Opinión

O ilusionismo incesante

Síntome identificado coa tradición nacionalista galega que non viu en USA un país exemplar ou digno de admiración. Conecto coa imaxe crítica do Castelao, formada xa entre 1939-1940, cando o percorreu en campaña a prol do Goberno da República española, aproveitando para conectar e se fundir coa nosa emigración, secuela da nosa dependencia e exemplo de como a nosa deformación non se cura na diáspora. Estes días abafoume o entusiasmo político e mediático, como se se producira a boa nova dunha epifanía liberadora, co triunfo electoral de Joe Biden e Kamala Harris alí. Comprendo que unha parte importante do pobo, após catro anos de trumpismo e moitos anos de abulia electoral, mostrase alivio e se sentise reconfortada por lograr a saída da Casa Branca dun presidente con tantas arestas irracionais, adicto a afondar moitos dos prexuízos e ideas consoladoras da sociedade norteamericana, co recurso a unha demagoxia pouco convencional e de eficaz simplismo para penetrar en sectores populares. O seu American first partía dunha visión, fondamente partillada, de os USA seren líderes mundiais, en contraste coa marxinación e o empobrecemento progresivo de amplas capas da poboación, e unha grave crise de lexitimidade política. Necesitábase un revulsivo dentro do propio sistema. Durou o xusto. 

Porén, resulta cando menos chocante a forma en que o triunfo de Biden foi recibido, en xeral, dentro da UE, e de forma moi particular no Estado español. A cobertura informativa aquí das eleccións en USA foi unha anomalía por exceso, ton e identificación, como se se tratar de algo propio nun momento crítico. Exhibiuse un alarde de adulación, reverencia e servilismo, nunha dupla vertente: o devezo por unha recuperación dun suposto papel reitor benéfico dos USA no mundo; a elección do candidato demócrata como unha beizón do ceo. Non é que case todo o arco parlamentar e o Goberno felicitaran o gañador. Fixérono, comezando polo Presidente (aquí tamén o inefábel Feixóo), desde o momento en que os poderes fácticos dos USA (Wall Street e principais cadeas de TV) sentenciaron Trump como perdedor, sen estar acabado sequera o reconto. Os gobernos dos Estados da UE expresáronse case todos con formas impropias de Estados soberanos, máis ben fixérono como satélites que ven por fin recuperada a súa órbita. Foi como se sentiran a restauración celestial dun xefe ou guía após se veren desasistidos e desorientados varios anos sen el. Polo que se ve a alianza transatlántica, incluído o artefacto agresivo da OTAN, é para eles vital. A UE necesita do amo americano, como unha súa continuidade en versión de fillo predilecto triunfador para o pai acreditar que segue vivo nel. Partillan os valores do libre mercado, da globalización económica, a liberdade individualista, non a dos pobos, e a pretensión de supremacía ou hexemonía fronte a Rusia ou China. O malo é que intentan ancorar os seus pobos nun eurocentrismo que os faga estar cegos perante as mudanzas no mundo.

Claro está que algúns gobernantes actúan con máis picardía e realismo que outros, dentro deste dogma. España está entre os Estados de fe inquebrantábel e cega. Non pinta nada no deseño. A súa única obsesión é obedecer e procurar apoios para manter a súa sagrada unidade e silencios cómplices para as súas intransixencias no interior.
Para dentro verase. Para fóra Biden representa máis agresividade real con Rusia, e como impedir a hexemonía china, como recuperar para USA a cabeza da mesa. Ten unha corte de seguidores. Por fortuna xa hai outros que teñen poder e forza económica, política e militar, que non son vulnerábeis nin por intimidación nin por agresión. Sería mellor aceitar o mundo diverso e plural existente, liberarse dun eurocentrismo (con xefatura USA) para nós sen percurso. 

Comentarios