Opinión

Nacionalismo e eleccións

Vivimos nun contexto cheo de interrogantes sobre o futuro, non exento de complexidade e especialmente delicado para Galiza. Non me sinto con capacidade para propor receitas que esconxuren os perigos que corremos como pobo ou nación galega, e recomendalas, ao mesmo tempo, como infalíbeis en canto ao seu efecto electoral. Falo, en todo caso, desde e para quen está interesado, por identificado co país, en que a situación de Galiza mude para ben: o nacionalismo galego, na súa organización política, social e sindical. Desde esta perspectiva, non está de máis considerar, e actuar en consecuencia, algúns aspectos evidentes da nosa realidade que, no canto de se mitigaren ou desapareceren, se manteñen con teimosía, en consonancia co reforzamento do papel colonial de Galiza dentro do Estado español. 

Á acción política institucional do nacionalismo galego (BNG), en canto á defensa dos intereses de Galiza e das súas clases populares, non se lle poden pór chatas de relevo. En todo caso, a súa eficacia estivo, e está, condicionada por, malia a súa relevancia, non representar a maioría do país, padecendo ademais unha clara discriminación informativa dentro e fóra. Neste sentido, é sintomático o trato que dan ao movemento social nacionalista, moi parello ao que se lle dá a Galiza, os medios de titularidade pública ou privada estatais, e a forma de peneirar para fóra a actuación e as iniciativas de cadaquén no Congreso dos Deputados. Co Parlamento galego, a táctica foi a súa progresiva desconsideración informativa no propio país, dentro da concepción de o importante ser a política española e aquí impedir que agrome calquera aspiración a mudar o noso papel no Estado. Se engadimos a isto a absoluta carencia de debates plurais nos medios de comunicación, comezando pola CRTVG, respecto dos nosos problemas, e dunha información centrada no propio país, e desde esta perspectiva analizar o que pasa no Estado e no mundo, o resultado non pode ser outro que a ignorancia ou distorsión social do que o nacionalismo galego defende, da orientación xeral da súa política e sobre todo das súas análises e razoamentos. E o que resulta peor, a dificultade para os galegos e galegas teren como referencia política prioritaria a súa propia realidade. 

Con todo o anterior non pretendemos desmerecer a importancia da política institucional, malia os seus límites estruturais e os adherentes contra o molesto ou discrepante, e menos restar relevo aos resultados electorais para lograr máis presenza e mesmo gobernar, para alén da lexitimidade necesaria. Porén, acredito en que, se non se usa ou serve para ampliar a base organizada e a corrente social nacionalista (a idea de sermos prioritariamente galegos de nación e ter Galiza como referencia política prioritaria), será moi difícil superar un tecer e destecer a capricho da conxuntura. O proceso electoral das municipais debe significar agrandar a base organizada e mellorar a súa participación, incentivar a súa actividade e presenza social, dinamizándoa e esporeando toda a súa potencialidade. O nacionalismo é un deseño estratéxico de longo percorrido, que a debe impregnar e orientar. O curto prazo non o pode perder de vista. As prioridades electorais, de non ser ilusos, teñen sentido, se se enfían directamente co afán de lograr máis pobo galego consciente de a Galiza ser a súa responsabilidade.

Comentarios