Opinión

A mente americanizada

Con que naturalidade se expresa a suposta superioridade do mundo americano e da cultura capitalista occidental anglosaxona en todas as ordes, económica, política, cultural e moral!

Con que naturalidade se expresa a suposta superioridade do mundo americano e da cultura capitalista occidental anglosaxona en todas as ordes, económica, política, cultural e moral! Os alleos neófitos aínda teñen necesidade de mostrar esta identificación sectaria de forma máis incisiva e radical. Non hai nin pegada de equilibrio relativista, de escepticismo cauteloso, de comprensión polo diferente ou de simple recoñecemento da confianza depositada polo outro ou do ben recibido del…Todo o considerado sospeitoso, malo e demoníaco, debe responder aos estereotipos estabelecidos e farase todo o posíbel para a realidade concordar con eles, mesmo a costa da racionalidade, a ponderación sobre o observado, a amizade constatada e a xenerosidade mostrada. Anúlase o sentido do ridículo, suplantado por unha arrogancia imposíbel, de un non acreditar que é superior moralmente per se e que todo o que fai é xustificado, correcto e mesmo gracioso…Unha dupla vara de medir que infecta o mínimo concepto de xustiza equitativa e de comparación obxectiva, pois non se pensa cal sería a reacción propia se houber que soportar algunhas condutas similares noutros…Simplemente, no seu mundo de bos e maos,  ao home de cultura capitalista occidental, anglosaxona, americana tócalle a función celestial, a dos anxos benéficos, montados nos pegasos do individualismo, a propiedade privada, os negocios, a competencia e a liberdade, tamén a criativa…O corolario inevitábel, a desigualdade, considérase o prezo a pagar no altar maior da democracia liberal, desigualdade social e económica, desigualdade cultural e lingüística, desigualdade nacional, desigualdade relixiosa, desigualdade racial…Prexuízos, estereotipos e mentiras impropias de mentes algo críticas e ponderadas, e moito menos de artistas que van de heterodoxos, radicais e  contestatarios…

O filme só podía ser rodado en tres cidades mozartianas, Viena, Budapest ou Praga. Ao final, escolleron Praga. Nada máis entrar no país, Forman alertou ao produtor con estas palabras: “Esquece a  lóxica, agora estamos en Checoslovaquia”

Casualmente, e onde menos o esperaba, tiven ocasión de comprobar todo o anterior resumido á vez que denunciado, sen querer, na súa mentira e contradición, case diría que no seu irracionalismo. Aló en 1984 ou 1985, vin o filme Amadeus, de Milos Forman, un checo emigrado a USA. Entón non me convenceu nada. Hai pouco decidín revisar o filme mercando un dvd coa versión íntegra. Contiña, ademais, un documental sobre cómo se fixo, este de 2002, é dicir, elaborado case vinte anos máis tarde. Fiquei abraiado, perplexo e constrito perante o que escoitei por boca de Milos Forman, o director, e  Vicent Schiavelli, un dos actores secundarios, sobre todo. Tamén polo ton xeral empregado para falar da Checoslovaquia “comunista” por outros entrevistados, o produtor Saul Zaent, por exemplo, en contraste co que as imaxes evidenciaban e algúns, de forma máis espontánea, recoñecían, en especial  a encargada do deseño de produción, Patrizia Von Brandestein.

Viena, Budapest ou Praga

O filme só podía ser rodado en tres cidades mozartianas, Viena, Budapest ou Praga. Ao final, escolleron Praga. Nada máis entrar no país, Forman alertou ao produtor con estas palabras: “Esquece a  lóxica, agora estamos en Checoslovaquia”. A elección derivou, entre outras causas, de que o urbanismo e a arquitectura do século XVIII estaban intactas na capital checa, segundo o director. Porén, para el, debíase á “ineficacia comunista”. A evocación do pasado era tan fácil que estaba favorecida porque, monstruosidade, “non había publicidade”, en expresión badoca e admirada sobre o seu “atraso”, enunciada por un Vicent Schiavelli con excesiva simulación. De todos os xeitos, Forman recoñece que é unha cidade “preciosa e exquisita”. Sentíase cualificado como “traidor e inmigrante” sen que ningunha autoridade “comunista” o fixer, e disposto a “distanciarse emocionalmente do seu pasado para non prexudicar o filme”. Porén, vinte anos máis tarde vémolo incapaz de distanciarse sequera dun anticomunismo primario, por moito que empregue un ton diletante e relaxado de perdoa vidas. 

