Opinión

Nación

A Vía Galega, plataforma social en defensa dos dereitos nacionais de Galiza, está comezando unha campaña de sensibilización a este respeito. Nesa perspectiva fun interrogado, como moitas outras persoas, sobre por que Galiza era unha nación. O obxectivo consiste en espallar razoamentos sinxelos a nivel social sobre unha cuestión tan relevante. Non tiven a menor dúbida de por onde debía comezar, coñecendo a tendencia tan en voga entre nós de expresar pensamentos en clave abstracta, de pretensión universal. Isto é, obviando a nosa pertenza a un pobo concreto. Expresei que unha nación non era máis que unha porción específica, diferenciada, dentro da común humanidade á que todos pertencemos. Quixen así subliñar ou indicar que non existe humanidade que non se concrete en pobos ou nacións diferentes. Estes serían, pois, a expresión natural desa humanidade que se manifesta, precisamente pola súa condición de realidade viva, na especificidade, a diversidade e a diferenza. Un espírito autenticamente humanista debería ser internacionalista, nunca cosmopolita. Un internacionalista, pertencendo a unha nación negada, debe identificarse e responsabilizarse do pobo ao que pertence.

A experiencia histórica foi moldeando a nación concreta, a súa mentalidade e as súas expectativas e actitudes colectivas até hoxe. A nosa, cun pasado remoto digno de lembranza, e por iso mesmo ignorado, agochado e deturpado oficialmente, leva séculos sen saír dun círculo envolvente que a debilita e arrastra a unha indignidade destrutiva. Un sarillo de falta de clase dirixente, pouca ou nula estima como pobo, emigración como recurso secular e algo mimético, e fraxilidade na identificación política co propio país tennos aferrollados na resignación e no escepticismo. Porén somos un pobo, non só con historia remota máis que relevante (as pegadas físicas están á vista nun patrimonio esplendoroso e maltratado), merecente de ser rescatada e coñecida. Xa atados á subordinación e á dependencia, con esforzos individuais e colectivos, en moitos campos, expresamos vontade nacional, desexo de existir na nosa especificidade e diferenza. Temos unha cultura nacional, sustentada no uso da nosa lingua orixinaria, propia. Expresa non só o acervo popular, senón todas as facetas culturais formais e escritas. Desde esta orientación demos o mellor de nós á cultura mundial, e o xentilicio galego pode aspirar a recoñecemento  dentro e fóra. Segue a ser a nosa lingua, malia todos os retrocesos no seu uso, o único instrumento capaz de recuperar para a sociedade galega sentido colectivo, conciencia de pertenza ao propio país, factor de cohesión social e posibilidade de virar o rumbo, rexeitando a aniquilación como pobo.

Galiza alude a un ámbito territorial, xeográfico, moldeado e traballado pola nosa propia historia colectiva como pobo e polas mancaduras e actuacións de quen nos quere no actual estado. A nación galega natural, a non reducida a rexión, nin dividida artificialmente en catro provincias polo Estado español, abrangue un espazo maior. Inclúe entre Eo e Navia, A Seabra e O Berzo. As mutacións na estrutura económico-social galega, tan distintiva, que se produciron nos últimos sesenta anos, acabaron coa agricultura e provocaron unha desertización de moitas parroquias e aldeas. Non foi unha mutación desde os nosos intereses colectivos. Máis de trinta mil núcleos de poboación temos. A maioría esperan a súa revitalización. Só é posíbel se un deseño nacional galego se abre paso.

Sexamos conscientes de que o noso pobo, a nación galega, merece existir. Asumamos que a nosa única condición nacional é a galega.

Comentarios