Opinión

Nacionalismo e marxismo (e II)

Foi a vontade de o pobo galego existir politicamente a que alimentou e aguzou a restauración do movemento nacionalista na Galiza, na década dos sesenta do século pasado. Este impulso resultou ser o factor máis poderoso e determinante da súa persistencia durante máis de medio século, desde 1964 até hoxe. Naturalmente a restauración non podía facerse con idénticos parámetros ideolóxicos aos sustentados polas Irmandades da Fala (1916) ou o Partido Galeguista (1931-1936). O contexto histórico internacional non era xa o mesmo. E Galiza estaba a sufrir mutacións sociais derivadas da instalación de industrias de enclave. O seu mundo agrario era acosado coas agresións dunha política estatal que non pensaba na súa modernización conforme aos intereses colectivos. Produciuse unha nova enxurrada emigratoria. Porén, permaneceron alicerces programáticos fundamentais que, desde 1916, caracterizan o nacionalismo galego: Galiza, nación; dereito de autodeterminación; democracia; defensa das clases traballadoras; antiimperialismo e pacifismo; a lingua galega, de uso normal: desenvolvemento da cultura e da arte galega; igualdade de sexos e laicismo.

A osmose de nacionalismo e marxismo na Galiza iniciouse, de forma larvada, desde os tempos das Irmandades. Nas publicacións nacionalistas de entón como A Nosa Terra, e desde logo en escritos decisivos de Ramón Vilar Ponte, Castelao ou Suárez Picallo, detectamos, dunha outra maneira, o interese e a preocupación por achegar os marxistas á cuestión nacional, ou mesmo por fundamentar a reivindicación nacionalista recorrendo a Marx, Lenin ou Stalin. Faise continua apelación ao argumento de, conforme a elas,  un socialista marxista, ou un comunista, non poder seren contrarios ao dereito de autodeterminación de Galiza. E subliñan a vinculación do nacionalismo aos dereitos dos traballadores (prioridade por seren entón maioría, os do campo), a propiedade da terra para quen a traballa, a necesidade de empresas públicas, incluída a Banca, e o rendemento social das privadas. Había, pois, en xerme unha proclividade a simpatizar co marxismo, sempre que a súa expresión na práctica política asumise o problema nacional. Certamente era unha chamada de atencións aos partidos españois que se confesaban desta ideoloxía a non seren belixerantes co nacionalismo galego.

Non debera sorprender, con estes antecedentes, a teor das mutacións internas devanditas e tendo en conta a situación internacional, que o nacionalismo galego que renace na década dos sesenta do século XX ensamble nacionalismo e marxismo para fundamentar a súa visión de Galiza e do mundo. Esta unión produciuse pola convicción racional de o capitalismo na fase monopolista e o imperialismo que impulsou desenvolveren un modelo económico-social contraditorio co dereito de Galiza existir como pobo. Así quen na Galiza se sentir galego, nacionalista, tiña a opción de auto-organizar o país conforme a esta perspectiva marxista e leninista. Era unha opción práctica heterodoxa, que non concordaba coa dogmática dos partidos comunistas de ámbito estatal na Europa capitalista, e que tampouco podía aspirar a formar parte de ningunha Internacional con dependencia rusa ou chinesa. Porén, sen dúbida tiña sostén nas análises de Engels, Marx ou Lenin. As nacións oprimidas teñen dereito a autodeterminárense, un pobo que xustifica o dominio de outro non fai máis que robustecer os mecanismos de opresión da súa oligarquía contra os traballadores. A loita de clases tomaba así forma nacional. O internacionalismo real consistiría, pois,  no dereito de todos os pobos do mundo a existiren en liberdade e a unírense en igualdade.

Comentarios