As autoridades checas puxeron a disposición da equipa do filme o único teatro totalmente de madeira que se conserva na Europa, no que Mozart tiña estreado Don Giovanni

As autoridades checas puxeron a disposición da equipa do  filme todas as infraestruturas e medios que demandaron, tanto é así que deseñadora da produción, Patrizia Von Brandestein, expresa a súa implícita admiración e gratitude  co recoñecemento da  “confianza que depositaron en nós”, de forma especial pola utilización como plató do único teatro totalmente de madeira que se conserva na Europa, no que Mozart tiña estreado Don Giovanni. Os actores recoñecen que se criou unha atmosfera especial pois todos eran conscientes de que actuaban nun lugar que estaba exactamente igual que cando actuara alí o heroe do filme. O guionista, Peter Shaffer, autor da obra dramática na que se basea, foi descuberto chorando nun recuncho atinxido por tanta fermosura. Valoración de Forman, após recoñecer que el só tivo que colocar a cámara para rodar tanta marabilla: o teatro de madeira tiña unha iluminación de época que se alimentaba dun gasoduto, centos de velas acesas, non fora modernizado. Polo tanto, era unha “neglixencia”, “un barril de pólvora”; un “polvorín”,  remacha Jeffrey Jones, o actor que fai de Emperador Xosé. Mentres aluden con reiteración, e como curiosidade exotérica e burlona, aos 40 ou 50 bombeiros alí desprazados, situados detrás do escenario, como medida preventiva por se ocorría algunha incidencia….

F. Murray Abraham

Como corresponde á visión debidamente tópica no Occidente sobre os outros, non lles cabe a menor dúbida de que estaban sendo espiados a través de micrófonos ocultos en todas as partes, e en especial nas habitacións do hotel respectivo. Tal era a contumacia deste crenza nalgúns deles que os leva a accións irresponsábeis e temerarias, que en calquera país serían duramente castigadas. Desde logo nos USA serían acusados de atentado terrorista. Un actor que acompaña a F. Murray Abraham investiga nas arañas ou lámpadas, sen resultado, levanta alfombras e acaba por acreditar en que deu co secreto, unha especie de prato metálico con parafusos no chan. Decidido a non tolerar o control das súas conversas, apréstase a arrincar os parafusos con entusiasmo. Conta Murray, con sorriso benévolo e como se dunha travesura infantil se tratar, que, cando o seu acompañante deu quitado o último, a seguir soou un pavoroso estrondo no andar de abaixo. Era a lámpada que estaba suxeita no teito por este prato con parafusos: tiña caído no chan de forma estrepitosa. Decidiron liscar á cear como se nada. Alén da destrución gratuíta, só a casualidade librou de morrer  ao hóspede ou hóspedes do piso de abaixo….

Non fixen máis que me preguntar cando vira eu por vez primeira unha ananás fresca… Debeu ser en Portugal  a fins da década dos sesenta

A conformidade cos tópicos anticomunistas dun filme de serie B, comparación evocada por un dos entrevistados, é corroborada por Schiavelli, que nos regala, ademais, cunha actuación viscosa  de como se comportou un dos extras, para el un policía secreto, sen ningunha dúbida. Resulta que un seu amigo checo de USA deulle un paquete cunha  ananás e limóns para llo levar á súa filla residente en Praga. Cando ela vai recollelo ao lugar da rodaxe, este suposto policía interésase polo que vai no paquete. En resposta á súa pregunta, Schiavelli desvélalle que vai unha  ananás e limóns. Porén, o suposto policía porfía: “…de lata?....”Fresca”, retruca o actor…Todo escenificado con hiperbólica sinuosidade e amaneiramento, para ridiculizar a, para el, finxida solerma do suposto policía…Admiración rendida deste: “Aaah!!!”. E así durante vinte minutos rodou entre a morea de extras, a pregunta, a resposta e a admiración daspobres xentes que nunca viran unha ananás, a non ser en lata…Aquela debeu ser a única existente en toda Praga a comezos do 1983…Non fixen máis que me preguntar cando vira eu por vez primeira unha ananás fresca…Debeu ser en Portugal  a fins da década dos sesenta. Comelas, cunha certa asiduidade, nunca antes dos noventa. Até entón sempre en lata, e como exótica aparición culinaria festiva…

A conformidade cos tópicos anticomunistas dun filme de serie B, comparación evocada por un dos entrevistados, é corroborada por Schiavelli 

