Opinión

Nacionalismo e marxismo (I)

O último artigo do profesor Miguel Anxo Bastos en Nós Diario, incisivo no substrato da nosa realidade política, dáme ocasión de entrar en diálogo coas súas teses, para contrastalas, matizalas ou discrepar, desde unha perspectiva que se incardina no nacionalismo con fundamento marxista. Desde logo coincido en que a dialéctica política que dominaba os debates entre o alumnado universitario galego, e doutra maneira, distinta e non menos intensa, en sectores amplos de traballadores, e na vida cultural, na Galiza dos anos 80, e antes no tardo franquismo, tiña a ver co marxismo e a cuestión nacional e colonial. Non era só un debate teórico, senón unha confrontación na práctica política, a que se daba, entre as organizacións sociais e políticas de ideoloxía nacionalista, con fundamento marxista, e as que, declarándose marxistas e internacionalistas, tiñan obediencia española. Foi, e é, o choque entre dúas concepcións antagónicas de Galiza. A nacionalista marxista apostou pola sociedade galega en xeral, e de forma particular, a clase traballadora, se auto-organizar tendo o marco nacional galego como referencia para definirse e expresar vontade colectiva, en todos os niveis, deixando así constancia de o pobo galego existir como tal. Para a marxista internacionalista, de facto españolista, pois tiña e ten, o marco estatal español como referencia, a única vontade a expresar era a do pobo español.

Anotemos, de momento, que sen este choque ou confrontación non tería existido un nacionalismo político galego de certa relevancia nin unha organización sindical como a CIG. Tampouco se terían producido as maiores mobilizacións agrarias de todo o Estado español aquí entre 1973 e 1990. Nin tería habido, desde 1970 unha eclosión progresiva do uso oral e escrito do galego en ámbitos e funcións das que estaba excluído: asembleas estudantís, docencia, axitación nas fábricas e centros de traballo. O intento de reprimir esta aparición pública do galego, inicialmente, non se derivou da legalidade franquista, senón da actitude belixerante en contra de membros destacados de organizacións marxistas españolas. En todo caso, seguramente das vitorias que o intento consolidou deriva que o noso idioma se manteña aínda, de forma ás veces só ritual, como lingua dominante ou preferente en moitas institucións políticas e para as funcións de axitación ou propaganda política.

Só unha vontade nacionalista, nun pobo negado, tan convicta e férrea como minoritaria, pode explicar que, rota a tradición nacionalista e desaparecida socialmente desde 1936 na actuación no interior, comezase a aboiar de novo a partir de finais dos sesenta. Porén existía a experiencia política e as contribucións teóricas dese pasado que se truncara co alzamento militar. Había unhas novas circunstancias internacionais, con procesos de descolonización en marcha, e revolucións socialistas en ascenso, tanto en África e Asia como en América Latina. As experiencias e contribucións propias do nacionalismo galego, cos seus símbolos persoais e colectivos, tiñan que ser recuperadas, rescatadas para o coñecemento e inspiración das novas xeracións. O antiimperialismo e o socialismo marxista galvanizaban os movementos nacionais e populares no mundo.

Só había que estar minimamente informado da dinámica política internacional. A vontade para organizar un movemento nacionalista e popular na Galiza deveu da necesidade obxectiva de o pobo galego existir e da conciencia subxectiva que asumiu o empeño político de que esa vontade se expresase con auto-organización e actuación na sociedade. As ferramentas conceptuais e analíticas para elaborar a guía da comprensión da nosa realidade e actuarmos foron, en efecto, tiradas tanto de Castelao e da tradición nacionalista galega como do marxismo e do leninismo. 

Comentarios