pode darse cando as administracións públicas, neste caso en primeiro lugar, a autonómica, e en segundo lugar, a local, pasan olimpicamente do noso patrimonio histórico-artístico, do seu valor, do seu coidado e da promoción do seu coñecemento dentro e fóra de Galiza. É o que, como norma, está a pasar aquí.

Polos mesmos días, o novo presidente da Xunta visitaba o Xefe do Estado. O único que tivo que lle dicir foi convidalo a facer o Camiño −a obsesión da Xunta−, e comunicarlle a submisión reverencial de Galiza á orde constitucional estabelecida. Nunha palabra, expresou a indixencia dun gobernante para quen o seu país non existe nin ten vontade de existir, exhibindo, ademais, o seu empeño en que permaneza ancorado na súa propia auto-anulación, cocéndose nun desleixo suicida.

Comentarios