Volvamos ao sobrado Milos Forman. E como conta algunha anécdota do acontecido. Constatemos a súa incapacidade para valorar a confianza nel depositada, os favores feitos e a colaboración prestada. Valore quen le isto. Contou con máis de 500 extras. Reunidos nun teatro para gravar unha escena, asistiu a algo para el inesperado. Cando ía comezar a rodar, unha enorme bandeira americana foi despregada desde o último piso até o patio de butacas, ao tempo que, postos en pé a maioría dos extras, cantaban o himno nacional americano. Admirábel! Só trinta permaneceron sentados, dinos Milos Forman co seu preciso e precioso académico inglés, para aclarar tamén sen rubor nin dúbidas: eran os membros da policía secreta… Así comezou a rodaxe de Amadeus. O actor Jeffrey Jones non ten empacho en cualificalo, con cara de home benévolo e risoño, de “acto subversivo”. Non sei eu o que foi, nin quen o moveu, nin a súa intencionalidade. En todo caso, sei que non lle pasou nada a ninguén. Poderíamos imaxinar unha rodaxe dunha equipa cinematográfica checa ou soviética de entón  no Metropolitan, na que se producise un suceso similar con bandeira checa ou soviética? Naturalmente, xa non sería posíbel nin argallar semellante provocación.

Colaboración checa

No documental sobre como se fixo o filme só intervén un checo, que fala checo. Non se ten nin a consideración de pór o seu nome. Desleixo, esquecemento? Parece como un castigo por non falar inglés…as súas palabras son solapadas axiña por unha voz que as traduce a este idioma, alén da lendaxe respectiva. Tamén parece unha desconsideración por non meterse a esbardallar sobre carencias. A coreógrafa Twyla Tarp alude ás dificultades para dotar de perruquería, maquillaxe e vestiario de época a máis de 500 extras. Porén, recoñece que todo foi suplido polo enxeño, preparación e disposición dos colaboradores checos…un deles o anónimo entrevistado, quen si se preocupou de non criar dificultades á produción do filme…

No documental sobre como se fixo o filme só intervén un checo, que fala checo. Non se ten nin a consideración de pór o seu nome. Desleixo, esquecemento? Parece como un castigo por non falar inglés…

A arrogancia, a prepotencia e mesmo a burla están presentes nalgunhas intervencións, especialmente as de Milos Forman, Schiavelli e Jeffrey Jones e por contaminación no produtor, Saul Zaent. Mantéñense dentro dos límites do artístico e da valoración do esforzo realizado Tom Hulce e Murray Abraham, se ben este de forma colateral e sen querer , sen asomo de crítica, axuda a descubrir  a tropelía  da procura de micrófonos ocultos e o seu desenlace. Late un fondo de recoñecemento, á marxe de valoracións ideolóxicas, á colaboración prestada en Checoslovaquia nas intervencións de Twyla Tharp, e sobre todo de Patrizia Von Brandestein, como xa dixemos. Paira a ostentación dunha suposta superioridade moral, intelectual, política e mesmo artística, do mundo capitalista, dos USA en relación con Checoslovaquia,  o mundo “comunista”, do “pano de aceiro”, a todas luces fatua e innecesaria. E o que resulta máis grave, prescíndese de calquera relación entre o trato recibido das autoridades checas e a valoración conseguinte, en xusta correspondencia, alén das simpatías ou antipatías ideolóxicas. Fenómeno moito máis rechamante de termos presente que o documental se realiza  case vinte anos máis tarde do filme ser rodado. Non existía xa a República Popular Checa, nin o “pano de aceiro” nin “comunismo” opresivo. Todo fai pensar que o eurocentrismo, a exaltación do individualismo, da liberdade, do negocio, da cultura anglosaxona, do home branco occidental e do capitalismo, esixe continuamente o incenso, a adoración, no seu altar da desigualdade…e todo o que sexa sospeitoso debe ser escarnecido até o ridículo.

Ragtime e Larry Flint

Á luz desta actitude habería que lle preguntar a Milos Forman por que a súa disección da extorsión, a corrupción e a violencia contra os pobres en Ragtime, ou a súa mostra da manipulación mediática en Larry Flint, sempre o capitalismo na súa expresión máis depurada, non o leva a escarnecer, ridiculizar, distanciarse ou desprezar sequera moral ou racionalmente o réxime e o sistema vixentes en USA e os Estados do capitalismo central…En todo caso, a tendencia a escarnecer até o ridículo e a irracionalidade os discrepantes, diferentes, non homologados ou conflitivamente integrados na orde mundial vixente continua máis viva do que nunca, desaparecido o mal comunista. Il non será que a eiva está na xerarquía imperial dominante?

Comentarios