Opinión

Ilusionismo en quebra

Leo en Nós Diario a interesante entrevista a Pedro Mouriño, director executivo dunha compañía galega con laboratorios, que ten acordos co goberno ruso para comercializar a vacina Sputnik no Estado español e Portugal. O executivo revela que, a finais de febreiro deste ano, se dirixiu por carta á Ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, para lle expresar a disposición a fabricar Sputnik V nos laboratorios de Zendal no Porriño. Non tivo nen contestación. Tamén foron trasladadas distintas ofertas de tratamento contra covid-19, non só a vacina Sputnik, de patente rusa, á Xunta de Galiza. Acharon un silencio xordo. Que unidade de criterio e que obediencia cega a do españolismo europeísta! Que observancia férrea dos ditados que reciben, e partillan con ilusionismo de ben mandados!

Resulta escandaloso que, no contexto dunha pandemia que, para alén de mortes e secuelas para a saúde, está agravando unha situación económica xa precaria para a maioría, se manteña unha actitude gobernativa tan indolente e estática. Gástanse cartos de forma descontrolada en vacinas inseguras e problemáticas, con abastecemento insuficiente,  que obriga a ritmos de vacinación dunha lentitude penosa. Asinaron contratos con farmacéuticas transnacionais occidentais, cuxas cláusulas descoñecemos, e mesmo previamente subvencionadas con diñeiro público, que agora non responden aos compromisos nen ás garantías sanitarias. Porén, persístese en impedir a introdución e uso de outras vacinas, xa probadas en millóns de persoas doutros países sen problemas relevantes, de máis baixo custe económico e con posibilidade de transferencia de tecnoloxía. A UE resístese a actuar con criterios de racionalidade e responsabilidade social, pondo en perigo a saúde da súa poboación, mentres algúns dos seus Estados, con certa capacidade política autónoma (Hungría, Alemaña, Austria…),  perante a evidencia da fraude perpetrada e a ineficacia conseguinte, que o ilusionismo non é quen de esvaer, dispóñense a buscar solución recorrendo á vacina rusa. 

Máis unha vez, demóstrase que a UE non é máis que un mercado, onde o determinante maior é garantir os intereses das transnacionais de matriz occidental, gravemente condicionada aínda enriba por unha dependencia político-militar, cultural e ideolóxica de fondo aos USA. Algún entusiasta europeísta acaba de se decatar da coincidencia excesiva do mapa da UE co da OTAN. Como unidade de Estados xerarquizados, exhala o peor eurocentrismo, a indolente soberbia de quen se cre superior cultural e politicamente, propia da mentalidade imperialista, que exhibe tamén para o seu interior. Parece non se decatar que, tanto para fóra como para dentro, comeza a vivir nun ilusionismo en quebra. Os máis lacaios internos do artefacto podemos coñecelos polo seu especial servilismo. Están cegos de obediencia, exhibindo o seu ilusionismo. Así se comporta politicamente o Estado español. Serán os últimos en se decatar de quedaren burlados e espidos. E o servil mandarín da Xunta de Galiza, o noso país, o delegado de España aquí, peza senlleira do españolismo europeísta, aférrase ao ilusionismo consistente en favorecer o negocio alleo a custa da propia existencia colectiva do pobo galego. Para que a vacina rusa e a posibilidade de producila e comercializala desde aquí, desde a Galiza? O ilusionismo do españolismo europeísta déixanos, como pobo,  cada vez máis espidos e desamparados en todos os aspectos. Levamos moito vendo a modernidade posíbel na nosa progresiva ruína, e como salvadores a quen a provoca. Con todo, este ilusionismo está en quebra, queiramos ou non. 

Comentarios