Opinión

Máis do mesmo

Cabería esperar, de haber unha mínima racionalidade e disposición a favorecer os intereses do país, Galiza, que se revisase o deseño económico que se vén aplicando ou, mellor dito, asumindo, por parte da Xunta. Non sería difícil chegar a conclusións se se valorase, cunha pinga de espírito crítico, a evolución socio-económica, demográfica, cultural e lingüística da nosa sociedade nos últimos corenta anos, e moi en concreto nos quince derradeiros. Por outra parte, contra o que algúns sectores puidesen esperar, tendo presente as secuelas que está a provocar o andazo pandémico, singularmente nos países que teñen, como fonte de ingresos moi importante o turismo, séguese apostando por este sector como clave do noso futuro. Enleados neste ronsel, eis o que se coce, aumentado e sen corrixir do noso presente, para o futuro.

Ence non só pretende continuar onde sempre, senón que aspira a impedir que se modifique a política forestal que converteu Galiza nun eucaliptal irracional, desbordado e sen control. Colaborou así a impulsar a renuncia á base agraria do país e a unha explotación equilibrada, integrada e integral, do monte. Recorre á propaganda desaforada, á axitación do medo co recurso á mentalidade esmoleira e pasiva que ela mesma creou, para desacreditar calquera outra alternativa de explotación que non sexa o seu dominio e espolio prepotente. Naturalmente conta coa conivencia do poder político autonómico e a indolencia cómplice do estatal. E non lle falta o apoio de grupos sindicais da empresa que, por ela amparados e con métodos mafiosos, perseguen intimidar e calar a quen leva moitos anos reclamando o traslado da ría de Pontevedra, o goberno municipal da cidade, e dividir unha opinión pública maioritaria favorábel ao traslado da factoría.

Hoxe a enerxía eléctrica que Galiza produce, a que consome e exporta, é toda derivada de fontes de enerxía renovábeis, en especial hidráulica e eólica. Curiosamente, proxéctase un aumento espectacular de produción de enerxía eléctrica no noso país na eólica, na mariña e mesmo na hidráulica, sen que vaia repercutir en nada favorábel a nós mesmos. Trátase, en nome da transición verde, de seguir alimentando o desenvolvemento doutros, sen tirar o mínimo beneficio propio desta explotación dos nosos recursos naturais, e hipotecando, aínda máis, o noso ecosistema terrestre, fluvial  e marítimo, para alén da nosa paisaxe. Agasallamos enerxía a un prezo unitario en todo o Estado, mentres cargamos con todas as secuelas deste tipo de explotacións, concedidas a grandes empresas foráneas, a maioría con sede en Madrid, onde pagan os seus impostos. Colaboramos así, aínda enriba, a agravar a macrocefalia política, económica, cultural e ideolóxica que nos aniquila, nos devora e nos despreza como pobo diferente. 

Hai que ter valor para centrar nun Xacobeo bianual a esperanza da recuperación económica de Galiza. O diñeiro público ponse ao servizo de espallar cultura allea, anular a lingua propia, favorecer empresas madrileñas, ignorar a existencia do noso patrimonio histórico e artístico, e derramar máis o hábitat e os ecosistemas. Chaman o Camiño, á peregrinación a un santuario en Santiago, do que se adoita obviar a vinculación a Galiza e a un pobo con historia de seu, o galego. Para alén de mudar o modelo de Xacobeo, habería que ir pensando na procura de alternativas máis sólidas, apostando por crear riqueza con traballo produtivo, no canto de ter o país a monte, deformado e abandonado. Poderíamos seguir. Teñamos claro que intentarán, en nome da transición verde e dos chamados fondos europeos, que para nós todo siga a ser máis do mesmo.

Comentarios