Opinión

Impotencia e aparencia

Xa comeza a ser norma que o Goberno de España, nalgunhas ocasións conflitivas, emita dúas mensaxes, a do que sería desexábel e a da inevitábel continuidade do existente. O resultado final é sempre que todo debe continuar igual, pois de momento, cando menos, é imposíbel atallar as causas que producen os males denunciados. Así pasou, por exemplo, cos prezos da enerxía eléctrica. O debate gobernativo foi máis unha posta en escena propagandística que a apertura dunha fenda para a mudanza. Consiste en recoñecer o mal e non actuar, aparentar e non ser. Igual, en menor medida, pasou respecto do papel e comportamento dunha banca que actúa ás súas anchas sen ninguén lle cortar as ás da súa prepotencia.

Cinguíndonos ao mundo da industria, no ámbito galego observamos como, no caso de Alcoa, por exemplo, a Xunta agocha a súa indiferenza e impotencia aparentando pórse da beira dos traballadores, e o Goberno español pretende ser un mero árbitro agochando as súas responsabilidades e competencias. Nen intención nen disposición mostran a garantir, desde a súa propia iniciativa e competencia, a continuidade da empresa e dos postos de traballo. Claro está que ventamos que a incapacidade, no mellor dos casos, dos gobernos é directamente proporcional á arrogancia destas grandes empresas e á corrupción intrínseca a unha legalidade pensada, cando menos, para dar cobertura á irresponsabilidade empresarial e contemplar subterfuxios para lear, demorar ou impedir solucións que lles sexan desfavorábeis nalgún sentido.

A política da aparencia está moi aguzada, precisamente por causa da impotencia ou da resiliencia, esta si, a mudar o sistema. Até a maioría social que o padece e sofre está inxectada da ideoloxía que o sustenta. Non o ve, en esencia, modificábel. Así amplos sectores acaban por se identificaren con políticas que, no canto de enfrontaren os seus problemas, recorren a exacerbar a aparencia ilusionista. Un caso paradigmático é a iluminación viguesa do Nadal. Un mozo moderno e cosmopolita díxome: "Nos fixo figurar no mapa". Os ilusionados son os primeiros estafados porque a argallada non paraliza o deterioro económico, social e cultural que padecen, mentres o erario público vale para alimentar que o prestidixitador se perpetúe no cargo. A política do espectáculo sempre está ao servizo do negocio de alguén. Nunca ao servizo dunha causa colectiva. No mesmo caso vigués, resulta triste ver como os gobernos estatais apostan por investir unha cuantiosa cantidade de diñeiro nunha monstruosa, suntuaria e innecesaria estación dos camiños de ferro, co consabido centro comercial e de ocio como nuclear, mentres se abandona a liña ferroviaria Vigo-Ourense polo Miño, que pasa por polígonos industriais e por diversas vilas, e conecta con Portugal. Non é vital para a incardinación de Vigo no territorio e na sociedade aquén a e alén Miño nos que a cidade está inmersa e dos que vive?

En contraste, aboia sempre a obsesión por chegar a Madrid cinco minutos antes, propondo obras que apostan por máis atentados ecolóxicos e malgasto do diñeiro público. Só o negocio empresarial pode xustificalo, e o desprezo máis absoluto por Galiza como unha unidade política, económica e social. Causa estupor e abraio observar como se nos fai prisioneiros dos andazos que o sistema aviva: individualismo exacerbado, localismo, criticismo irracional, á vez que conformidade e ilusionismo infantil. É posíbel que nunca houbese tanta frustración como agora pola situación que se vive. Porén, parece haber pouca vontade de mudala, en particular a da realidade nacional á que, obxectivamente, pertencemos. En todo caso, desde unha perspectiva galega, a solución non está en apuntarse na predicación política ao ilusionismo. Estará en apuntarse a unha ilusión baseada na vontade real de mudar a situación de Galiza.

Comentarios