xoves 28.05.2020

Memoria histórica e clase dirixente

Galiza ten un grave problema de memoria histórica. A nosa maior desmemoria non é respecto  do alzamento militar fascista de 1936 e as graves secuelas que tivo. A proximidade no tempo, a incidencia  da violencia asasina en boa parte das familias con membros paseados, exiliados, desterrados e perseguidos e ser un suceso de ámbito estatal, malia ás especificidades en cada unha das distintas nacións, axudaron a que se desenterrase, ao cabo e de forma tardía, o agochado. Curiosamente en todo o que ten a ver con esta etapa histórica dáse unha reticencia rechamante a falar de memoria histórica de Galiza, como se o nome do país fose tabú. Porén, recuperar a memoria do alzamento militar e da represión posterior na Galiza evidenciou o que a historia oficial, de signo variado, desatendía e desprezaba. Parecía que Galiza fora en esencia franquista e os seus sufrimentos, menores. Sería bo cavilar en cal tería sido o papel de Galiza na II República de non ter existido o PG e homes como Castelao ou Bóveda, entre outros. Eles cumpriron no campo político e desde unha posición minoritaria, o papel de clase dirixente do país. Así Galiza existiu como pobo con aspiracións de seu na legalidade republicana. Non é casual que Castelao fixese unha obra plástica específica para denunciar  a represión do fascismo  contra o pobo galego e a súa resistencia: Galicia mártir, Atila en Galicia e Milicianos.

Outros momentos ou fases críticas, os máis descoñecidos pola inmensa maioría, da Idade Media, en especial, ilustran sobre unha realidade moi diferente á de hoxe e á da República. O país contaba con clase dirixente, con estratexia política propia. Carecemos desa clase ou clases dirixentes hoxe. Por se tratar dun momento estelar e crítico para o país, aproveitando que estamos en marzo, vou rememorar un momento decisivo para o noso futuro. Na segunda metade do século XIV, Galiza foi o epicentro, na monarquía plurinacional, da causa de Pedro I, no combate  contra os falsos Trastámara (cantos saben que é un título de orixe galega roubado?).  A súa clase dirixente aínda era galego-portuguesa. Tratábase dunha nobreza de grande avoengo, Fernando de Castro á cabeza, aliada coa burguesía de vilas e cidades. Apostaba polo comercio atlántico e a recuperación da unidade con Portugal. Era o seu un programa revolucionario en contraste coas forzas sociais que en Castela apoiaban o trastamarismo.

Galiza só acabou sendo dominada pola invasión dun exército multinacional trastamarista, que derrotou en Porto de Bois en 1371, perto de Pambre, as hostes de Fernando de Castro. Centos de persoas fuxiron a Portugal, desde onde facían incursións na Galiza contra o poder Trastámara. A finais de 1372, o exército multinacional invadiu Portugal. A paz asinada, O Tratado de Santarém (19 de marzo de 1373)  obrigaba o rei portugués a expulsar nun prazo non inferior a 30 días os castristas alí refuxiados, Fernando de Castro o primeiro. Unhas cincocentas persoas marcharon ao exilio en Inglaterra, onde moitos morreron. Non sabemos nin onde está soterrado Fernando de Castro. A clase dirixente galega quedaba eliminada. O país comezou a transitar polo funil do que aínda hoxe intenta saír. 

Memoria histórica e clase dirixente
comentarios