Opinión

A inflexión reveladora

A etapa trumpista nos USA foi motivo de especial desacougo e frustración para boa parte dos gobernos e da opinión pública dos Estados da UE. Sentíronse como desamparados, privados do faro orientador e dun símbolo que representaba un modelo de vida, uns valores e formas políticas ideais, para alén dun suposto amigo protector presto a nos defender contra os totalitarismos. Felizmente Biden viría restaurar a devandita visión ficcional dos USA, para consolo de europeos defraudados coa imaxe tan chocante e estridente de Trump. Tanto ten que as fendas polas que supura un sistema caduco, opresivo e desigual, como o capitalismo global ou imperial, expresen unha irracionalidade e unhas contradicións que claman a súa superación, a súa mutación urxente, nos USA tamén. Dá a impresión que os Estados da UE, uns máis que outros, e con eles parte dos seus cidadáns, non saben vivir con independencia de criterio, desvincularse do amigo americano, e ter unha estratexia política propia. Adoecen de estaren afogados pola ideoloxía do sistema e das súas clases dirixentes. Chámano neoliberalismo, en realidade o reino dos oligopolios de todo tipo e do capital financeiro, cos Estados, uns máis que outros, de acólitos. No caso da UE, reunidos en conclave nos seus órganos de goberno, amparan e dan forma legal ao voraz apetito dos beneficiados deste mercado único. Tanto ten que o barco faga auga por múltiples buratos. Din que é o mundo da liberdade e da democracia por antonomasia, da modernidade. Porén, non fai falta ser moi agudo para descubrir, detrás do discurso estereotipado e anacrónico, que se quere obviar, escurecer ou manipular o que realmente está pasando. Non só nos USA senón en boa parte do mundo, incluídos nós. 

Estamos collidos nunha trampa que nos incita a crer en que o capitalismo triunfante é un modelo económico e social insubstituíbel e a globalización capitalista a modernidade do progreso universal. Se somos quen de nos distanciar desa óptica, seranos máis fácil comprender o por que de situación tan crítica e irracional para as maiorías sociais e para pobos como o noso, en especial, nesta conxuntura, que a pandemia non fai máis que revelar de forma aínda máis crúa. Nos USA, malia parecer incríbel, o trumpismo sociolóxico expresa, de forma caótica e irracional, a irritación contra o stablishment, contra o réxime e mesmo contra o sistema. Aliméntase paradoxalmente de ideoloxemas e valores dese sistema capitalista, crendo  atacar os lobos de Wall Street ou a oligarquía global e a forma de facer política os seus servidores. Tomaron a irreverente e en aparencia espontánea palabra de Trump como un síntoma de rexeneración: a volta aos principios dos fundadores que prometían felicidade para todos, que o esforzo individual sempre obtiña premio nesa terra de oportunidades para o negocio, e que USA debe ser sempre o primeiro. O trumpismo foi tolerado, de inicio, para encamiñar unha crise de lexitimidade. Necesitábase unha terapia propagandística que calase na masa descontenta. Acabou sendo en exceso discordante e irreverente, para quen, en principio, o tolerou ou favoreceu. Unha resposta irracional aos males do sistema, pois non se trataba de mudalo; é máis, nunha cabriola de inversión da realidade, foi a explosión contra un dos fantasmas do americano medio: o socialismo. 

Nesta conxuntura, o irracionalismo, conforma a historia e o substrato cultural de cada pobo, acabará manifestándose de forma brutal. No noso caso, dependerá do nacionalismo galego, en boa maneira, que o noso pobo aposte por unha alternativa de mudanza real. O irracionalismo á española sería, é xa, para nós mortal. 

Comentarios